sábado. 21.09.2019 |
El tiempo
sábado. 21.09.2019
El tiempo

Feijóo di que quere difundir a denuncia de Castelao e censura intentos de "apropiarse" da súa obra

Representantes de todos os grupos políticos, asisten á desembalaxe do cadro 'A derradeira leición do mestre', de Castelao. LAVANDEIRA JR (EFE)
Representantes de todos os grupos políticos, asisten á desembalaxe do cadro 'A derradeira leición do mestre', de Castelao. LAVANDEIRA JR (EFE)

Lamenta a polémica ante A derradeira leición do mestre, pero celebra que non houbese "incidentes lamentables" como cando chegaron os restos do intelectual

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este xoves, preguntado expresamente despois da polémica desatada na presentación de A derradeira leición do mestre, que el non ten "ningún problema" en que se coñeza a mensaxe de denuncia contra os horrores do fascismo que, segundo constatan os historiadores, Castelao tratou de transmitir na súa obra. 

"Traemos o cadro para que todos os galegos coñezan as caras e a mensaxe do cadro. Queremos que as coñezan todos. Por iso convidámolos a visitar esta exposición. E se somos culpables de traer o cadro a Galicia, pois asumimos esa culpa", defendeuse, antes de instar a escoitar o seu discurso na inauguración da exposición completa de Castelao maxistral, que será este venres.

"De silenciar nada", recalcou, despois de que na pasada xornada recibise duras críticas –fundamentalmente de En Marea e BNG– por "manipular" e "ocultar" o significado de A derradeira leición do mestre durante o acto de desembalaje da simbólica obra de Castelao, que se expón por primeira vez en Galicia.

En concreto, Feijóo pronunciou, unha vez colgado o cadro, unhas palabras e congratulouse de poder "incrustar no corazón da cultura galega contemporánea" unha obra que identificou coa "defensa da educación fronte ao fanatismo" e que lembra que "unha educación en liberdade é o medio para a promoción dos valores democráticos".

O presidente galego rememorou o papel de Castelao no exilio e a súa loita "contra a inxustiza", antes de incidir en que a súa obra serve para "lembrar o que xamais debe volver pasar". Con todo, no seu discurso non houbo referencias máis expresas ao significado do cadro ligado á "crítica contra a represión e os axustizamentos fascistas", como non tardou en afearlle a oposición.

E é que 'A derradeira lección do mestre' simboliza o pranto de dous nenos ante o cadáver fusilado do seu mestre. Historicamente interpretouse que Castelao puido buscar con esta obra render homenaxe aos mestres perseguidos polo réxime franquista e, en concreto, ao nacionalista Alexandre Bóveda, que foi executado.

REXEITA INTENTOS DE "APROPIARSE" DA OBRA

Neste contexto, Feijóo remitiu ao "folleto da exposición", por considerar que "é o importante" e no que o comisario da mostra "escribiu o que considerou oportuno". "E o comisario entendo que coñece a obra de Castelao porque é un dos membros da súa Fundación", apostilou, sen querer entrar en máis polémica sobre a interpretación da súa obra.

De feito, suxeriu que se alguén "ten a exclusiva" da interpretación de Castelao, "adiante". En todo caso, cargou contra os intentos de "apropiarse" da obra do intelectual galeguista. "Castelao é patrimonio de todos e non é propiedade dos nacionalistas nin de ningún partido", advertiu.

SEN "INCIDENTES LAMENTABLES"

Dito isto, ante a tensión que se deu na pasada xornada, destacou que polo menos se vai "mellorando" tendo en conta que "os incidentes lamentables" que se produciron cando os restos de Castelao chegaron a Galicia –altercados e cargas policiais ante San Domingos de Bonaval en 1984– "neste caso non se produciron".

Pola súa banda, reafirmouse en que é "un fito histórico" logrado polo seu Goberno o traer por primeira vez 'A derradeira leición do mestre'. "Non debera haber ningún político ao que lle moleste que ese cadro o teñamos aquí, sinto que a alguén lle moleste", incidiu.

"Se somos culpables de traer o cadro a Galicia, asumimos esa responsabilidade", resolveu. 

Feijóo di que quere difundir a denuncia de Castelao e censura...
Comentarios