domingo. 19.09.2021 |
El tiempo
domingo. 19.09.2021
El tiempo

O Goberno destina 25 millóns a Galicia para rehabilitación de patrimonio

La ministra de Industria Reyes Maroto junto al resto de partícipes en la presentación del plan Xacobeo. EFE
A ministra de Industria Reyes Maroto xunto ao resto de partícipes na presentación do plan Xacobeo. EFE
Incluído dentro do Plan Xacobeo, este programa  presenta as reformas de 11 bens patrimoniais

O Goberno destina 25 millóns a Galicia no marco do Plan Nacional Turístico Xacobeo 21-22, que conta cun investimento global de 121 millóns en todo o país. 

A maioría deste investimento en Galicia, 22,75 millóns de euros, será para a rehabilitación de 11 bens patrimoniais: Convento de Sobrado dos Monxes –3,5 millóns–; Convento de Herbón –3,5 millóns–; Convento de San Francisco, en Pontevedra –3,5 millóns–; Catedral de Mondoñedo –3,5 millóns–; Mosteiro de Oseira –2 millóns–; Mosteiro de San Salvador de Lourenzá –2 millóns–; Moteiro de Vilar de Donas –1,5 millóns–; Mosteiro de San Salvador de Lérez –1,5 millóns–; Colexiata de Santa María de Xunqueira de Ambía –752.257 euros–; Cércere Vella en Tui –329.859 euros– e Muíño do Toleiro de Sarria –668.000 euros–. 

A ministra de Industria, Reyes Maroto, foi a encargada de dar a coñecer, nun acto en Santiago, este investimento para Galicia, despois de que o pasado mes de xuño presentase en Oviedo o Plan Nacional Turístico Xacobeo 21-22, que busca impulsar os Camiños de Santiago como produto cultural e patrimonial en todo o territorio do país

Así, Maroto valora un investimento "moi importante" que mostra o "compromiso do Goberno con Galicia", "nunha semana histórica" para a comunidade galega pola rebaixa de peaxes na AP-9, que se traducirá nun aforro de "2.300 millóns" para os usuarios. 

Nesta liña, a ministra remarca que o Camiño é "un dos principais produtos turísticos" e "un produto que vertebra o territorio", que supón "abrir as portas de Galicia, non só a España, senón ao mundo".

Igualmente, expón que se realiza unha "promoción por toda Europa" da ruta xacobea, para o que se abriu unha oficina en Roma de promoción do Xacobeo. Un apoio que "vai permitir traer moitos turistas, que se van a levar unha experiencia única". 

Tamén indica que este anuncio de investimento para Galicia chega nunha semana "moi importante", con medidas como o teito de gasto para España en 2022, á vez que a EPA coñecida este xoves mostra que se "vai polo bo camiño" e a "recuperación xa está en marcha". 

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde de Vilagaría, Alberto Varela, deu as grazas ao Goberno polo "o investimento máis importante que fixo o Estado na historia pensando nos Camiños de Santiago". 

DESPLANTE DA XUNTA. A preguntas da prensa polo "desplante" da Xunta a este acto no Hostal dos Reis Católicos, a ministra explicou que os presidente e vicepresidente primeiro do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, "non poden estar nesta reunión" ao coincidir co Consello da Xunta, que se celebra cada xoves. Con todo, agradeceu a presenza no acto da responsable de Turismo de Galicia, Nava Castro. 

Así mesmo, a ministra indica que o Goberno traballa coa Xunta "nos espazos institucionais" para "traer investimentos a Galicia". Nesta liña, incide que o Executivo central está "comprometido" coa comunidade galega, e pon como exemplo a rebaixa "histórica" nas peaxes da AP-9, a chegada da AVE, o investimento neste plan Xacobeo e os plans de sustentabilidade aprobados o mércores para A Mariña e Ourense termal.
 
"Este Goberno traballa para abrir as portas de Galicia ao mundo", asegura, pois "había uns déficits que había que atender", e "os galegos ven que eses investimentos están a chegar a Galicia", o que "supón crear emprego" e "riqueza". 

Por todo iso, Reyes Maroto apela ao "consenso" para recuperar a economía após a pandemia, porque "a mellor maneira de facelo é chegar a acordos". 

Neste acto tamén participaron, entre outros, o secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés; os presidentes das deputacións de Pontevedra e Lugo, Carmela Silva e José Tomé; así como o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo

O Goberno destina 25 millóns a Galicia para rehabilitación de...
Comentarios
ç