Martes. 18.09.2018 |
El tiempo
Martes. 18.09.2018
El tiempo

Gonzalo Caballero di que a súa "prioridade" está en Galicia e non no novo Goberno

Gonzalo Caballero Míguez. PEPE FERRÍN (AGN)
Gonzalo Caballero Míguez. PEPE FERRÍN (AGN)

Defende que Pedro Sánchez "recoñece as singularidades culturais de Cataluña, País Vasco e Galicia"

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reivindicou que a súa "prioridade está en centrada en Galicia" ante a posibilidade de que o novo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, poña os seus ollos nel á hora de configurar o seu Executivo. Caballero, nunha entrevista na Cadena Ser este domingo, evitou pronunciarse sobre os nomes que se barallan para a configuración do novo equipo de Goberno despois de que saíse adiante a moción de censura presentada polo Partido Socialista e que puxo fin ao mandato de Mariano Rajoy.

"Non debo entrar en nomes, hai moitas quinielas, eu sei como está a cuestión, pero poñer nomes, faría un mal favor ao partido", apuntou cuestionado sobre se un deses nomes podería ser o da galega Pilar Cancela. "Hai que esperar á decisión que tome Pedro Sánchez. Hai moitísimos compañeiros, como Pilar, pero moitos outros, que poderían ocupar un ministerio", apostilou.

Caballero restou importancia á presenza de mandatarios galegos no equipo de Pedro Sánchez e remarcou que, aínda que di estar "a disposición" de Ferraz, a súa "prioridade" está en Galicia. "Temos que facer un proxecto de cambio en Galicia", engadiu, para despois apuntar a "plena sintonía" que existe "entre a dirección estatal e galega".

O EXEMPLO DE TOURIÑO. Nesta liña, o líder dos socialistas galegos puxo como exemplo o acontecido con Emilio Pérez Touriño, secretario xeral do PSdeG entre 1998 e 2009, e que, após o desembarco de José Luis Rodríguez Zapatero na Moncloa en 2004, non foi nomeado para ocupar ningún cargo de responsabilidade co Goberno socialista. "Touriño quedou percorrendo o país e un ano despois foi presidente da Xunta", lembrou.

O economista vigués remarcou que desbancar a Rajoy do Goberno central era necesario para que non se instalase un clima de "impunidade" logo da sentenza da Gürtel que condenou ao PP como partícipe a título lucrativo dunha rede de corrupción.

Para Caballero, unha das "prioridades" que debe ter Pedro Sánchez á fronte do Executivo é "rexenerar" a vida política en España. "Creo que facía falta este cambio, que é un cambio positivo. As prioridades pasan por retirar o nivel de corrupción do PP e avanzar nunha liña de exemplaridade política, e abrir pontes de diálogo dentro do marco constitucional", incidiu.

GALICIA E FEIJÓO. Entre as cuestións que deberá abordar o novo goberno socialista figuran, no tocante a Galicia, o traspaso da AP-9 que apoian todas as fases políticas con presenza no Pazo do Hórreo, que aprobaron por unanimidade reclamar a titularidade autonómica desta infraestrutura. No entanto, o Goberno de Mariano Rajoy impuxo un veto no Congreso ao debate da transferencia da AP-9.

Gonzalo Caballero recoñece que o traspaso da AP-9 é unha cuestión "moi relevante", pero evitou aclarar se o novo Goberno socialista apoiará transferir a infraestrutura a mans da Xunta. "Vanse abrir novas oportunidades para todo, o venres cambiou a historia do país, o da AP-9 é moi relevante, pero o debate político vai ser moi intenso", afirmou.

"O que si está claro é que cando gobernamos os socialistas a Galicia foille mellor", reivindicou o líder do PSdeG, que vaticina que Alberto Núñez Feijóo "vai perder o Goberno de Galicia, ou porque se vai a Madrid ou porque vai perder as eleccións". Deste xeito, cre que Feijóo "leva na súa campaña de márketing persoal bastante tempo" centrado "na loita pola sucesión" de Mariano Rajoy e deixando ao carón a "defensa" dos intereses de Galicia, que "necesita un proxecto de futuro".

ESTADO PLURINACIONAL. Un dos retos que se lle abren a Pedro Sánchez ao mando do Goberno central é afrontar a situación aberta en Cataluña e o encaixe das nacionalidades históricas na estrutura do Estado. Para Gonzalo Caballero, o presidente español "recoñece as singularidades culturais de Cataluña, o País Vasco e Galicia". Ademais, defende que Galicia "non" vai perder posicións respecto de Cataluña e Euskadi no debate territorial.

Gonzalo Caballero di que a súa "prioridade" está en Galicia e non...
Comentarios