Falece por picaduras de vespa un home na parroquia viveiresa de Boimente

A vítima era alérxica, polo que aínda que outro home que se atopaba no lugar púxolle unha inxección de adrenalina non logrou que se salvase

2018071500134681461
photo_camera Indicativo de A Rozada, en Boimente. ANTÍA

Un veciño da parroquia de Magazos perdeu a vida onte cara as sete da tarde tras sufrir picaduras de vespas do país. O ataque tivo lugar no lugar de A Rozada, pertencente á parroquia de San Andrés de Boimente (Viveiro), a onde acudira de visita.

Trátase de Félix González, de 43 anos de idade, quen atopou alí a outro home que estaba desbrozando nunha finca da familia do finado próxima á vivenda. Ao parecer, a vítima, que era alérxica, ofreceuse a axudarlle e o outro díxolle que non facía falla, pero nese intre e ao pouco de chegar ao lugar F.G., o home que rozaba debeu tocar nun niño, do cal empezaron a saír un montón de vespas que picaron aos dous homes.

O que desbrozaba arrincou buscar unha inxección de adrenalina dentro da casa e cando saíu atopouno tirado no chan diante da soleira da mesma. Viu que estaba mal, pero aínda así púxolla, pero esta non lle fixo efecto. A familia alertou logo aos servizos de emerxencias, que desprazaron ao lugar unha ambulancia do 061, pero cando os sanitarios trataron de atende-lo xa viron que a súa tentativa ía resultar infructuosa, posto que xa se producira o óbito.

O finado residía no lugar da Fonte, en Magazos, e sabía que era alérxico, polo que tiña na casa da familia o antídoto para o veleno das vespas, pero nunha situación de alerxia resulta impredecible coñecer cal será a reacción do afectado. Ao comezo barallouse a posibilidade de que fose un ataque de vespas velutinas, pero todo parece indicar que foron as normais.

Os servizos de emerxencias desplazados ao lugar onde aconteceu o ataque mortal das vespas tiveron que agardar á chegada do forense para o levantamento do cadáver. O Corpo Nacional de Policía, Protección Civil e a funeraria Alianza e Barros atenderon esta incidencia, xunto cos bombeiros que xa estiveran na zona ao dar problemas as vespas antes e que se achegaron para retiralo niño e axudar no que fose necesario.