Gómez-Reino non renuncia á marca Galicia en Común, que Noriega rexeita por "partidaria"

O responsable de relacións políticas de Anova, disposto a "non estar nin nas listas" se iso facilita unha candidatura conxunta da esquerda rupturista 
Gómez- Reino e Martiño Noriega. AEP
photo_camera Gómez- Reino e Martiño Noriega. AEP

O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, considera que sería "un pouco irresponsable" alterar a marca Galicia en Común para as eleccións autonómicas, xa que foi "terceira forza" nas xerais do 28 de abril e nas do 10 de novembro na comunidade. Así, cre que, nunha "campaña tan corta" até o 5 de abril, esta denominación debe ser o punto de partida desde o que sumar a outras forzas da esquerda que no pasado formaron parte da xa rota plataforma En Marea. 

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, o tamén candidato ás primarias do seu partido para ser cabeza de cartel nas autonómicas insistiu en que Anova e as mareas municipalistas, que preparan unha candidatura á marxe, estarían "cómodos" dentro de Galicia en Común —confluencia galega de Unidas Podemos—. Unha afirmación coa que discrepou o responsable de relacións políticas de Anova, Martiño Noriega, ao entender que se trata "dunha marca partidaria que ten a centralidade, pero que non o é todo". 

"Iso non atende á demanda cidadá", dixo nunha entrevista concedida á Cadena Ser na que dixo non ter "ningún problema" con "non estar nin nas listas" das eleccións autonómicas do 5 de abril se iso facilitase unha candidatura conxunta de esquerda rupturista na que se reunisen tamén Podemos, Esquerda Unida (EU) e as mareas municipalistas. 

O líder de Podemos Galicia descarta deixar o seu escano no Congreso "por responsabilidade", xa que as maiorías "son moi axustadas"

Ao respecto, o exalcalde de Santiago dixo ter a sensación de que Unidas Podemos "prefire obter un peor resultado" nas urnas coa súa "posición estratexicamente lexítima" en lugar de "arriscar, ser audaces e ter valentía". 

"A unidade popular non só é o federalismo de Unidas Podemos, é tamén o soberanismo, tamén o municipalismo, todo o que deu razón de ser aos resultados que obtivemos", explicou Noriega, rememorando os éxitos das mareas locais do 2015 e a segunda praza alcanzada pola xa rota plataforma En Marea, que todo apunta a que se presentará en solitario. Pese a todo, aínda non descarta que esta semana haxa un acordo entre Anova, Podemos e EU, polo que manifestou que non perde "a esperanza" de que se dea "un cambio de posición" no partido morado. 

O dirixente de Anova di ter a sensación de que Unidas Podemos "prefire un peor resultado" a "arriscar" e sumar con eles

Gómez Reino, pola súa banda, asegurou que as conversacións coa formación nacionalista fundada por Xosé Manuel Beiras son "activas", pero mostrouse "respectuoso" co debate interno no que está mergullada. Sobre Noriega, que se atopa á fronte das negociacións e cuxo nome soa como candidato á Xunta, expresou que mantén con el "unha magnífica relación persoal" e engadiu que "é unha boa noticia que estea a levar as relacións políticas" do seu partido. "A partir de aí son eles os que teñen que tomar as decisións orgánicas que correspondan", apostilou. 

En calquera caso, o líder do partido morado en Galicia reiterou que non deixará o seu escano no Congreso por agora, o que non implica que non vaia a dedicar "todo o seu tempo" á campaña do 5 de abril. "Eu, por responsabilidade e como todo o mundo entenderá, as maiorías son moi axustadas no Congreso para as votacións e teño que manter o meu escano", xustificou.

Comentarios