Galicia, distinguida como a comunidade "coa actividade sanitaria máis innovadora"

Sanidade informa de que xa se emitiron máis de dous millóns de certificados covid 
Personal medico del Hula, en una intervención. SEBAS SENANDE
photo_camera Personal medico del Hula, en una intervención. SEBAS SENANDE

A revista especializada no sector sanitario New Medical Economics distinguiu a Galicia como a comunidade coa actividade sanitaria "máis innovadora" grazas aos votos dos lectores e do Consello Editorial. 

Segundo informou a Consellería de Sanidade nun comunicado, a revista sinala que Galicia destacou este ano no uso das tecnoloxías da información aplicadas a todo o proceso de vixilancia, vacinación e atención sanitaria na covid, na implantación de procesos de teleasistencia e "abrindo novas canles de atención sanitaria á cidadanía a través da app SergasMobil". 

A inclusión da cirurxía avanzada robótica nas sete áreas sanitarias supuxo tamén un "salto cualitativo". Ademais, o Sergas "foi o primeiro servizo público sanitario de España en pór a disposición dos pacientes a tecnoloxía HIFU para o tratamento de tumores xerados por diferentes patoloxías, como no parkinson".

CERTIFICADOS COVID EMITIDOS. Por outra banda, o departamento autonómico informou de que os certificados covid emitidos xa superan os dous millóns, concretamente, 2.075.373. Deles, 1.998.894 foron certificados de vacinación, 47.244 de resultado de proba diagnóstica e outros 29.235 de superar a enfermidade. 

En canto aos autotest vendidos nas oficinas de farmacia, ata o día de hoxe, ditas oficinas rexistraron os resultados das probas de 48.556 persoas, que permitiron localizar a 513 persoas con resultado positivo. 

Respecto do test de antíxenos realizados en diferentes puntos dos distritos sanitarios, o balance final indica que se realizaron tests a un total de 27.816 persoas, o que facilitou a detección de 311 casos positivos.

ACREDITACIÓN CENTROS SANITARIOS. Por outra banda, a Consellería de Sanidade publicou no Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia, o proxecto de decreto polo que se establece o procedemento para a acreditación de centros sanitarios e créase e regúlase a Comisión de Acreditación de Centros Sanitarios en Galicia. 

Así, fixouse un prazo de 15 días hábiles para a achega de suxestións, que finaliza o 11 de novembro. Tal e como explicaron, poderán acreditarse os centros sanitarios de carácter público ou privado, pertencentes ao sistema de saúde de Galicia. 

No texto do anteproxecto regúlase tamén a comisión autonómica de acreditación de centros sanitarios como un órgano colexiado ao que se lle atribúen funcións de asesoramento e de emisión de informes sobre os procedementos de acreditación. 

A comisión estará presidida polo titular do órgano directivo da Inspección de Servizos Sanitarios e contará con tres vocais de perfil técnico sanitario adscritos á Administración sanitaria galega e dous vogais pertencentes ao centro directivo do Sergas con competencias en materia de asistencia sanitaria. 

Esta comisión proporá os estándares e indicadores de calidade de centros sanitarios, así como a revisión e modificación dos mesmos.

ÁREAS A AVALIAR. As áreas a avaliar no proceso de acreditación son: dirección e organización; xestión e formación do persoal; calidade, xestión emellora continua; dereitos e deberes do paciente; asistencia ao paciente; continuidade da atención; seguridade do paciente; xestión da información e documentación clínica; procesos de soporte á asistencia; e procesos de apoio loxístico e seguridade das instalacións. 

Establécese así un sistema de acreditación baseado no cumprimento dos indicadores, o que supón que os centros poden alcanzar a acreditación en grao básico (cumprimento entre o 55% e o 75% dos indicadores) ou en grao superior (centros que superen o 75%). 

O procedemento iníciase mediante a solicitude presentada pola persona titular do centro ou por quen a represente legalmente, presentándose a solicitude por medios electrónicos. 

Quedan excluídos, segundo matizaron, do ámbito de aplicación deste decreto "por ter normativa específica en materia de acreditación": as oficinas de farmacia, boticas anexas e establecementos dedicados á distribución, elaboración, importación ou fabricación de medicamentos e produtos sanitarios: os servizos ou unidades técnicas de protección radiológica; as consultas médicas; os servizos de prevención de riscos laborais; os centros sanitarios dedicados á práctica de actividades de extracción e transplante de órganos e tecidos; e os centros de interrupción voluntaria do embarazo. 

Comentarios