Feijóo considera "desacertado" o ocorrido no 'Land Rober' pero destaca a "desculpa sentida"

O presidente defendeu a rectificación de Roberto Vilar ►Xornalistas Galegas urxe a creación dun departamento de xénero nos medios de comunicación

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa deste xoves. LAVANDEIRA JR. (EFE)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa deste xoves. LAVANDEIRA JR. (EFE)
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificou de "desacertado" o episodio ao que foi sometida unha moza no programa Land Rober, emitido pola TVG, e que xerou duras críticas por "promover o acoso" e normalizar a violencia machista". En todo caso, Feijóo destacou que o presentador do espazo, Roberto Vilar, protagonizou posteriormente "unha desculpa sentida e explícita".

A polémica suscitouse a raíz do episodio emitido no Land Rober no que se tentou promover un encontro entre unha moza que acudira como público e a súa exparella. Fronte á insistencia do programa, a muller terminou explicando en antena que non desexaba velo, xa que cortara a relación por episodios de acoso e control.

Roberto Vilar, pidiendo disculpas por lo sucedido durante la emisión de Quen anda aí. CRTVG
[Roberto Vilar pedindo desculpas no programa 'Quen anda aí' o día seguinte ao acontecido en 'Land Rober'. CRTVG]
 

Preguntado sobre este episodio ao termo da reunión semanal do seu Executivo, Feijóo advertiu que "cada un é responsable do que di ou do que fai". "E cando un di ou fai algo que non é correcto, hónralle que se desculpe de forma explícita", esgrimiu, para engadir que el ten constancia de que dita desculpa "produciuse" neste caso.

"Hai outras actitudes machistas, xa sexa de actores, de xornalistas ou de políticos que non se desculpan. Ao contrario. Non só non se desculpan senón que insisten nas actitudes machistas", contrapuxo.

"Pero polo que eu sei houbo unha desculpa sentida e explícita da persoa que nun programa da TVG non estivo acertado senón desacertado", concluíu.

DEPARTAMENTO DE XÉNERO. Tamén este xoves e con este episodio recente como pano de fondo, a Asociación Xornalistas Galegas urxiu aos medios de comunicación de Galicia a incorporar unha figura ou departamento transversal que "vele pola perspectiva de xénero nas informacións e contidos difundidas ao público".

O obxectivo, sostén, é evitar a propagación de mensaxes e situacións machistas, sexistas ou que banalicen a violencia machista, incluída a prostitución.

O colectivo impulsou tamén recentemente no Parlamento de Galicia unha iniciativa que aspira a "garantir o cumplimento nos medios das leis de igualdade entre mulleres e homes", e solicitou á Secretaría Xeral de Igualdade o reforzo de mecanismos que garantan o compromiso dos medios coa perspectiva feminista.

Comentarios