Formoso: "Presentarme nas Pontes non supón unha renuncia á Xunta en 2024; ao contrario"

Valentín González Formoso, líder do PSdeG, quere transformar Galicia desde As Pontes cunha nova revolución industrial que marcará un antes e un despois na comunidade. "Alcoa consumirá hidróxeno das Pontes", garante. No plano político, aproba o seu ano á fronte do partido, suspende o de Rueda e confía no éxito da socialdemocracia para as municipais.
Valentín González Formoso. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Valentín González Formoso. PEPE FERRÍN (AGN)

Vén de anunciar que volverá presentarse á alcaldía das Pontes. Cando tomou a decisión?
A decisión levaba tomada un tempo. É froito dunha reflexión sobre a transcendencia que teñen para Galicia os proxectos industriais que hai nas Pontes, que entendo que non se poden perder. E aínda que ninguén é imprescindible, é certo que a información, a formación e a relación que teño con eses proxectos, pola miña implicación con eles, pesou na miña decisión. E logo tamén houbo unha reflexión familiar e persoal: vou seguir facendo o que estou facendo agora, pero cun redobre de esforzos na campaña electoral.

É consciente de que, ao tardar tanto en anunciar a súa decisión, tiña o partido intranquilo.
Si. Pero iso é marca propia. Estás tan imbuído nos temas diarios, que son tantos e tan relevantes, que vas deixando os temas persoais para o final.

Asume que non todos no PSdeG comparten a súa decisión polo que supón de acumular cargos?Eu fun escollido hai un ano pola militancia e as circunstancias son as mesmas: son secretario xeral, presidente da Deputación e alcalde. A cidadanía moitas veces descoñece que para presidir a Deputación tes que ser concelleiro ou alcalde, por lei. Se Pedro Sánchez leva un Goberno cun orzamento desa contía e é tamén secretario xeral do PSOE; ou Rueda é presidente da Xunta e tamén do partido, e a ningún deles se lles achaca iso, pois máis doado será levar a secretaría xeral do PSdeG e presidir unha Deputación.

Implica a súa decisión de quedar nas Pontes renunciar á candidatura á Xunta en 2024?
Non, para nada. Non hai ningunha renuncia senón todo o contrario: a reafirmación do meu compromiso por Galicia. Na miña decisión pesou moito a galeguidade deses proxectos industriais das Pontes dos que falei.

En todo caso, a elección do candidato á Xunta tampouco poderá demorarse moito. Hai calendario?
Non. Sempre dixemos que sería despois das municipais e penso que, pasado ese escenario, haberá que fixar ese calendario.

A frase de Messi non é miña; eu tan só falei co corazón e dixen que se Besteiro quería ir ás primarias, eu non iría

Arrepíntese da polémica e mediática frase de Messi e Besteiro?
Non. Primeiro porque non a dixen eu! Eu só dixen que se Besteiro pensaba en presentarse ás primarias, eu non iría. Pero non me podo arrepentir de falar co corazón, que é como falo dos amigos. Besteiro foi perseguido oito anos e excluído da política galega cando era unha figura transcendental.

Vostede fala moito con Besteiro. Trasladoulle el cal era o seu plan unha vez liberado da xustiza?
Non. Sobre o seu futuro hai que falar con el. Eu respéctoo, pero teño que preocuparme do rumbo do partido. No ámbito persoal falo con el a diario de política, de viaxes, de gastronomía... Pero sobre determinadas cuestións debe falar cada persoa.

Pero que sensacións ten vostede con respecto a el?
Que está moi feliz por deixar atrás o que foi un mal momento persoal e familiar. Esa é a principal circunstancia pola que debemos alegrarnos todos.

Refírome a se o ve con ganas de volver á política.
Creo que esa reincorporación é cousa del. O PSdeG debe reintegrar esas persoas: fixémolo con Paco Rodríguez en Ourense e con Besteiro debemos facer tamén un esforzo para que conte no futuro.

Vostede xa cumpriu un ano á fronte do PSdeG. Aproba?
Aprobo o esforzo feito e aprobo o cambio de dinámica. Estou comprobando que hai unha sensación nos sectores cos que tomamos contacto, que son case todos, de que a dinámica que ten o PSdeG gusta e iso é o que intentamos impoñer: ser útiles aos diferentes sectores económicos e sociais e poñer Galicia por riba dos intereses do partido. Todo iso nunha estratexia coordinada co Estado e con respecto ao PSOE; pero debe quedar marcado a lume que na nosa historia, cando tivemos que escoller, sempre escollemos Galicia.

Que foi o máis díficil neste ano na secretaría xeral? O ruído interno?
Iso é unha situación esperada, aínda que non por esperada deixa de incomodar, é certo. Pero a mensaxe que temos que trasladar á sociedade debe ser outra: a da vida do PSdeG que existe nas institucións e nas agrupacións municipais, onde militancia e cargos traballan en positivo. Ás veces acertan e ás veces erran, pero un partido que ten 143 anos de historia como o noso sempre o fixo e por iso subsiste. E cando un sae desa norma, está fóra da propia esencia do PSOE, que é un instrumento a favor da sociedade.

