A excelencia da creatividade

O festival de Ortigueira (Música), o Centro Pen de Galicia (Promoción Exterior), a galería Trinta (Artes Plásticas), o actor Cándido Pazó (Artes Escénicas), a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) (Audiovisual), o profesor David Mackenzie (Lingua), o grupo Marcelo Macías (Patrimonio Cultural) e o escritor Xosé Neira Vilas (Letras) son os galardoados deste ano cos Premios da Cultura Galega, que constitúen "un recoñecemento colectivo á traxectoria e á calidade do traballo de persoas e entidades a prol do desenvolvemento cultural", segundo indicou a Xunta.

O alcalde de Ortigueira, Rafael Girón, recibiu con "enorme satisfacción" o galardón para o festival de música folk que se celebra na localidade "porque levamos trinta anos de pelexa", comentou en referencia tanto ao anterior rexedor, Antonio Campo -quen asumiu a organización para o Concello no 2000-, como á Escola de Gaitas local, a anterior promotora.

Girón valora que "o máis complicado agora é a parte musical porque na de infraestructuras está todo coordinado grazas a que o personal ten experiencia". Con todo, quere subliñar que "logramos que non haxa incidentes de orde público cando se xuntan 50.000 persoas nun día nunha vila de 2.000". Esa cifra é a "ideal", polo que o alcalde espera que se manteña para o xullo de 2015, cando se celebrará a vindeira edición, para a que se conta con 300.000 euros.

Repetirán "a fórmula dun grupo grande e varios de sona media" dado o éxito deste ano, cando xuntaron nun escenario a The Chieftains, Milladoiro e a Escola de Gaitas.

O presidente do Centro Pen de Galicia, Luís González Tosar, asegurou que o galardón de Promoción Exterior "anima a seguir traballando coma nos últimos 25 anos", cando se creou a sección galega do Pen. Tosar considera que a súa principal contribución foi que a "literatura galega chegase a latitudes onde non extivera e a que fixésemos un papel digno de cara ao Pen internacional, onde gozamos dunha boa consideración que gañamos, non con cartos, senón con traballo e adicación".

"Foi unha sorpesa, non o esperabamos", confesou Asunta Rodríguez, propietaria da galería Trinta, premio na categoría de Artes Plásticas. A concesión supúxolle unha alegría polo que significa que "na túa terra che digan que o fas ben".

Dedicada a promover a arte contemporánea desde os seus inicios, a sala compostelá cumpre trinta anos "de moito traballo e de moitos problemas". "Entonces era difícil, pero é máis difícil agora", afirma Asunta Rodríguez antes de empezar a conta que hai cinco anos, antes da crise económica, "as galerías en España eran coma o Día de Reis, que había moitos xoguetes, e non sabías con que quedar" e agora desapareceu a maioría delas.

"O secreto de Trinta foi dedicarnos ao que pensamos que era arte e queríamos vender, e non ao revés", defende a galerista

O contrapeso positivo é que a súa sala "pasou de estar maldita polo mercado, no senso de que a xente pensaba ‘que me van dicir desta obra? Se queren venderma!’" a ser considerada "como centro de actividade cutlural".

O Premio Cultura Galega de Artes Escénicas recaeu en Cándido Pazó, que iniciou a súa andaina como actor no ano 1975 no seu Vigo natal. O inicio da súa carreira está vencellada coa Mostra de Teatro de Ribadavia. Tras participar en varias compañías, debutou como autor e como director de escena coa compañía Tranvía Teatro coa peza ‘O merlo branco’.

Unha das primeiras compañías nas que participou nos primeiros tempos, Ollomoltranvía, deulle a oportunidade de levar á escena unha das súas obras máis premiadas, ‘Commedia, un xoguete para Goldoni’.

Na súa traxectoria cómpre salientar a realización de postas en escena, adaptacións e traducións para diversas compañías.

Na modalidade de Audiovisual o premio recaeu na asociación empresarial do sector audiovisual galego, Agapi, que cumpre 20 anos da súa constitución.

Agapi, que agrupa produtoras de cine, televisión, publicidade e servizos, foi a impulsora da Academia Galega do Audiovisual e do Clúster Audiovisual Galego, tal e como destacou a Xunta cando anunciou a distinción.

"A asociación, coa vista sempre posta na internacionalización, contribúe activamente á consolidación e ao desenvolvemento da industria cultural de Galicia desde 1994", valorou o xurado.

Na modalidade de Lingua o galardoado deste ano é o profesor David Mackenzie, "figura senlleira da Filoloxía Iberorrománica e da Iberorromance", en palabras do xurado.

O labor de Mackenzie como axente difusor da lingua e da literatura galegas no mundo anglófono comezou nos anos 80.

En 1994 converteuse no primeiro catedrático de Estudos Galegos no mundo anglófono, pola Universidade de Birmingham (Reino Unido), onde creou o Seminario de Estudos Galegos. Tres anos despois fundou tamén o Centro Irlandés de Estudos Galegos no University College Cork.

Mackenzie é recoñecido polo seu traballo de mecenado, impulso e tradución individual de autores galegos para o inglés.

Na modalidade de Letras o premiado foi o escritor e académico Xosé Neira Vilas, un dos nomes máis destacados e dos lidos da literatura galega actual.

O xurado valorou en Neiras Vilas que sexa "un dos narradores que mellor describiu a dureza da vida campesiña e o sentimento de desarraigo do emigrante galego" a través de obras como ‘Memorias dun neno labrego’.

Marcelo Macías: "Facemos isto 'gratis et amore'"

Outros "sorprendidos" foron os integrantes do grupo Marcelo Macías, que levou o premio en Patrimonio Cultural. O grupo traballa nese campo de modo "silandeiro, e 'gratis et amore'" dende 1941, cunha vinculación especial co Museo Provincial de Ourense, segundo declarou o seu presidente, Francisco Fariña Busto.

Heteroxéneo

"Este premio non vai significar un cambio no noso modo de traballar", preveu Fariña Busto. Define a Marcelo Macías como "un grupo heteróxeneo que traballa coa intención común da difusión do patrimonio, cunha especial atención ao natural, e da documentación".

Comentarios