Os estudantes de Pontevedra maniféstanse por unha educación "democrática e feminista"

Os convocantes cifran nun 85% o seguimento e as cidades rexistran manifestacións contra a Lomce e para reclamar unha lei galega

Manifestación en Santiago pola educación. LAVANDEIRA JR. (EFE)
photo_camera Manifestación en Santiago. LAVANDEIRA JR. (EFE)

Centenares de estudantes galegos manifestáronse este xoves en distintos puntos de Galicia reclamando unha educación "democrática e feminista", dentro das mobilizacións convocadas polas Asembleas Abertas de Mulleres e Erguer con motivo da folga estudantil deste 19 de abril en ensino medio e universitario. Segundo a organización estudantil convocante, o seguimento nas aulas de ensino medio está a ser de en torno ao 85% e tamén está a ter unha "ampla repercusión" no ámbito universitario.

Pontevedra acolleu unha manifestación concorrida, ao igual que outras cidades como Coruña, Santiago, Ourense e Vigo. A maiores, houbo concentracións de protesta en Boiro, Bueu, Cangas, Ferrol, Lugo, Marín, Moaña e Ribeira.

En Santiago foron centenares os estudantes que percorreron as rúas da cidade ao berro de "Avanzar, construír, o movemento estudantil" ou "Aquí está, aquí se ve, o estudiantado galego en pé", portando carteis contra a Lomce e reclamando un ensino "democrático e feminista".

Ao termo da manifestación, na Praza de Pratarías, unha portavoz das entidades convocantes, Ana Fidalgo, incidiu na necesidade de "conseguir máis e mellores bibliotecas, avanzar na gratuidade ou asegurar a presenza do galego nas aulas", algo que "significa facer da galega unha educación máis democrática". Do mesmo xeito, apostou por "visibilizar ás mulleres", asegurando "a seguridade que as mozas nos centros de estudo e nos campus" e "rompendo cos teitos de cristal".

LEI GALEGA DE EDUCACIÓN. Finalmente, e antes de celebrar unha asemblea, reivindicou para a educación en Galicia "soluciones de fondo", que pasan pola "derrogación da Lomce" e a creación dunha lei galega, "capaz de asegurar unha educación digna". A creación desta lei galega de educación é un dos alicerces básicos da xornada de folga deste xoves, unha iniciativa coa que Erguer e as Asembleas consideran que sería máis sinxelo "xestionar e organizar" a educación desde Galicia.

Ao mesmo tempo, as organizacións reclaman que se fomente "o aumento das partidas orzamentarias para o ensino público" e "se prohiban" as subvencións ou concertos "con centros privados", especialmente no ámbito dos centros que segregan por sexo, contra os que cargan.

Para os estudantes que se manifestaron, a Lomce é "unha lei creada para adoutrinar ao estudiantado no españolismo patriarcal" e que é necesario "derrogar", así como o decreto 3+2 de universidades.

Comentarios