Que reto se marca para as municipais do 28 de maio?
Hoxe temos unha gran representación na sociedade galega, onde máis do 50% da xente ten un alcalde socialista: e ese debe ser o reto. Debemos ir estendendo a nosa forma de pensar politicamente e trasladar ese compromiso que temos con Galicia a todos os concellos. Non queremos facer unha simple batalla electoral de bandeiras azuis contra vermellas.

O 28-M xógase algo a sociedade, non eu; sinceramente non vexo en perigo ningunha das deputacións do PSdeG

Ve en perigo algunha Deputación das que goberna o seu partido?
Non, sinceramente non. Evidentemente hai unha que está moi consolidada que é a de Pontevedra, porque a influencia de Vigo é enorme. E as outras dúas historicamente sempre son máis xustas, pero o labor feito cos proxectos municipais nesas provincias fai que non corran perigo. É máis, reflexionamos sobre a opción de conquistar a de Ourense: non renunciamos a ela tendo en conta que na cidade armamos un proxecto gañador.

Xa que fala de Ourense, avala un pacto PSOE-PP para que non goberne Gonzalo Pérez Jácome?
Respectando sempre a democracia, que Jácome non estea na alcaldía de Ourense debe ser o obxectivo de calquera ourensán e unha motivación moi alta o 28-M. A imaxe que está dando a cidade debe excepcionar moitos posicionamentos previos dos partidos. Hai decisións que se teñen que tomar con autonomía no eido municipal, pero neste caso terá o aval do partido. A historia agradeceranos ese esforzo.

Hoxe parece imposible falar de pactos PSOE-PP. Estaría disposto a exploralos nas municipais?
Eu creo que non é posible. O que si hai que facer é chegar a acordos nos grandes pactos do país. Igual que acordamos co PP a aprobación da lei de áreas empresariais, hai que chegar a acordos nos incendios, por exemplo. O monte ardía con Fraga, Touriño, Feijóo, Rueda e arderá con Formoso, seguro. O que hai que intentar é, agora que non arde, aproveitar o tempo e pór enriba da mesa solucións ás causas, principalmente ao abandono do rural. Poñamos a producir o rural porque iso será un éxito de toda a sociedade galega! Aí si podemos chegar a acordos co PP, igual que nun gran pacto pola ciencia para que non escape o talento de Galicia polo feito de non priorizar unha bolsa de axuda sobre un asfaltado; ou ordenar o territorio, porque só no Barbanza hai un millón de leiras cunha media de menos de mil metros... Esa debe ser a nosa obsesión e tamén a do PP e o resto de formacións. Hai decisións que teñen custo político e debemos asumilo, así que repartámolo entre todos! Prioricemos Atención Primaria, incendios, emprego, investigación, territorio... Non son tantos temas nos que temos que xuntarnos, sacar a camiseta do partido político e chegar a acordos de país. Iso é moito máis determinante que pactar para chegar a unha alcaldía determinada.

Co BNG si que manteran a politica de pactos municipais, non?
Non mudou nada. Hai unha parte progresista no BNG que é perfectamete compatible co PSOE e outra parte máis centrada na reivindicación da identidade, dunha república galega, que non condena a guerra de Ucraína... e iso afástanos moito. Haberá que ver que alma impera máis no Bloque: se a progresista ou a nacionalista.

O 28-M sera o seu primeiro test electoral a fronte do PSdeG. Xogase vostede o futuro nesa cita?
Quen se xoga moito é a sociedade. A socialdemocracia ten unha base electoral no eido municipal que para nós é imprescindible. Por unha banda como estratexia elctoral, porque é unha plataforma cara as nacionais e as autonómicas; excepto en 2019, cando tivemos un resultado por riba do 30% nas locais e logo nas galegas foi un batacazo. Pero se un lembra como chegaron ao poder Touriño, Felipe ou Zapatero, sempre houbo un grande apoio previo no ámbito municipal. Pero logo tamén son importantes estas eleccións pola propia natureza da política municipal: o PSOE entende que o alcalde é a primeira referencia política dunha persoa, a política real. Por iso nos xogamos moito. En 2019 tivemos un resultado moi potente froito dunha marea roxa nacional que potenciou a nosa imaxe. E o obxectivo agora é facer todo o posible para que esa socialdemocracia cale con convencemento na cidadanía. Iso é o que me xogo.

En sanidade, incendios,  territorio... hai que tomar decisións que teñen custo político. Pois pactemos e repartámolo entre todos

Alfonso Rueda cumprira en maio un ano a fronte da Xunta. Que nota lle pon a el?
Un suspenso. Basicamente porque hai continuidade, como non podía ser doutro xeito sendo copartícipe das políticas do PP tantos anos. Pero ante os grandes retos do país vemos unha Xunta que se rende. Na crise de Atencion Primaria, onde di que non se pode facer máis; na falta de apoio á ciencia, onde somos incapaces de mandar un sinal de futuro ao mundo investigador... E logo hai un seguidismo de Génova que non beneficia a Galicia. Cando falan en Castela e León de impor ás nais que queren interromper o embarazo o latexo do feto e Rueda ve iso normal, é que temos un problema porque non coincide co pensamento dos galegos. Ou cando Madrid manda baixar impostos e o primeiro que fai Rueda é seguidismo: baixarllos aos que teñen máis dun millón de euros. E por último está a busca continua de confrontación co Estado por parte da Xunta. Non hai unha soa medida do Goberno central que teña o visto bo da autonomía.

