Feijóo reivindica o PP "da maioría" da man dos candidatos a gobernar as cidades galegas

Tellado presume de "non ter que asinar pactos con ninguén máis que cos cidadáns"

Núñez Feijóo xunto aos sete candidatos populares a gobernar nas sete cidades galegas. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Núñez Feijóo xunto aos sete candidatos populares a gobernar nas sete cidades galegas. PEPE FERRÍN (AGN)

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, lanzou este sábado aos sete candidatos do partido ás grandes cidades galegas cunha mensaxe de reivindicación do PP como "partido das maiorías" e en defensa do "modelo" da Xunta, que "funciona", fronte a outro que "fracasa", o do PSOE de Pedro Sánchez en España. 

Ante a plana maior do partido en Galicia e integrantes do mesmo como a presidenta do Congreso, Ana Pastor, Núñez Feijóo mencionou ao fundador do PP, Manuel Fraga –ao que se atribúe o aglutinamiento da dereita española ao redor de unas mesmas siglas–, aos expresidentes José María Aznar e Mariano Rajoy polas maiorías coas que gobernaron e ao "presidente Casado" por ser gañador das primarias na formación. 

Así, a súa intervención contou con alusións á súa organización como "único partido unido" –fronte á división que atribúe a PSdeG e a En Marea–, como "punto de encontro dos españois" e "proxecto de maiorías". "De tolerancia, grande, amplo e no que cabe a maioría", salientou. 

Feijóo defendeu o "modelo" da Xunta para as cidades galegas

Deste xeito, sen alusión a pactos –aos que si se referiu previamente o secretario xeral, Miguel Tellado, ao proclamar que o PPdeG non ten "que asinar pactos con ninguén máis que cos cidadáns"–, o número un dos populares galegos pronunciou un discurso orientado en dúas liñas: a autonómica e a estatal, para elevar ao sete candidatos a "os mellores" para as súas cidades.

OS SETE CANDIDATOS. Previamente, Tellado presentou ás cabezas de cartel, cinco homes e dúas mulleres, para Santiago (Agustín Hernández), A Coruña (Beatriz Mato), Pontevedra (Rafa Domínguez), Lugo (Ramón Carballo), Ferrol (José Manuel Rei Varela), Vigo (Elena Muñoz) e Ourense (Jesús Vázquez). 

A este último, o único que na actualidade goberna a cidade na que aspira a seguir sendo alcalde, animoulle a dar consellos aos seus compañeiros.

Noutro momento, o secretario xeral do PPdeG advertiu de que a maioría absoluta "non sempre é boa, sobre todo –dixo– cando se exerce "desde a prepotencia", en alusión ao rexedor de Vigo, o socialista Abel Caballero, ao que a candidata popular nesa cidade, Elena Muñoz, acusou dun "populismo rancio". 

Na Coruña, cidade onde goberna a Marea Atlántica, tanto a candidata do partido, a exconselleira Beatriz Muñoz, como o presidente do PP galego coincididiron en que é preciso "saír da parálise". 

Domínguez, afirmou o líder do PPdeG, é 'o médico que necesita' Pontevedra

Para Santiago, Feijóo defendeu que "nada é máis importante que ser alcalde", de igual modo que Agustín Hernández, tamén conselleiro no seu día, suxeriu que a intención do actual primeiro edil, Martiño Noriega, de Compostela Aberta, é chegar a outros postos máis aló da alcaldía. 

No que respecta a Pontevedra, as palabras de Feijóo e tamén de Tellado centráronse no "nacionalismo narcisista" co que vinculan ao BNG, que goberna alí. Domínguez, afirmou o líder do PPdeG, é "o médico que necesita" esa cidade, cuxo alcalde desde hai anos é o tamén doutor Miguel Anxo Fernández Lores. 

Lugo "ten que deixar a nada" co popular Ramón Carballo, exsubdelegado do Goberno; e Ferrol require un "goberno que goberne" co igualmente exconselleiro José Manuel Rei Varela á cabeza, para Feijóo.

"SOMOS ESPAÑOIS". Partindo de que o PPdeG é "o partido que ten a única maioría absoluta en España", o presidente dos populares galegos e da Xunta resaltou a súa "presenza en cada recuncho do país", nun momento no que novas formacións preparan a súa presentación nun determinado número de localidades de Galicia. 

"Os galegos somos españois, igual de españois que o resto dos españois", recalcou.

"POLÉMICAS IMPORTADAS". Nesta liña, afirmou non aceptar "que haxa partidos que queiran importar as polémicas" doutros puntos do país, nun contexto no que un partido como Vox experimenta o seu recente auxe tras os comicios andaluces. 

Feijóo: Os galegos somos españois, igual de españois que o resto dos españois

"Haberá quen queira inventar", avisou Feijóo. 

CRÍTICAS Á OPOSICIÓN GALEGA. Centrado na comunidade galega, sobre o PSdeG ironizou con que "vive nos mundos yupis do CIS" e en canto ao Bloque afeoulle ir ás europeas con Bildu e Esquerra. E, no que respecta a En Marea, ironizou con que "é difícil seguir o capítulo da traxicomedia". 

A ELECCIÓN EN MAIO. Por todo iso, e fronte ao proxecto de Sánchez en España, con "facturas" pendentes, segundo dixo, con Podemos, o nacionalismo vasco e o independentismo catalán, ofreceu o modelo de "estabilidade, certidumbres e responsabilidade" da Xunta. 

Despois da cita coas urnas de maio, concluíu, "pode haber gobernos como os de España nas cidades ou como os da Xunta". Esa, na súa opinión, é a elección. E engadiu unha alusión ás deputacións, para chamar a atención sobre que o PP "gañou" en catro, a pesar de que só goberna na de Ourense. "Non nos esquezamos", resolveu. 

Comentarios