A campaña péchase en Galicia coa esperanza de gañar representación

Os partidos sacan músculo de cara a sumar máis deputados galegos en Madrid

El hemiciclo del Congreso. JAVIER LIZÓN (EFE)
photo_camera El hemiciclo del Congreso. JAVIER LIZÓN (EFE)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, arroupou esta noite ao líder do PP e candidato á Presidencia do Goberno, Pablo Casado, no WiZink Center de Madrid, onde reuniu a máis de 8.000 persoas, segundo fontes do PP. Tamén acudiron ao acto o presidente andaluz Juanma Moreno ou o murciano Fernando López Miras.

O PP buscaba unha demostración de forza con este mitin de peche que puxo broche final á campaña electoral. "En dous días, España terá un presidente do PP", asegurou a moderadora. "Viva España", corearon os asistentes varias veces.

A primeira en subir á tribuna foi a candidata do PP por Barcelona, Cayetana Álvarez de Toledo, que lembrou como nesta campaña insultáronos, agredíronos e chamáronlles "facha, machista" e "mesmo marquesa". Álvarez de Toledo aludiu a Leopoldo López Gil, pai do opositor venezolano e que irá nas listas do PP ao Parlamento Europeo, e apostou por "unha Venezuela libre". "Un bico ao teu fillo, referente da dignidade e a democracia", proclamou, brindando un forte aplauso a López Gil, posto en pé xunto Pablo Casado.

EN MAREA. O portavoz de En Marea, Luís Villares, pediu este venres en Vigo a "confianza" dos galegos para que a formación teña presenza no Congreso e participe na gobernabilidade dun Estado "plurinacional", para que defenda a Galicia nas Cortes e poña coto aos partidos que, cando están sós, como o PSOE, "tiran ben cara á dereita".

Villares sinalou que o voto a esta formación "é profiláctico" porque "evita que o PSOE se deite con Ciudadanos" e tamén reivindicou que ese voto servirá "para dicirlle a PSOE e Podemos que 'amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale'". "Cada vez que pretendan humillar a este país nuns orzamentos xerais do Estado, diremos 'non', sen supeditación a grupos estatais", incidiu, en clara referencia á posición de Unidas Podemos e dos deputados de En Marea que apoiaron as contas do PSOE, apartándose da posición fixada pola dirección da formación.

Os cabezas de lista polo catro provincias recalcaron a necesidade de romper co "retroceso político" das políticas que "baleiraron" Galicia, precarizaron os empregos e obrigaron a miles de mozos a abandonar os seus fogares.

PSDEG. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apelou ao PSOE como o "voto necesario para o progreso" co fin de "frear a dereita e a ultradereita". "Ningún cidadán que senta que o progreso é algo de todos pode entender a esa dereita que fai políticas públicas para uns poucos con custo para todos", apostilou.

Caballero animou "á mobilización masiva" o vindeiro domingo, 28 de abril, "unha cita histórica na que non pode faltar o voto de ningún progresista", así o manifestou no mitin de peche de campaña en Ourense. Á súa vez, chamou a "concentrar todos os votos progresistas nas listas do PSOE ao Congreso e ao Senado e apostar polo avance que representa o PSOE fronte ao retroceso dunha dereita reaccionaria que, con tres papeletas, supón un retroceso ao pasado", a ollos de Caballero.

Nun "día de festa" como o secretario xeral do PSdeG cualificou este venres, el sostivo ter moi claro que "nin desde dentro nin desde fóra van poder debilitar ao PSOE", dado que o vindeiro domingo "as urnas vanse encher de votos socialistas".

BNG. O BNG pechou o seu principal acto de campaña electoral en Galicia este venres cun mitin no Teatro Rosalía de Castro na Coruña pedíndolle ao electorado galego que sexa capaz de "frear á dereita carca e antigalega", referíndose a VOX e a C's, dixo Ana Pontón, portavoz nacional do seu partido.

A líder da formación nacionalista alertou ao PSOE que aínda que o "Bloque non permitirá un goberno da dereita, tampouco dará cheques en branco para seguir gobernando en contra deste país" e reivindicou o voto do seu partido para "responder ao medo e á crispación con ilusión e esperanza", dixo Ana Pontón.

Ana Pontón explicou aos seus simpatizantes que notou nesta campaña "o avance do BNG porque non hai quen nos pare, e o 28 de abril vai ser unha marabilla porque Galicia vai estar en Madrid e o ausente vai ser esa dereita que non quere que se fale das cousas importantes", comentou.

Por iso recriminou aos candidatos e candidatas das forzas estatais, "as vellas e as novas, á dereita e á esquerda", que tras unha lexislatura "pasando olímpicamente de Galicia, aquí só veñen pedir o voto.

EN COMÚN. A candidatura de En Común-Unidas Podemos en Galicia pechou este venres o seu calendario de campaña electoral cun mitin na Coruña no que apelaron ao voto da xente nova para liderar a remontada. "Hai remontada", clamou a candidata número un pola provincia de Pontevedra, Yolanda Díaz, desde o escenario para o centenar de asistentes a este evento, celebrado nun local de lecer da cidade herculina e que congregou aos cabezas de lista ao Congreso dos Deputados e ao Senado de todo o territorio galego.

No entanto, só interviñeron as dúas caras visibles nas provincias nas que En Común-Unidas Podemos ten máis posibilidades de obter representación no Congreso dos Deputados, A Coruña e Pontevedra, encabezadas por Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz, respectivamente.

No seu discurso, Díaz quixo dirixirse tamén ás persoas "indecisas" e pediulles que aposten pola súa formación dada a morneza do PSOE para abordar cuestións relevantes como a derrogación das reformas laborais para combater o emprego precario, unha reforma fiscal para gravar aos máis ricos ou a loita contra o cambio climático.

Pola súa banda, Antón Gómez-Reino sostivo que estas eleccións supoñen un "momento histórico" e mostrouse convencido de "parar á extrema dereita" e ao PP, "o partido corrupto", nas urnas este próximo domingo.

CIUDADANOS. A cabeza de lista ao Congreso dos Deputados pola Coruña de Ciudadanos, Marta Rivera de la Cruz, asegurou este venres que espera que a "gran campaña" da formación laranxa en Galicia se traduza "en moitos votos" nas eleccións xerais do próximo domingo. "Son un pouco supersticiosa e non quero pensar en números, só quero pensar en que fixemos unha boa campaña e as enquisas sonnos moi favorables; se digo o que teño na cabeza vouno gafar", sinalou Rivera de la Cruz en declaracións a Efe.

A candidata si precisou que obter un escano -as enquisas concédenlle un pola Coruña- cando "estás a pasar de cero", é "para estar contento", xa que é difícil "sacar a cabeza cando o tes todo en contra" e en Galicia a implantación é "moi complicada". "Temos moi boas sensacións, foi unha campaña moi rara polas datas, pero tivemos moita axuda porque Albert Rivera tirou moito nos debates, que marcaron un punto de inflexión que se notou en todo", sinalou.

Rivera de la Cruz, quen se presentou por Madrid nas eleccións xerais, afirmou que prefire o tipo de campaña que se fai en Galicia, xa que "é máis de ir porta a porta, baixando ao terreo e falando coa xente", mentres que na capital "céntrase moito no líder".

Comentarios