sábado. 19.10.2019 |
El tiempo
sábado. 19.10.2019
El tiempo

Eva Solla presenta candidatura para as primarias de EU de cara ás autonómicas

A deputada Eva Solla. JAVIER CERVERA-.MERCADILLO
A deputada Eva Solla. JAVIER CERVERA-.MERCADILLO
A coordinadora nacional da formación asegura que se presenta por "responsabilidade" cos "compañeiros e cos galegos"

A coordinadora nacional de Esquerda Unida (EU), Eva Solla, anunciou este luns a presentación da súa precandidatura -a única ata a data- ás primarias da formación de cara ás eleccións autonómicas previstas para o próximo ano.

"Preséntome a estas primarias co orgullo de representar a esta organización, pero tamén por responsabilidade cos meus compañeiros e cos galegos", apuntou Solla nunha conferencia de prensa na que destacou que pode achegar "grandes elementos de consenso e proposta política".

A líder de EU tamén destacou a importancia de que as mulleres, ademais de dar pasos adiante cara a postos de responsabilidade interna, "tamén asuman tarefas como presentarse a un proceso electoral tan importante como unhas eleccións autonómicas".

Solla (Vigo, 1984), enfermeira de formación, foi elixida deputada por Alternativa Galega de Esquerda (Age) en 2012, en 2014 pasou a ocupar a secretaría xeral do Partido Comunista de Galicia e nos últimos comicios autonómicos foi elixida de novo deputada, esta vez coa formación En Marea, e foi nomeada vicepresidenta segunda do Parlamento de Galicia.

En 2017 foi elixida como nova coordinadora nacional de EU, relevando no cargo a Yolanda Díaz, quen liderara a formación os doce anos anteriores.

Ao ser preguntada pola posibilidade de que Díaz se presente ás primarias, Solla indicou que "hai prazo ata o 25 de setembro para presentar a precandidatura e calquera compañeiro ou compañeira pode presentarse", aínda que rexeitou avaliar esa posibilidade, xa que sería "unha cuestión persoal".

"Eu defendo a miña candidatura e preséntome por responsabilidade coa miña organización, pola miña experiencia cos galegos e, con humildade, creo que persoalmente podo achegar elementos importantes nunha candidatura de esquerdas para vencer á dereita neste país", concluíu.

Respecto dunha posible coalición con Podemos e Anova de cara ás eleccións autonómicas, Solla reiterou que "EU defende a confluencia e leva traballando moitos anos traballando nesta cuestión", sobre a que hai "diálogos moi importantes de cara á formación dunha candidatura".

"Somos unha organización con historia e temos a capacidade de armar unha proposta e unha candidatura por separado; para nós é importante ter os deberes feitos como organización para despois armar unha candidatura coa maior parte de actores dos últimos anos, con solvencia", proseguiu.

Neste sentido, Solla dixo que os galegos "merecen que nos centremos na proposta, esquezamos os egos e non inventemos cousas estrañas nin novas".

Eva Solla presenta candidatura para as primarias de EU de cara ás...
Comentarios