viernes. 20.05.2022 |
El tiempo
viernes. 20.05.2022
El tiempo

Gadis celebra as Letras Galegas con versos de Rosalía ou Pondal

Gadis Letras Galegas
A Coruña, Lugo, Ourense, Ordes, O Barco ou Betanzos son algunhas localidades nas que se desenvolve a campaña 'Versos na rúa'

Supermercados Gadis conmemora o Día das Letras Galegas con versos de autores "ilustres" escritos en 220 pasos de peóns, muros e fachadas de 50 edificios de distintas localidades galegas. Os versos corresponden a oito poetas "representativos" do galego como Rosalía de Castro ou Eduardo Pondal. 

O resto de creadores presentes nas rúas de Galicia son Curros Enríquez, Xohana Torres, Uxío Novoneyra, Manuel Antonio, Lois Pereiro e Xosé Neira Vilas. O obxectivo desta acción é "pór o foco na cultura galega" e que os cidadáns poidan coñecer e gozar a selección de pezas da literatura na súa vida cotiá. 

Entre os dez versos que se poden ler destacan "Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén", de Neira Vilas; "No xardín unha noite sentada, ó refrexo do branco luar", de Curros Enríquez; ou "Chove para que eu soñe", de Uxío Novoneyra

Esta ruta de versos da literatura galega atópase en 13 localidades: A Coruña; Lugo; Ourense; os municipios coruñeses de Betanzos, Muros, Ordes e Ribeira; as localidades lucenses de Foz, Sarria e Viveiro, e os concellos de Carballiño, O Barco e Verín en Ourense. 

A parte dos versos nas localidades galegas, Gadis regalará o luns 16 de maio, ata fin de existencias, 80.000 adhesivos vinílicos coa selección de versos reproducidos. Esta iniciativa dará "maior visibilidade" e "potenciará" o coñecemento destes autores. 

Para rematar, o supermercado tamén renderá homenaxe ao autor a quen se dedica o Día das Letras Galegas, o poeta ourensán, Florencio Delgado Gurriarán. Gadis repartirá o 17 de maio 30.000 marcapáxinas e 30.000 bolsas cunha imaxe do agasallado. 

Gadis celebra as Letras Galegas con versos de Rosalía ou Pondal
Comentarios