Feijóo, sobre a petición da oposición para que compareza por Pemex: "É ridículo"

O presidente da Xunta achaca ao período electoral a petición da oposición tras a detención de Emilio Lozoya
Alberto Núñez Feijóo. EFE
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. EFE

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, achacou ao período electoral a petición dos grupos da oposición o Parlamento para que compareza na Deputación Permanente en relación á detención do exdirector xeral de Pemex Emilio Lozoya, algo que tachou de "ridículo".

"É un tema así, como un clásico, ao que hai que responder primeiro coa verdade e, ademais, unha verdade clásica: todo o mundo en Galicia sabe que cando conseguimos os barcos para os estaleiros galegos non estaba este señor en Pemex, senón que estaba o anterior, polo que me parece ridícula esta formulación", dixo en conferencia de prensa tras o Consello da Xunta.

"Tómomo como unha cuestión máis da campaña electoral, virán máis", advertiu Núñez Feijóo, aínda que confiou en que "as que saian posteriormente teñan un pouco máis de enxunlla", sinalou, xa que esta "desméntese" cos propios xornais, explicou.

Nas súas respostas ás preguntas recorrentes sobre a súa relación co exdirector xeral de Pemex, detido a pasada semana en Málaga reclamado pola xustiza mexicana por un caso de presunta corrupción, resolveu: "Coa verdade ningún problema e ningún temor".

Censurou aos grupos da oposición por querer intoxicar esta cuestión e tratar de vinculalo, dalgún modo, en algo irregular co exdirectivo de Pemex, que está investigado por cuestións alleas á construción dos floteis e a compra do estaleiro Barreras, incidiu.

"De verdade que a xente cre que isto pode ter algunha relevancia?", contestou á última das reiteradas preguntas sobre esta cuestión, ao que engadiu: "Se cada vez que falo cun directivo dunha empresa ou cun gobernante dun país e despois teñen algún problema xudicial, o responsable son eu?".

Comentarios