Gómez-Reino insta a Villares a "reflexionar" tras o plenario de En Marea

O secretario xeral de Podemos Galicia pide facer "autocrítica" e "falar máis dos problemas dos galegos"

Antón Gómez-Reino. CABALAR (EFE)
photo_camera Antón Gómez-Reino. CABALAR (EFE)

O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, pediu ao portavoz de En Marea, Luís Villares, que "reflexione" tras o plenario do partido instrumental, celebrado o sábado 27 de outubro, no que os críticos coa dirección sacaron adiante a maioría das súas propostas. 

"Cando un dirixente, nun proceso interno, as súas teses non son referendadas pola maioría senón ao contrario, o que ten que facer é reflexionar", abundou nunha entrevista concedida este domingo á Cadena Ser. 

Así, o recentemente electo líder do partido morado na Comunidade celebrou o "bo traballo" de Villares á fronte da portavocía do grupo do Parlamento de Galicia, aínda que cre que "sempre é unha posibilidade" que o xuíz lucense abandone a cabeza da formación se perde as primarias ao Consello das Mareas, previstas para principios de decembro. "Despois da asemblea do pasado sábado, toca reflexionar, sobre todo a Luís e á xente que o acompaña, e estou seguro de que o están facendo", expresou. 

Neste contexto, Gómez-Reino aposta por "agrandar o espazo político" de En Marea para que "se some máis xente" e os partidos "estean cómodos", pero sobre todo as mareas municipalistas, pezas "fundamentais" do "cambio político". 

"A xente non nos pide que fagamos un partido clásico, a xente pídenos que fagamos iso, unha marea, un espazo onde todo o mundo estea cómodo e some maiorías, porque é imprescindible que agrandemos posicións e sumemos a máis xente se queremos desprazar ao PP da Xunta", reivindicou. 

Por iso, Gómez-Reino descartou que En Marea se converta nun "partido convencional" e pediu aos seus colegas que fagan "autocrítica" e "falen máis dos problemas dos galegos" e "menos" de cuestións internas", aínda que admitiu que "iso é imposible".

VE FUNDAMENTAL QUE PODEMOS "SE REIVINDIQUE". Neste contexto, o novo secretario xeral de Podemos en Galicia explicou que é "fundamental" que o partido morado "se reivindique e se responsabilice de estar no centro do cambio" tanto en En Marea como nas candidaturas municipalistas. Así mesmo, subliñou que a formación que dirixe "ten que ser autónoma" con respecto a Podemos a nivel estatal. 

Ademais, o tamén deputado no Congreso explicou que a súa ausencia no plenario do 27 de outubro se debeu a "cuestións de ámbito persoal". "En todo caso, aspiro a que un espazo político como Podemos non necesite que estea o seu secretario xeral para que participe", apostilou. 

Con todo, a súa compañeira na Cámara baixa Alexandra Fernández (Anova) si compareceu na asemblea, fundamentalmente para criticar que En Marea é, en Madrid, un "satélite" do Grupo Confederal Unidos Podemos. 

Respecto diso, Gómez-Reino valorou que "todas as opinións son lexítimas", á vez que afirmou que o grupo parlamentario "toma decisións colectivamente" e "con portavocías diversas que representan ás diferentes formacións". 

Tras a súa elección hai menos de dúas semanas como secretario xeral de Podemos Galicia, Gómez-Reino dixo sentir "un total e escrupuloso respecto" sobre a outra candidata a liderar a formación morada na Comunidade, a tamén deputada no Congreso Carolina Bescansa, a quen lembrou que "as portas as vai a atopar sempre abertas" porque —engade—, é unha persona "que ten moito que aportar ao cambio político". 

Comentarios