Enredadas nos seus dereitos

De seguro que aquel día Corme non era distinto a calquera outra xornada outonal pouco afortunada, pero a paisaxe marítima, especialmente cando está de brétema, sempre resulta estraña aos ollos que están acostumados ao interior. O arrecendo sublime e particular da balumada coábaseme polo nariz dun xeito intenso. No porto vetusto rompían as ondas, as gaivotas sobrevoaban os cons e a mesta néboa facía un esfumado pictórico dos cantís que me lembrou, de xeito inevitable á paisaxe de fondo da Monna Lisa. Uns mozos con traxe de auga amarelo pelexaban cunhas redes ao borde das escaleiras do porto.

(FOTOS: María Luísa Mosteiro)

As casetas debuxaban unha silueta escura, un tanto tétrica, coa luz propia das oito da mañá. A número quince tiña a porta aberta. Á dereita, colocada con pulcritude sobre mobles de castaño, toda unha colección de obxectos artesanais, dende pendentes ata bolsos, tecidos coas técnicas das redes.

Unha muller enxoita, de mediana idade, moldeaba de xeito metódico varias cordas dun aparello. Mans axadas. Sorrindo, sen dicir nada, ergueuse e levantou por completo a porta metálica da caseta para ver mellor. A claridade do exterior deixou entrever uns ollos francos e un medio sorriso. Rosa era a presidenta da Federación de Redeiras O Peirao.

Enredadas na federación
Cando vostede pasea por calquera vila costeira pode non reparar nelas. Pero alí están. Unha das estampas máis fotografadas dos portos galegos: as redeiras. A súa é unha imaxe de serenidade no medio do peirao. As súas mans curtidas poñen a punto as redes, un traballo indispensable para a pesca. Non hai porto sen pesca, pero o máis importante: non hai pesca sen elas. Porén, ¿hai relevo xeracional? ¿Como se pode regulamentar o oficio para que as máis mozas se interesen? ¿Cales son os pasos nesa dirección?

A finais do 2002, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos comezou a establecer contacto coas redeiras das distintas localidades da costa galega. Non foi un traballo sinxelo, xa que a única maneira foi ir municipio por municipio preguntando nas confrarías quen eran e onde traballaban as redeiras. Todas as interesadas en crear unha asociación reuníronse en Compostela en abril do 2003.

Tras o primeiro encontro, e ao longo dese ano fóronse creando diversas asociacións polas zonas costeiras. A resposta foi tan positiva que se solicitou a celebración do II Encontro de Redeiras, tamén en Santiago.

Froito dos continuos contactos das diferentes asociacións, constatouse que os intereses eran comúns e comezouse a contemplar a posibilidade de crear unha federación con todas as asociacións existentes en Galicia. A finais do 2004 celébrase o III Encontro de Redeiras. O obxectivo foi a creación da Federación Galega de Redeiras Artesás que se consitutíu o 30 de setembro de 2004.

O Consello Reitor da Federación está formado por cinco mulleres redeiras de diferentes portos galegos. Estas guerreiras inician unha nova etapa porque loitan xuntas para lograr os seus principais obxectivos: dignificar a súa profesión e sacar ás redeiras da situación de invisibilidade na que se atopan ata o de agora.

A especialista en economía pesqueira e catedrática da Facultade de Económicas, María do Carmo García Negro sostén que os ''pasos dados polas redeiras foron moi positivos'', mesmo afirma que na sociedade na que vivimos están ''máis por diante do esperable''. A catedrática lóuvaas ao afirmar que ''aínda que tiveron amparo institucional, os primeiros pasos tiveron que dalos elas''.

Mulleres, artesanía e estacionalidade
A actividade pesqueira supón moito máis ca propia extracción de peixe, posto que para que esta exista, danse unha serie de labores moi sinalados que teñen gran repercusión en Galicia, como o das redeiras. Porén, o seu recoñecemento social e económico non sempre é tratado con igualdade en relación a outras profesións.

