Falece Domingos Merino, o primeiro alcalde da Coruña despois da ditadura

Tivo o bastón de mando da cidade herculina desde o 1979 ata o 1981, cando o perdeu por unha moción de censura de UCD ► Instalarase unha capela ardente no salón de plenos do Palacio Municipal de María Pita

Domingos Merino. AGN
photo_camera Domingos Merino. AGN

Domingos Merino, alcalde da primeira Corporación municipal da Coruña por Unidade Galega despois da ditadura, faleceu este mércores, segundo confirmou o goberno local.

Merino tivo o bastón de mando da cidade herculina desde o 1979 ata o 1981, cando perdeu a Alcaldía por unha moción de censura de UCD. 

O exrexidor tiña 78 anos e loitaba contra o párkinson desde facía tempo, motivo polo cal estivo afastado da vida pública durante a última etapa da súa vida.

O Concello da Coruña traslada o seu pesar por dito falecemento e destaca que foi sempre "un gran defensor das liberdades tanto desde o Palacio de María Pita como noutros postos públicos que ostentou ao longo da súa vida". 

Por iso, afirma que, coa intención de permitir á cidadanía participar na despedida de Merino, o concello herculino instalará unha capela ardente no salón de plenos do Palacio Municipal de María Pita. 

Está previsto que a recepción oficial do féretro se produza ao redor das 12.00 horas deste xoves. A capela ardente quedará aberta aos veciños a partir das 13.00 horas e manterase así até as 20.00 horas, momento no que haberá un acto de despedida que contará coa intervención do alcalde, Xulio Ferreiro, que recolleu no seu momento fragmentos do discurso de investidura de Merino no que deu el.