As farmacias poderán acceder ás receitas vía web a partir de xullo

As farmacias galegas poderán consultar as receitas electrónicas directamente dos hospitais, para evitar que os pacientes teñan que levar o papel firmado polo médico. Esta iniciativa porase en marcha cun proxecto piloto a finais do mes de xullo nalgúns centros sanitarios.

Actualmente, os pacientes deben recoller a receita no centro de saúde e levala despois á farmacia. Esta iniciativa simplifica o trámite e evita o gasto de papel, xa que o farmacéutico poderá ver a receita a través da web. As verdadeiras posibilidades da receita electrónica veranse cando o círculo se peche, e os pacientes crónicos non teñan que ir unha e outra vez ó especialista só para recoller a mesma lista de medicamentos.

Con esta medida preténdese simplificar os trámites que teñen que realizar os pacientes para recoller medicamentos. Coa e-receita tamén se reducirán as esperas nas consultas, pois son moitos os pacientes teñen que acudir regularmente para recoller a súa prescrición médica.

Teléfono 24 horas
O Servizo Galego de Saúde tamén porá en marcha un novo teléfono de atención continuada para casos que non sexan de urxencia. Con este número os pacientes que desexen facerlle unha consulta verbal ó doutor non terán que acudir a unha cita en Atención Primaria.

Novos Facultativos en Atención Primaria
Estas medidas foron anunciadas polos responsables do Servizo Galego de Saúde, nunha rolda de prensa convocada para dar conta do cumprimento do Plan de Mellora da Atención Primaria. Segundo os datos aportados polo Sergas, xa se incorporaron ó traballo 125 dos 144 facultativos contratados nesta área. Os 19 médicos que quedan non se incorporaron por "problemas técnicos nos centros de saúde", pero chegarán nos próximos días.

Para a "desburocratización" das consultas, o Sergas instalou o programa de Historia Clínica Electrónica en 379 postos de Atención Primaria nos últimos 6 meses, polo que xa suman 1.464 postos destas características.

En canto á inversión en equipamentos, o Servizo de Galego de Saúde destinará 13 millóns de euros para equipos nos centros de Atención Primaria, tanto para consulta como para a realización de programas específicos.

Comentarios