O ámbito profesional das redeiras está marcado por ser un traballo no que prima a artesanía e o xénero feminino. A idade media está comprendida entre os 40 e os 65 anos, e moitas contan con varias décadas de antigüidade no oficio, pois comezaron a exercelo dende a infancia ou dende a mocidade. O colectivo de menores de trinta anos representa un 2%.

Para paliar estas eivas nalgunhas das asociacións existentes puxéronse en marcha actividades de artesanía. E así, relacionaron as redes co mundo dos complementos. Rosa explica que usan ''a técnica das redes para facer outras cousas". Ensina, orgullosa uns femosos pendentes e varias bufandas e foulards. ''Nós queriamos poñelos máis baratos, pero tamén é verdade que levan moito tempo e son de bos materiais''. Unha das pezas é en gris plata, dunha delicadeza exquisita. Tamén hai bolsos, pulseiras e colgantes. Todo feito á man coa mesma pulcritude coa que Rosa moldeaba as redes cando entrei pola porta da caseta.

As redeiras están especializadas en diferentes artes e aparellos: redes de cerco, palangre e artes menores. Os ingresos mínimos están comprendidos entre os trescentos e os cincocentos euros ao mes e un 75% das traballadoras non acadan o salario mínimo interprofesional. A eses ingresos hai que descontarlle a Seguridade Social e decote outros gastos como o alugueiro da nave onde reparan as redes, a luz, a auga... Outra eiva é que non traballan todos os meses do ano. De feito en moitas zonas costeiras pasan longas tempadas sen actividade e, polo tanto, sen ingresos.

Para García Negro a solución é evidente: ''A xente traballa en condicións estables e ben remuneradas''. Ao fío disto, engade que "é unha cuestión material, non de convencer a xente moza''. A catedrática explica que, ''cando se necesita crear capacidade nova nun sector, hai que aumentar os salarios''.

Outro punto que subliña García Negro é que "as condicións técnicas de traballo en locais escuros, húmidos e insalubres" tampouco axudan a que "as máis novas se interesen; ¿Por que vas traballar nun sitio así se podes gañar máis poñendo copas unha noite?". Para a catedrática sería preciso "subvencionar zonas que reúnan boas condicións de vida e, sobre todo, de luz, dado o intensivo do traballo para a vista''.

Estratos de redeiras
O intrusismo é o principal problema ao que se enfrontan as redeiras galegas, pois representa unha alta taxa do sector. Este traballo sen declarar, que exercen principalmente xubiladas e mulleres que non están dadas de alta na Seguridade Social, deixase notar no volume e o importe dos encargos que reciben as redeiras profesionais, xa que para facer fronte a este descenso da demanda, vense obrigadas a baixar o prezo do seu traballo.

Isto é difícil de combater, pois quen leva ao cabo esta ilegalidade traballa na súa casa ou a través de intermediarios que entregan o material e levan a rede confeccionada.

O sector masculino dedícase na súa totalidade á arte do arrastre. Traballan por conta allea e teñen uns ingresos satisfactorios, cun grao de intrusismo moi baixo. ''Eles traballan para empresas, nós somos autónomas, bueno, as que somos'', explica Rosa. Para García Negro neste punto inflúe a cuestión de xénero: ''Por suposto, a precaridade e a falta de estatuto profesional son máis intensas ao ser un sector maioritariamente feminino".

Polo tanto, podemos distinguir dous estratos de redeiras. O primeiro sería o conformado polas redeiras dadas de alta na Seguridade Social, cunha idade activa entre os 16 e os 65 anos e asociadas en asociaciónscolectivos profesionais voluntarios. O segundo estaría conformado por mulleres xubiladas, temporeiras ou inmigrantes. Traballarían no seu domicilio e sen cotizar.

Unha vez identificados ditos estratos, cómpre salientar que teñen influenza na relación de mercado entre demandadores de traballo e redeiras. Aos armadores interésalles reducir os custos dos inputs e polo tanto, a lóxica económica lévaos a aforrar onde poden. Un destes inputs é o traballo de elaboración ou arranxo de artes, redes e aparellos. Polo tanto, ante a posibilidade dun traballo máis barato, os armadores elixen esta opción, aínda que non sexa a profesional.

