Unha escultura lembrará a diario no Hórreo a Bóveda e ás vítimas do franquismo

Asociacións e institucións públicas renden homenaxe a asasinados e exiliados e piden crear unha rede de lugares para a memoria ▶ Amalia Bóveda reclama un Día da Galicia Mártir, mentres que Santalices "renova os votos" do "bendito credo" do galeguismo
Amalia Bóveda, filla de Alexandre, visiblemente emocionada xunto a Román Rodríguez. PEPE FERRÍN
photo_camera Amalia Bóveda, filla de Alexandre, visiblemente emocionada xunto a Román Rodríguez. PEPE FERRÍN

Representantes das asociacións e fundacións de memoria histórica, autoridades institucionais e membros do Parlamento galego, capitaneados polo seu presidente, Miguel Santalices, participaron este mércores no Pazo do Hórreo nun acto de homenaxe a Alexandre Bóveda e ás vítimas do franquismo, no que tamén tomou a palabra a filla do galeguista represaliado, Amalia Bóveda.

Foi un acto para "reafirmar o compromiso coa democracia" e loitar contra o "manto de silencio" imposto durante décadas ás vítimas da represión franquista, cuxas historias, dixo Aurora Marco, son os fíos necesarios para "tecer o tapiz da dignidade".

Tras visionar un fragmento audiovisual que representaba o xuízo que condenou á morte a Alexandre Bóveda e o seu último discurso, reivindicando o seu amor e compromiso con Galicia, no acto tomou a palabra a historiadora Aurora Marco, que reivindicou a necesidade de "lembrar", xa que o esquecemento "produce unha segunda morte". E destacou a significación dun acto que "enxalza a homes e mulleres de diferente tendencia política que defenderon o réxime republicano.

Todos os grupos representados no Parlamento e autoridades galegas participaron no emotivo acto coa familia Bóveda celebrado no Hórreo. PEPE FERRÍN
Todos os grupos representados no Parlamento e autoridades galegas participaron no emotivo acto coa familia Bóveda celebrado no Hórreo. PEPE FERRÍN

Marco tivo palabras para os exiliados, que tiveron que contar as súas historias desde o exterior, así como para os que, como Bóveda, non puideron "contar a traxedia" porque "a súa vida foi segada". Uns e outros quedaron "baixo o groso manto da ocultación".

No capítulo das reclamacións, Marco instou a un maior apoio da Xunta ás asociacións, así como a creación dunha rede de lugares da memoria con simboloxía común e que a Illa de San Simón "volva ser a Illa da Memoria" e se primen nela as actividades deste tipo. Finalmente, reclamou que se trasladen estas historias ás aulas.

Amalia Bóveda

Amalia Bóveda, filla de Alexandre, tomou despois a palabra para reclamar a "conciencia" de que todos "formamos parte do mesmo grupo cultural".

Tamén celebrou que este acto sexa no Parlamento, a institución "na que reside o poder lexislativo" polo que "tanto traballaron os homenaxeados" e polo que algúns "deron as súas vidas" e reclamou que este tipo de homenaxes teñan continuación a modo de "Día da Galicia Mártir".

A escultura de Cándido Pazó. PEPE FERRÍN
A escultura de Cándido Pazó. PEPE FERRÍN

Santalices

O presidente do Parlamento foi o encargado de pechar o acto, que obedece a un acordo unánime alcanzado na Cámara galega en novembro de 2021 e serve para "reiterar a firme condena do Parlamento fronte á ditadura que durante 40 anos mantivo sometido ao noso pobo".

No discurso, Santalices reafirmou o compromiso do pobo galego "coa democracia, coa defensa da liberdade e co respecto aos dereitos humanos" e contra o golpe de estado de 1936, que "derivou nunha guerra fratricida que provocou morte, miseria e sufrimento".

Tamén lembrou aos exiliados e aos asasinados. "Ás vítimas da barbarie, a todas as vítimas, rendemos homenaxe neste acto".

Para concluír, lembrou que "o pecado de Bóveda foi o galeguismo", un "bendito credo" que profesan "a inmensa maioría" dos presentes neste acto e co que quixo "renovar os votos". "Honra e gloria, por tanto, para Alexandre Bóveda e para tantos outros mártires da liberdade e da democracia".

Para rematar, descubriuse nos xardíns do Parlamento unha escultura realizada por Cándido Pazos e titulada Concordia, paz e liberdade.

Comentarios