Galicia comisou 18 toneladas de mariscos ilegais procedentes de Portugal nos últimos catro anos

Rosa Quintana avanza a posta en marcha dun decreto de comercialización ► A oposición critica que a conselleira só fale de "datos" e non dos problemas "reais" do sector do mar

 

Rosa Quintana, este martes no pleno. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Rosa Quintana, este martes no pleno. PEPE FERRÍN (AGN)

Gardacostas de Galicia e Policía Autonómica comisaron no últimos catro anos un total de 18 toneladas de mariscos ilegais procedentes de Portugal. 

Diso informou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, tras o recente operativo posto en marcha de maneira conxunta entre policía española, galega e portuguesa contra o tráfico irregular de ameixa do país luso, que incluíu varios rexistros nas rías de Arousa e Pontevedra

Neste sentido, remarca que o sector galego apunta que: "Quizais esa fraude débese a que Portugal aínda non ten un sistema telemático de rastrexabilidade dos seus produtos como temos en Galicia". Respecto diso, subliña que coa rastrexabilidade existente en Galicia "é bastante máis difícil contribuír ás fraudes". 

Así mesmo, asegura que "claro que ten que vir a Galicia pescado de fóra". "Non somos capaces de producir todo o peixe que se consome", indicou. "Temos que traer produto de todo o mundo e darlle valor engadido", engadiu. Aínda que avisa que "aquilo que é galego véndase como galego" e "aquilo que non sexa galego non se venda como galego". "E na loita contra esta fraude estamos", advirte.

Quintana: Temos que traer produto de todo o mundo e darlle valor engadido

DECRETO PARA COMERCIALIZACIÓN. Así o expresou nunha comparecencia a petición propia para falar do ano "marca" de comercialización e facturación de peixes en Galicia en 2017, uns datos xa avanzados polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha comparecencia na lonxa de Noia o pasado mes de febreiro. 

Deste xeito, Quintana lembrou que Galicia alcanzou en 2017 o seu mellor cifra de facturación na súa historia, con 500 millóns de euros en primeira venda, mentres se comercializaron máis de 212.000 toneladas de produtos da pesca. 

Sobre este extremo, resaltou que se debe "dar corpo normativo" para as melloras na comercialización. Ante isto, avanzou que están "listos", tras o traballo co sector e a adecuación á normativa estatal, e xa se dispón de todo o material necesario para que tome forma definitiva un decreto sobre esta materia. 

En 2018 crece a partida da Xunta un 40% para mellorar a comercialización ata nove millóns de euros. Así, buscarase primar a calidade por encima da cantidade, conseguir máis cotas e acordos con terceiros países, así como mellorar as zonas de marisqueo e a internacionalización. 

A oposición botoulle en cara á conselleira do Mar que acuda á Cámara só a ofrecer "datos" e non a falar dos problemas "reais" do sector do mar

Ata 2020, investiranse 96 millóns para axudas a pequenas e medianas empresas de transformación de produtos pesqueiros e acuicultura en busca dunha maior competitividade. 

A isto únese que se aumentará o número de pujadores nas lonxas galegas a través de sistemas 'en liña', mentres se apostará pola súa dixitalización. De cara ao futuro, a conselleira Rosa Quintana tamén avoga por un plan do conxelado que marque o rumbo ata 2025.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN. En contraposición, a oposición botoulle en cara á conselleira do Mar que acuda á Cámara só a ofrecer "datos" e non a falar dos problemas "reais" do sector do mar. Neste sentido, Montse Prado (BNG) tachou a comparecencia de Quintana de "trámite" para "cumprir unha cota" no Parlamento e falar de temas "enlatados" como os de comercialización, no canto de abordar "se vai facer algo para cambiar o sistema de repartición" para a frota de caballa, que está "en albas". 

A socialista Loli Toja denunciou que o sector perdeu máis de 4.000 persoas na comunidade nos últimos anos

Loli Toja (PSdeG) denunciou que o sector perdeu máis de 4.000 persoas en Galicia nos últimos anos a pesar da subida en 136 traballadores en 2017. 

A continuación, Carmen Santos (En Marea) preguntouse como é posible que o "fito" en facturación e comercialización de peixe non serviu para "recuperar postos de traballo nin embarcacións" en Galicia.  En cambio, a deputada popular Teresa Egerique deu o "parabén" á conselleira do Mar, pois defende que a pesca galega "vai polo bo camiño".

Polémica

Durante o debate, algunhas das intervencións provocaron polémica. Unha delas foi a da deputada nacionalista Montse Prado, quen lle espetou á conselleira: "Por moito que vostede se vista de lagarterana non pode dicir que conseguiu maiores posibilidades de pesca"

Posteriormente, Prado pediu desculpas por esa expresión se alguén se sentiu ofendido. Quintana dixo que non lle ofende a expresión vestirse de lagarterana, senón que o que lle molesta é que a deputada do BNG fale de que non se conseguiron mellores posibilidades de pesca. 

Pola súa banda, Rosa Quintana asegurou que a ela lle "sacaron ás mariscadoras" á rúa no ano 2000 con protestas relativas ao réxime de cotización. 

Esta sentenza valeulle a reprimenda por parte de Loli Toja, quen lle deixou claro á conselleira do Mar que as mariscadoras "teñen capacidade de saír" por si soas á rúa e "non fai falta que as saquen", de maneira que lle recriminou a súa "postureo coa igualdade". Na súa quenda de peche, Quintana pediu retirar esa expresión de "sacar" ás mariscadoras. 

Comentarios