A ultima lea precisamente e pola eolica marina. Que opina dela?
É unha desas cuestións prioritarias na UE. Europa ve que a gran crise que pode afectar a humanidade é a enerxética e por iso quere independizarse nese sentido, xa que non pode depender do gas natural do Magreb ou o leste de Europa. E nese contexto Galicia pode ter un protagonismo e un liderado claro, así que de antemán non debemos renunciar a nada. En Alemaña, Escocia, Francia, Holanda, Portugal ou Italia hai eólica mariña e a xente sgue pescando, pero ollo porque a prioridade debe estar clara: preservar os caladoiros galegos por riba de todo. Hai que acreditar o impacto destes parques: se non afecta, ponse; se afecta, non.

"Percorro As Pontes a pé e en bici moitas noites; sei onde hai unha baldosa rota"

As Pontes ten proxectos industriais sobre a mesa por mais de 1.500 millons e milleiros de empregos. Canto de real e canto de anuncio tenen?
Todos son reais e materializables, con promotores e financiamento, pero logo cada un ten vida propia. Hainos moi avanzados que en xullo xa van iniciar as obras e outros que están facendo consultas de prazos. Son proxectos moi complexos que teñen procesos administrativos, ambientais, urbanísticos... Non se trata dun salón de peiteado ou un almacén de piensos. Cada un ten o seu ritmo, pero todos son estratéxicos para Galicia.

Por que o son?
Galicia vai ser totalmente diferente con eles. O sector forestal é estratéxico e sendo eu pequeno xa oía a Fraga na tele reclamar a Ence que pechase o ciclo produtivo cunha fábrica de papel tisú: pois hoxe é unha realidade cun proxecto de 330 millóns e 400 empregos, que fará un produto con papel reciclado e residuos forestais que encaixa na filosofía de economía circular da UE. Logo está o almacenamento enerxético, que é o gran reto tecnolóxico do século, porque se tes parques eólicos e non hai vento tes que contectar o gas de Putin. Pois co proxecto das Pontes non, porque será un macrocomplexo de hidróxeno e hidráulico onde se non hai vento enchufas a auga. A automoción tamén é estratéxica para Galicia e aquí hai un proxecto de 660 millóns para facer neumáticos de última xeración con deseño galego para vehículo eléctrico. O transporte marítimo e pesado precisa combustibles de última xeración xa que as actuais mesturas de fuel e gasóleos están penalizados ambientalmente: pois esa alternativa é o amoníaco verde. Todo isto levaranos, nun tempo razoable, a despreocuparnos da factura da luz, tanto para unha pequena tenda de Santiago como para Alcoa, que consumirá hidróxeno verde das Pontes. E iso pode ser revolucionario.

Cos proxectos que temos a factura da luz deixará de ser unha preocupación, e iso será algo revolucionario

Canto teñen de persoal, de Valentin, eses proxectos?
Hai de todo! O que eu resaltaría é a sensibilidade do goberno das Pontes, e incluso do pobo, coa industria. Aquí o segundo que vemos ao nacer despois da nosa nai é unha cheminea de 356 metros. O sector industrial é o que máis retribúe o coñecemento, mentres que os servizos están á cola. É difícil que o turismo reteña talento, mentres que o sector industrial si o fai e evita que moitos chavales emigren.

Estes proxectos dependen de fondos Next Generation?
Non. Algún pide axudas, pero son aspiracións modestas.

Xa que fala da cheminea, está disposto a tirala como Meirama?
A xente debe saber que pintar a cheminea cada dez anos custa 2,5 millóns de euros. Quen se vai facer cargo? O Concello non. Porque ademais habería 500.000 metros cadrados de zona industrial hipotecados pola protección desa cheminea. E isto dio alguén que está recuperando o patrimonio militar de Ferrol ou que lle comprou a Endesa a máquina de metal máis grande de España para conservala como patrimonio industrial.

Nas Pontes temos unha sensibilidade enorme coa industria; o que vemos ao nacer logo da nosa nai é a cheminea

Ten data de caducidade a central?
Non. Terá que ver coa evolución da guerra de Ucraína, do prezo do gas e do CO2.

Habera continuidade na lista do PSOE das Pontes?
A maior parte si.

Desde que e secretario xeral ten menos tempo a ir polo Concello.
Eu durmo todos os día nas Pontes e polas noites percorro a vila a pé ou en bicicleta, así que sei onde hai unha baldosa rota. E a través do teléfono estou en contacto permanente.

E todo iso sen Whatsapp. Ten merito. Acabará utilizándoo?
Non creo! Dáme medo poñelo agora e que me entren todas as mensaxes que a xente tentou mandarme estes anos [ri].

Comentarios