García Negro, ao fío disto afirma que ''o pequeno armador ten que aforrar en costes e el non pode discutir con Repsol o prezo do combustible, entón aforra nas redeiras". "Non é unha cuestión de bondade ou maldade, simplemente económica" sentencia.

Cóbados de tenista cos aparellos por raqueta
As condicións de traballo destas mulleres son pouco saudables e moi precarias, como ben sinalaba García Negro: humidade, frío, sol... ademais están as posturas e os movementos repetitivos que realizan durante un período de tempo. Isto aparella unha serie de doenzas físicas, principalmente musculares ou de orixe ósea e que tradicionalmente foron asociadas a este oficio, especialmente nas mans, brazos, pernas, costas, riles e ollos. Entre elas cabe destacar as lumbalxias, a síndrome do túnel carpiano, a reuma, as fracturas, o cóbado de tenista... Isto derívase non só do traballo de reparación senón tamén do esforzo que deriva de mover redes moi pesadas que conteñen chumbo.

Rosa explica que é un traballo "moi duro" e que ademais "para as máis novas é peor" porque "o tempo no que eu amaño un aparello, para elas sería o dobre".

García Negro sostén que as medidas de mellora son ''moitas'' pero no colectivo ten que haber unha concienciación de que "non pode ser traballar hoxe polo legal e mañá facer traballo en negro''

 
Onde queda a innovación?
Da procura de melloras para as redeiras pode derivarse certa actividade económica que proviría da innovación.

A propia García Negro propón un novedoso sistema: A utilización de identificadores electrónicos nas redes e aparellos de pesca artesanal. Ese tipo de chips reduciría o número de aparellos ilegais que se usan e limitaríase o dano ecolóxico que producen os que se perden ou se deixan abandonados no mar. Pero o realmente importante do sistema sería que eliminaría o estrato de redeiras ilegais, pois só as que están aseguradas poderían ter acceso aos identificadores e existirían sancións para as propias redeiras e para os armadores. Obviamente, as tarefas de inspección pesqueira veríanse moi simplificadas.

Por outra banda, e tendo en conta que é un oficio aínda totalmente artesanal queda moito por investigar. Algunhas das ideas serían: introducción de semicadeas de montaxe para as redes, tarimas con todo o preciso para soster redes e cordas, cadeiras ergonómicas que melloren a posición das mulleres, máquinas para apoiar as articulacións e que o traballo se faga máis levadeiro ou apeiros máis modernos, xa que o coitelo e a agulla, por exemplo, comezan a quedar obsoletos

Cuestión de determinación
En definitiva, existe un mercado de demanda de elaboración de aparellos e reparación de redes, pero a oferta está segmentada en estratos: un é legal e o outro non. As redeiras asociadas, profesionais conscientes, tratan de usar os medios legais ao seu alcance para tomar as mellores decisións para os seus dereitos.

Polo intre, non hai un medio legal para impedir a existencia deses dous estratos no mundo laboral, nin tampouco vontade política dos responsables das áreas económicas do noso país para darlle unha saída.

Polo tanto, o compromiso final queda sobre o tellado da administración autonómica. E é a súa responsabilidade porque é a reguladora última das condicións de traballo dos cidadáns. Neste caso, incluso máis, dado que é un labor feminizado, infravalorado, discriminado e mal definido. Ademais, o lóxico sería actuar en concordancia co resto de leis estatais e europeas, que procuran a modificación da tendencia estrutural do mercado a sobreexplotar aos colectivos de mulleres que acceden ao traballo dende planos de inferioridade. É dicir: Sen salario mínimo, sen historia de combate sindical, sen profesión regulada e sen amparo legal ás súas reivindicacións.

Cando saín da caseta, cuns delicados pendentes novos pendurados da orella, en Corme xa era case mediodía. A claridade reflexaba no mar e obrigaba a chiscar os ollos. Volvín a vista antes de entrar no coche: Rosa quedaba sentada na súa cadeira, coas costas encorvadas e o pescozo baixado. Tecendo a rede con pulcritude. Moldeando pouco a pouco as cordas dos seus dereitos.

 (FOTOS: María Luísa Mosteiro)

Comentarios