Galicia reducirá tempos de recoñecemento de discapacidade con novas medidas

Reforzaranse os equipos encargados de supervisar as solicitudes e simplificaranse os trámites

Alberto Núñez Feijóo. XOÁN REY (EFE)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. XOÁN REY (EFE)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este venres unha batería de medidas que permitirá axilizar os "procesos de valoración da discapacidade", para o que se reforzarán os equipos encargados de supervisar as solicitudes e simplificaranse os trámites para iso e que suporá un investimento de máis dun millón de euros nesta anualidade.

Así o avanzou na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu gabinete, acompañado polo conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, que admitiu que na actualidade os tempos para o recoñecemento de discapacidade "están moi lonxe de ser os que deberían", polo que se traballará para que se consiga achegar o prazo medio ao tres meses que marca a lexislación.

As principais medidas que se implantarán para recortar os tempos baséanse nun reforzo nos equipos, que aumentarán nun 74% e pasarán de 19 a 33, axilizar os procesos de citas, implantar o recoñecemento automático da invalidez cando a Seguridade Social xa recoñecese a incapacidade permanente e o emprego do historial único.

Estes 14 novos equipos de valoración da discapacidade anunciados pola Xunta entrarán en funcionamento a partir de xuño, cun prazo legal de tres meses para realizar os diagnósticos dando resposta á queixa exposta pola Valedora do Pobo, Milagros Otero, neste sentido.

"Evidentemente existe unha descompensación entre solicitudes e resolucións", esgrimiu o presidente autonómico, que explicou que este feito se debe á gran porcentaxe de "poboación envellecida" co que conta Galicia e que fixo que a pesar de que non se recortasen recursos neste ámbito a demanda de solicitudes aumentase cun aumento no prazo de resolución, e que no caso de Pontevedra e Vigo supera o ano.

Comentarios