Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

Ethel Vázquez presenta o novo regulamento do taxi ao sector

Ethel Vázquez, o presidente de Fegataxi, Manuel Quindimil (d), e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Mestre (i). MONCHO FONTES (EFE)
Ethel Vázquez, o presidente de Fegataxi, Manuel Quindimil (d), e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Mestre (i). MONCHO FONTES (EFE)

A conselleira destacou que o documento reforza as garantías xurídicas tanto do sector como dos propios usuarios
 

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, reuniuse este venres cos representantes da Federación Galega de Taxi (Fegataxi) na Coruña para presentarlles o novo regulamento do sector antes da súa aprobación definitiva por parte do Consello da Xunta.

O novo regulamento, que segundo confirmou a conselleira, aprobarase de xeito "inminente" recolle unha simplificación administrativa, respondendo así á demanda do sector do portelo único á hora de tramitar as licenzas.

A conselleira destacou que o regulamento tamén reforza as garantías xurídicas tanto do sector como dos propios usuarios.

O regulamento que rexerá o sector tamén estipula a identificación das VTC, vehículos de transporte con condutor, a través dun distintivo; a este respecto, a conselleira apuntou que esta é "a única posibilidade que temos as comunidades autónomas para regular esta cuestión".

Ethel Vázquez recordou que este asunto é competencia do Ministerio de Transporte e aproveitou para demandar que se cumpran as peticións realizadas na Comisión Nacional de Transportes sobre a adopción de medidas para restablecer "o cociente 1/30 e garantir unha convivencia harmónica e unha competencia leal".

A conselleira de Infraestruturas apuntou que o novo regulamento estipulará tamén as axudas necesarias para vehículos especiais adaptados.

Ethel Vázquez subliñou que o regulamento presentado hoxe é "froito de anos de traballo e diálogo co propio sector" algo que confirmou o presidente de Fegataxi, Manuel Sánchez Quindimil.

Quindimil agradeceu á conselleira "o empeño que puxo para sacar adiante este regulamento" que cualificou de "importantísimo" e que abre un novo camiño a todas as asociacións que integran o sector. 

Ethel Vázquez presenta o novo regulamento do taxi ao sector
Comentarios