Galicia impulsa novas medidas contra a violencia de xénero ao abeiro do Pacto de Estado

O Goberno galego promoveu en 2019 medidas que contaron cun orzamento de preto de 16 millóns de euros ▶ Por primeira vez concedéronse axudas para o apoio integral a menores orfos por violencia machista
10,30 h.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentará en rolda de prensa a campaña do 25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. No Gabinete da Vicepresidencia.
foto xoán crespo
08/11/2019
photo_camera 10,30 h.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentará en rolda de prensa a campaña do 25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. No Gabinete da Vicepresidencia. foto xoán crespo 08/11/2019

As 65 medidas programadas polo Goberno galego para 2019 no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero están xa executadas ou en proceso de execución. Deste xeito, Galicia cumple ó 100% a súa programación anual con respecto ao Pacto de Estado.

Programáronse 38 novas medidas e reforzáronse ou ampliaronse outras 27 que o Goberno galego xa tiña en marcha. Estas actuacións enmárcanse no Plan de actuación para a implantación en Galicia das medidas de competencia autonómica incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de Xénero (no que se inclúen medidas que deben ser aplicadas polo Estado e polo concellos), aprobado polo Goberno galego o pasado mes de marzo.

Na provincia concedéronse 1482 prestacións periódicas, 276 axudas de pago único e catro indemnizacións no período 2009-2019

As 65 medidas encádranse nalgúns dos dez eixos do Pacto de Estado, sendo as máis numerosas as relacionadas coa sensibilización e prevención (26) e coa asistencia, axuda e protección das vítimas (15). O resto de medidas sitúanse no resto de eixos: mellora da resposta institucional e traballo en rede; intensificación da protección aos menores; impulso da formación; seguimento estatístico; recomendacións ás comunidades autónomas; ou visualización e atención a outras formas de violencia contra as mulleres.

O importe total a executar este ano ascendeu a preto de 16 millóns de euros, dos que xa están en execución ou rematados case 13 millóns de euros, isto é, catro de cada cinco euros. A achega do Pacto de Estado contra a violencia de xénero é duns 8 millóns de euros anuais pero nesta ocasión, ao consignado en 2019, sumouse gran parte do orzamento previsto para o ano anterior (xa que o crédito de 2018 non foi transferido polo Estado ata finais de ano). Cómpre recordar tamén que as comunidades autónomas dispoñen ata o mes de marzo para poder xustificar os fondos, polo que está previsto que se execute na súa totalidade o investimento previsto.

Galicia é unha das comunidades autónomas que parte dunha boa situación de partida para a execución do Pacto de Estado contra a violencia de xénero porque xa tiña implantadas con anterioridade unha boa parte das medidas autonómicas que incluía o documento. Como por exemplo o relativo ás prestacións periódicas, (é a única comunidade que ten habilitadas prestacións periódicas para as vítimas); a ampla rede de Centros de Información á Muller (82), a rede de centros de acollida (seis), ou a rede de asistencia psicolóxica con case un cento de profesionais formados para a asistencia psicolóxica integral de mulleres e menores.

NOVIDADES. Entre as novas medidas postas en marcha en 2019 destacan o apoio integral a menores orfos por violencia machista -que atendeu a cinco menores no que vai de ano-; a habilitación do apoio económico e social ás vítimas gravemente feridas, que permitiu atender a 6 mulleres neste exercicio; a posta en marcha das quendas de garda psicolóxica e social; o reforzo das Oficinas de Atención ás Vítimas nos xulgados das sete cidades coa incorporación de traballadores sociais, e as axudas á contratación de vítimas por concellos e para empresas forestais e agrogandeiras.

