miércoles. 11.12.2019 |
El tiempo
miércoles. 11.12.2019
El tiempo

Feijóo promete medidas demográficas "todos os meses" ata o fin da lexislatura

Alberto Núñez Feijóo. LAVANDEIRA JR. (EFE)
Alberto Núñez Feijóo. LAVANDEIRA JR. (EFE)

O PSdeG recrimina que as políticas do presidente son o "mellor anticonceptivo" de Galicia e o BNG receita "emprego digno" e servizos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, prometeu que a Xunta aprobará medias de impulso demográfico "todos os meses" que restan de lexislatura, nun debate na Cámara galega durante o que tanto PSdeG como BNG cualificaron de "propaganda" os anuncios e reprocháronlle a súa "falta de ambición" na materia.

A demografía centrou a sesión de control ao presidente, que acusou tanto aos nacionalistas como aos socialistas de tomarse a "broma" esta cuestión. "Rían vostedes da Tarxeta Benvida, 50 millóns para 45.000 familias beneficiadas; rían vostedes das escolas infantís, rían porque queda moito por rir. Imos seguir aprobando medidas en beneficio do impulso demográfico todos os meses que restan de lexislatura", subliñou.

O máximo mandatario autonómico, ademais, aproveitou para chamar ao consenso aos grupos da oposición de cara á tramitación e elaboración da Lei galega de Impulso Demográfico anunciada polo seu Executivo. "Teñen vostedes a proposta de facer unha lei por consenso, se a queren utilizar, utilícena", trasladoulles.

"Desde o primeiro instante que tiven a ocasión de presidir Galicia estamos a sinalar este problema", asegurou Feijóo nunha intervención na que destacou que o proxecto de lei é "consecuencia" de "máis dun ano de traballo" do Observatorio galego de demografía. Así mesmo, argumentou que, "a pesar dos problemas demográficos", "Galicia está a crecer e leva crecendo os últimos anos por encima da media de España". "Galicia está a responder con máis prazas que nunca e máis propostas que nunca aos problemas do envellecemento", apuntou.

"O MELLOR ANTICONCEPTIVO DE GALICIA". Enfronte, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, recriminoulle a Feijóo que as súas políticas constitúen o "mellor anticonceptivo" de Galicia. "En 2018 alcanzouse a máis baixa das baixas taxas de fecundidade", sinalou.

Neste sentido, lamentou que a lei anunciada pola Xunta se limite a ser "unha mera declaración de intencións", un "compendio de medidas xa existentes de probada ineficacia" equivalentes a "ir á guerra con armas de plástico". "É o caso da reserva de aparcadoiro para familias", puxo como exemplo. Ademais, retou a Feijóo a explicar a que cuestións dedicará os 700 millóns que anunciou na presentación do texto e ironizou co "márketing e a retórica" nos anuncios desta proposta citando a Cervantes ao expresar a frase: "Voto a Deus que me espanta esta grandeza".

"CÉNTRESE NA ECONOMÍA". Pola súa banda, a portavoz do BNG, Ana Pontón, instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a abandonar as "políticas natalistas fracasadas" e "as leis propagandísticas" e recomendoulle centrarse na economía, o emprego digno e os servizos sociais para reverter a crise demográfica.

E é que, para a xefa de filas do Bloque, o problema demográfico supón un "retrato demoledor" do fracaso de Feijóo como presidente e de 30 anos de goberno do PP, despois dos que Galicia "presenta o peor dato de poboación da súa historia". "A cifra de nacementos está en caída libre e emigraron 250.000 galegos", lamentou.

Ante este panorama, a dirixente nacionalista considerou que o "gran debate pendente" é a necesidade de impulsar a "política económica" para "crear emprego digno, estabilidade laboral, benestar social e expectativas de futuro". "Non vai crear emprego unha lei propagandística que repite propostas fracasadas e que non achega ningunha solución real", reprochou.

"OPOSICIÓN DA OPOSICIÓN". Ademais, Pontón criticou que o presidente acuda á Cámara galega "facer oposición da oposición" nun debate no que Feijóo emprazou ao BNG e ao PSdeG a "falar en serio". "Gustaríame poder falar en serio co BNG e o PSdeG pero, lamentablemente, en temas demográficos seguen vostedes como na década dos anos 80, é dicir, sen decatarse", manifestou o presidente.

Feijóo promete medidas demográficas "todos os meses" ata o fin da...
Comentarios