Fondo pesar na IGM polo falecemento de Chato Galante en Madrid

Este ex preso dos cárceres franquistas e torturado por 'Billy el Niño' foi "un referente inesquecible" na loita contra os crimes da ditadura
Chato Galante en Pontevedra en novembro. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Chato Galante en Pontevedra en novembro. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

As asociacións de memoria histórica de Galicia, reunidas na Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), expresaron este domingo o seu pesar polo falecemento en Madrid de José María Chato Galante a causa do coronavirus. "Foi un referente inesquecible da loita pola xustiza e fronte á impunidade dos crimes do franquismo".

Chato Galante, ex preso nos cárceres franquistas e torturado por Billy el Niño, destacou por ser membro do colectivo La Comuna Presxs del Franquismo, da Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina Ceaqua e colaborador estreito do movemento memorialista galego.

Nos últimos tempos, Chato Galante visitou en numerosas ocasións Galicia para participar en diferentes actividades organizadas por asociacións locais e da Iniciativa Galega pola Memoria. A súa presenza "foi determinante para que se reactivase en Galiza a loita contra a impunidade dos crimes do franquismo e a participación de familias e entidades na causa aberta polo xulgado do criminal número 1 de Buenos Aires, como Querela Arxentina", sinala o colectivo.

Entre as súas intervencións públicas o movemento memorialista salienta a da Homenaxe nacional ás vítimas do franquismo en San Simón, en xullo do 2019, e o acto de adhesión á Querela Arxentina promovido pola Deputación de Pontevedra en novembro dese mesmo ano. Ademais, participou en actividades que tiveron lugar no Val Miñor, Ribeira, Pontevedra e Vigo. Dentro da súa "inxente labor social" destaca a participación no documental El silencio de otros (2018), que o levou a falar da represión franquista e da loita pola xustiza en cidades de todo o mundo, en asociacións e sobre todo no ámbito escolar, que era o público "que el estimaba máis".

Durante a xornada do domingo, e tras coñecer a noticia do recente falecemento do ex preso no franquismo en Madrid, o movemento memorialista galego, da man da Iniciativa Galega pola Memoria, quixo lembrarse da figura de Chato Galante e tamén agradecer o "inmenso exemplo de loita, de xenerosidade e de entusiasmo que nos brindou o Chato Galante". Deste xeito, o movemento memorialístico tamén quixo expresar o seu compromiso por "manter viva" a súa memoria "da mellor maneira que se pode facer", así como de dar "continuidade, ate rematala, á tarefa que el nos deixou en herdanza: facer xustiza".