Para o vindeiro 2020 está previsto incorporar un plan estratéxico que avance cara a plena comunicación e compartición de información entre as bases de datos informáticos das diferentes Administracións públicas, a posta en marcha de novos centros de acollemento, o impulso da formación dos profesionais, o traballo cos menores agresores (porase en marcha, xunto coa Fiscalía o proxecto Fénix, unha iniciativa pioneira de reeducación para menores con medidas xudiciais por violencia, que comezará cunha experiencia piloto en Lugo), e medidas para loitar contra outras formas de violencia contra as mulleres como agresións sexuais, acoso ou trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual.

AXUDAS. As axudas económicas son unha das medidas que a Xunta de Galicia ofrece para loitar contra a violencia de xénero. Deste xeito, conta con tres liñas de axudas económicas directas ás vítimas: prestacións periódicas, axudas de pago único e indemnizacións. O obxectivo destas axudas é garantir ás vítimas unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, ou no caso das mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, da persoa que mantivese con ela unha relación de dominación, de xeito que se lles facilite dar o primeiro paso para romper con esa situación de violencia.

A axuda periódica consiste nunha contía económica de carácter mensual, que oscila entre os 200 e os 800 euros en función dos ingresos da persoa beneficiaria, dos fillos ou fillas menores en acollida ao seu cargo ou se ten algún tipo de discapacidade.

Galicia foi a primeira comunidade autónoma en dispoñer de prestacións periódicas para as mulleres que sofren violencia de xénero e a única que as ten operativas de maneira ininterrompida ao longo de todo o ano. Nesta convocatoria inclúense como beneficiarias ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, e desde este ano tamén ás vítimas da violencia vicaria, é dicir, aquelas mulleres que padezan o asasinato dos seus fillos/as a mans do maltratador.

Pola súa banda, as axudas de pago único van dirixidas a aquelas mulleres con insuficiencia de recursos e con especiais dificultades para obter un emprego mentres que a liña de axudas para cubrir indemnizacións está destinada a aqueles casos nos que se teña incumprido por insolvencia o pago da indemnización á vítima, sempre que esta estea fixada por sentenza xudicial.

Na provincia de Pontevedra, no periodo 2009-2019, concedéronse 1482 prestacións periódicas, 276 axudas de pago único e catro indemnizacións. No total de Galicia, foron más de 4.000 prestacións periódicas, 793 axudas de pago único e 83 indemnizacións. Este ano tamén se habilitaron por primeira vez axudas ás vítimas gravemente feridas e aos orfos. Pontevedra é a provincia que encabeza a estatística con catro concesións a mulleres gravemente feridas e outras catro a orfos. Na Coruña concedeuse unha axuda no apartado de mulleres maltratadas. Lugo e Ourense non rexistraron datos neste eido.

Ademais, dentro do Plan de actuación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero o goberno autonómico tamén ofrece subvencións ás entidades locais da provincia; financia programas de fomento da contratación de vítimas de violencia de xénero en concellos e entidades rurais; impulsa o bono de Alugueiro Social, cursos de Defensa Persoal e outras actividades como a exposición gráfica ilustrada ‘Á violencia de xénero..Dille NON!’ ou charlas informativas sobre agresións sexuais e violencia sexual.

Entidades locais. Preto dun millón de euros para os CIM de Pontevedra
A Xunta destinou en 2019 máis de cinco millóns de euros para distintas liñas de colaboración cos concellos galegos para poñer en marcha programa de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero. A provincia de Pontevedra recibiu 1,47 millóns de euros a través de distintas liñas de axuda.

O programa de apoio aos Centros de Mulleres (CIM) está dotado con 3.197.589,52 euros, dos que 986.040,95 euros son para a provincia de Pontevedra. A liña de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar ten un orzamento de 794.136,04 euros, e a dotación para a sensibilización sobre igualdade e prevención da violencia de xénero é de 778.100,32 euros.

Para a promoción de igualdade e prevención e tratamento da violencia de xénero adícanse 288.368,41 euros.

Son beneficiarios desta subvención 266 concellos, o 85% do total dos concellos de Galicia, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituidos exclusivamente por entidades locais.

Comentarios