Feijóo anuncia incrementos nas contías da Tarxeta Benvida para nacidos no rural

O presidente do Goberno galego avanza que se aprobará de "forma inmediata" o contrato estable prorrogable para a enfermaría

Alberto Núñez Feijóo trasla reunión semanal del Consello da Xunta. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo . PEPE FERRÍN (AGN)

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que se aprobarán incrementos nas cantidades das axudas que se conceden a recén nados, que se inclúen na denominada Tarxeta Benvida, nas zonas rurais, no marco de medidas máis amplas coas que afrontar o "problema demográfico". 

"As parellas, as mulleres, as familias que teñan fillos no rural van ter unha Tarxeta Benvida máis ampla e máis ambiciosa", anunciou, en entrevista na Radio Galega recollida por Europa Press, en alusión á medida impulsada pola Xunta e que se concretaba na concesión de axudas económicas de ata 1.200 euros polo primeiro fillo. 

Lembrou que a "próxima semana" Galicia será a "primeira comunidade que aprobe unha lei de impulso á natalidade e que afronte o problema demográfico", aínda que matizou que se trata dun problema que afecta tamén a España e á UE. 

Ante esto, Alberto Núñez Feijóo remarcou que "non hai un obxectivo máis importante en ningún concello galego, en ningunha Deputación e por suposto en ningún Goberno autonómico que non sexa tentar impulsar a natalidade", aínda que admitiu que estas medidas poden non ser "suficientes" e é "necesario" desenvolver en paralelo medidas de "atracción de retornados a Galicia". 

Tras lamentar o "atraso" do Pacto de Estado de demografía, apelou así a impulsar accións non só a nivel de autonomía, senón tamén local e provincial, sumando aos concellos galegos, as catro deputacións, as universidades e as empresas para fomentar tamén o "retorno" dos galegos. 

O presidente da Xunta incidiu en que o "gap demográfico", o "saldo vexetativo" deste ano supuxo perder "15.000 persoas", polo que o obxectivo é reducilo a unhas seis mil ou sete mil, se se consegue "que máis xente entre" e se impulsan "políticas de conciliación".

CONTRATO ESTABLE PRORROGABLE PARA ENFERMARÍA. Pero non só abordou a situación demográfica de Galicia, senón tamén a da sanidade. Feijóo enmarcou as protestas en Galicia nun "problema" xeral de España, derivado da "falta de médicos" de atención primaria ou de pediatras, aínda que cre que "volverá o acougo" após as "tensións" que "de cando en vez" se producen "por falta de planificación do persoal". 

O presidente do goberno galego pon en valor o "conxunto de medidas, de recursos humanos e de equipamentos e novos servizos" impulsado pola Xunta e anuncia máis accións, en concreto, en enfermaría. 

Despois de que se dera "estabilidade" aos médicos que acaban o MIR como especialistas en mediciña de familia, avanza que haberá melloras tamén en enfermaría, con "contratos fixos e estables de anos, prorrogables". 

A medida será exposta "de forma inmediata" a organizacións sindicais e na mesa sectorial co obxectivo de aprobala "antes do verán".

A XUNTA, "TESOURO" DE ESTABILIDADE ANTE UNHA "ESPAÑA DESPISTADA". Este xoves, Feijóo presidiu o conclave con altos cargos da Xunta no que se presentou o plan para a Galicia de 2030. Tres días despois, defende o proxecto como demostración do traballo do PPdeG para seguir garantindo a estabilidade. 

A Xunta, expón, é "neste momento o único goberno seguro" fronte a unha situación de "inestabilidade política" e "incerteza" en España, "a Xunta de Galicia é un seguro de goberno para os galegos". 

Por iso, avanza que o obxectivo é "seguir garantindo a estabilidade e o seguro do Goberno en Galicia, que é un tesouro político no conxunto dunha España despistada e de profunda inestabilidade". 

