jueves. 28.05.2020 |
El tiempo
jueves. 28.05.2020
El tiempo

Feijóo rexeita unha coalición con Cs, pero convídaos a sumarse "á fórmula do PPdeG"

Alberto Núñez Feijóo. EFE
Alberto Núñez Feijóo. EFE
Mantén que os dirixentes de Ciudadanos serán "benvidos" á "casa común" do Partido Popular e apela á "coherencia" da formación laranxa

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reafirmouse en que os populares non concorrerán nunha coalición con Ciudadanos (Cs) en Galicia, pero mantén aberta a porta do seu partido non só aos votantes, senón tamén aos dirixentes da formación laranxa, a quen convidou a participar de "a fórmula do PPdeG". Non en balde, o tamén líder do PP galego, quen este martes participou nun acto en Carballo, lembrou que é a "fórmula do PPdeG —a "casa común" do PPdeG, dixo previamente— a que tivo éxito, a que prosperou e a que goberna, mentres que outros nomes ou outras formacións non teñen ningunha representación na Cámara". 

"Aquilo que funciona, deixemos que siga funcionando e o que estea unido, non o desunamos para unilo posteriormente. O que estea unido e o que funciona debemos apoialo todos. Nós estamos a disposición de Ciudadanos para ver como o que funciona e está unido pode seguir uníndose e funcionando como alternativa a partidos como o BNG e o PSOE", engadiu. 

Fíxoo antes de lembrar que o BNG "acaba de mostrar, unha vez máis, a súa falta de respecto absoluto á Xefatura do Estado, mentres que os socialistas "gobernan con independentistas e nacionalistas en todos os concellos".

Nos gustaría moito traballar xuntos e espero que podamos facelo. A fórmula é a coñecida e referendada polas urnas

"QUE NON SEXA UN CONTRATO DE ADHESIÓN". Preguntado acerca da postura de Arrimadas, que condiciona calquera acordo a que sexa compartido tanto en Cataluña como en Euskadi e en Galicia, Feijóo contestou que, ao seu modo de ver, "non é bo condicionar as cousas", senón "ser coherente coa realidade política e territorial" na que se aplican as propostas. 

"Se o 47 por cento dos cidadáns en Galicia votan ao PPdeG, que obtivo maioría absoluta en 2009, 2012 e 2016, e se Cs, do mesmo xeito que o PP, mantén que quere un goberno estable para a comunidade e evitar que goberne o nacionalismo, o independentismo, o socialismo e o populismo de Podemos, a responsabilidade chámanos a entendernos", insistiu. 

Por iso, agregou que o PPdeG aboga por buscar fórmulas que vaian na liña destes obxectivos e reafirmouse en que "a fórmula do PPdeG é a que tivo éxito" electoralmente até o momento. "Espero que isto non quede en titulares, que non sexa unha condición e un contrato de adhesión, senón que impere o sentido común e que os electores manden. E aquí, en Galicia, os electores mandan", dixo.

Dicímolo con total humildade e dispoñibilidade para falar se eles queren, interésanos moito garantir estabilidade aos galegos

"OS DIRIXENTES DE CS SON BENVIDOS". Nesta conxuntura, o presidente galego amosouse convencido de que a maioría dos cidadáns da Comunidade "non queren reproducir o bipartito" de PSOE e Podemos que goberna no Estado e que "aquí sería un multipartito de PSOE, mareas de Podemos, a parte das mareas escindida da anterior e o BNG". 
Segundo Feijóo, a "plataforma" para evitalo xa existe e foi "referendada nas urnas cada vez que os galegos van votar: é o PPdeG. 

É máis, o dirixente dos Peares mostrouse convencido de que "a maior parte de persoas que en anteriores eleccións deron a súa confianza a CS e mesmo miles dos que votaron ao PSOE nas xerais" terán nas autonómicas ao PPdeG "como punto de encontro". Así as cousas, convencido de que o PPdeG é o que garante "a estabilidade, a moderación e a coherencia" en Galicia fronte a un hipotético "multipartito", insistiu en que non só os votantes, senón tamén os dirixentes de Cs son "benvidos" ás filas da formación popular. 

"Nos gustaría moito traballar xuntos e espero que podamos facelo. A fórmula é a coñecida e referendada polas urnas", esgrimiu, antes de concluír que os populares están "a disposición" daqueles dirixentes de Cs que queiran entrar "na casa común" do PPdeG. "Dicímolo con total humildade e dispoñibilidade para falar se eles queren, interésanos moito garantir aos galegos estabilidade para o próximos catro anos", remarcou. 

Iso si, contrapuxo que, "se o que se pretende é outra cousa, é xerar titulares de prensa, ao final Cs restará á posibilidade dun goberno moderado e estable". "Veremos como evoluciona nas próximas semanas ou meses", resolveu. 

Feijóo rexeita unha coalición con Cs, pero convídaos a sumarse "á...
Comentarios