Folga na recollida selectiva do lixo en 88 concellos galegos

lixo.jpg
photo_camera lixo.jpg

Ata 88 municipios galegos non disporán dende hoxe de recollida selectiva de lixo. Os traballadores da empresa Isolux Corsán, que tiña contratado este servizo, iniciaron a noite pasada unha folga indefinida na procura duns soldos máis altos e dun convenio colectivo.

Segundo UGT-Galicia, o sindicato convocante, estes traballadores teñen un soldo inferior ós 600 euros mensuais, por debaixo do salario mínimo interprofesional. Ademáis, cada un deles afronta unhas condicións salariais distintas.

Os intentos por desconvocar o parón mantivéronse ata o último momento. Onte pola tarde celebrouse unha xuntanza que finalmente rematou sen acordo xa que, tal e como indicou a organización sindical en declaracións á Radio Galega, "a empresa pretendía fixar uns servizos mínimos de recollida do 50%, que nós consideramos inasumible porque entendemos que na selectiva non pode haber servizos mínimos". 

A UGT asegura que leva máis de 80 días negociando un acordo con Isolux sen lograr avance algún, e non prevé unha solución rápida ó conflito.

A folga afecta á recollida dos residuos dos baldes amarelos, nos que se depositan plásticos, latas e bricks, da maior parte dos municipios do rural de Pontevedra, Lugo e A Coruña.

Comentarios