Como responsable desta situación, sitúa claramente ao líder socialista. Feijóo acusa a Pedro Sánchez de xerar unha "situación de fraxilidade" após unha "moción de censura bastante irresponsable" e unha actitude "frívola". E neste contexto, acúsao de apoiarse no "independentismo navarro, vasco e catalán máis o populismo de Podemos". 

Ante o futuro do Goberno central, esquiva valorar a afirmación de Rajoy de que un pacto entre PSOE e Cs daría "estabilidade" a España e centra a atención no líder socialista. "Non me atrevo a dicir o que ten que facer Ciudadanos, pero o señor Sánchez meteunos nesta lea e ten a responsabilidade de sacarnos".

RECLAMA QUE GOBERNE A LISTA MÁIS VOTADA. Ao fío do debate sobre se o PP debería absterse para facilitar a investidura de Sánchez, Feijóo sitúa a decisión nos seus "compañeiros de Madrid" pero aproveita para "reafirmarse" na súa defensa de que "imperiosamente" ten que cambiar "a lei electoral", para que goberne a lista máis votada, algo que mesmo "ao PSOE lle viría ben". 

"Lamentablemente España está a xogar no taboleiro electoral que nos marcou o Partido Socialista que é (...) que goberne calquera menos o Partido Popular", e ante isto "é moi difícil" pedirlle ao PP que "se absteña", subliñou. 

Un debate que traslada ao ámbito local, tras os resultados das eleccións municipais, nas que en Galicia lembra que o PP quedou a "un escano da maioría en 25 concellos" e só puido gobernar en cinco. 

O líder dos populares repróchalle ao PSOE que non aceptase a súa proposta de que gobernase a lista máis votada en concellos e deputacións e enlaza a negativa socialista cos pactos establecidos polo PP en Ourense. 

No Concello, o apoio dos populares fixo alcalde ao independente Gonzalo Pérez Jácome a pesar de ser a terceira forza e o PSOE a primeira, a cambio de que os populares mantivesen a Deputación. 

"O que fixo o PP de Ourense foi darlle estabilidade en concellos e Deputacións", expón, fronte a un "PSOE que non quixo que gobernase a lista máis votada" e que agora o "critica". Ante esto, tacha de "tomadura de pelo" ao PSOE por tentar "dar leccións" de con quen hai que pactar. 

"Que o PSOE empece a dar leccións de como temos que pactar é unha pena, que nos tome o pelo a todo o mundo e todo o tempo..., xa está ben de que o PSOE poida pactar co Bloque, o Bloque con Bildu e Esquerra Republicana e o PSOE con Nafarroa Bai e Bildu e que o PP non poida nin dar estabilidade", xustifica. 

Tamén incide en marcar distancias no ámbito local. Defende que o PP apoiase ao BNG en Catoira onde o PSOE "levaba 30 anos" e critica o caso da Cañiza –o acordo de PSOE e Ciudadanos apeou ao PP após 43 anos, pero os 'populares' eran a lista máis votada–. 

"Desde a mesma noite electoral propuxen que deixásemos gobernar á lista máis votada (...), non só non fixeron simulacro de falar, senón que dixeron que co PP non se pactaría nunca", remarca.

RUPTURA DE EN MAREA. Ante a ruptura do grupo parlamentario de En Marea, o presidente da Xunta opina que "non é bo para a política galega". 

No entanto, puntualiza que "o que se acredita é que este proxecto político que naceu como a espuma está a baixar á mesma velocidade que a espuma".

FUTURO POLÍTICO. Preguntado sobre se se ve "pilotando" a próxima década á fronte da Xunta, Núñez Feijóo non aclara se optará á reelección e limítase a sinalar que "a calquera galego lle interesa pilotar os temas importantes do seu país". 

Tampouco quixo avanzar se haberá cambios no seu Goberno para afrontar os obxectivos marcados cara a 2030: "Ningún presidente que sexa responsable anuncia as crises de goberno". 

Aínda así, admitiu que "pode haber algún cambio nos equipos da Xunta de Galicia", pero os enmarca no ámbito de decisión dos conselleiros. 

Comentarios