Goretti Sanmartín repite como número dous do BNG

O equipo de Ana Pontón continúa de forma maioritaria, aínda que hai algúns cambios
Integrantes da nova Executiva do partido. BNG
photo_camera Integrantes da nova Executiva do partido. BNG

A concelleira do BNG de Santiago Goretti Sanmartín levará o peso da coordinación na dirección da formación nacionalista, que lidera Ana Pontón, elixida por terceira vez portavoz nacional da formación frontista.

A Executiva Nacional do BNG aprobou na súa última reunión a repartición de responsabilidades sobre a base das áreas operativas desde a asemblea nacional de 2016. O equipo, encabezado pola portavoz nacional, Ana Pontón, continúa de forma maioritaria, aínda que hai algúns cambios máis aló das incorporacións.

Así as cousas, segundo informou o BNG nun comunicado, como coordinadora da Executiva Nacional sitúase Goretti Sanmartín, que seguirá levando o peso desta área como un dos nomes máis próximos de Ana Pontón. Na área de organización, outro das áreas con peso interno, estarán Lucía López –que se incorpora a este ámbito– e Bieito Lobeira.

Na área municipal, atoparanse Eva Villaverde e Carme da Silva; en comunicación, Xavier Campos e Olalla Rodil; na área de finanzas, Lois Pérez Castrillo –unha das novidades da executiva–; mentres que na área de institucional estará como responsable Manuel Lourenzo no Parlamento galego –cargo que antes desempeñaba Montse Prado–, Néstor Rego no Congreso e Ana Miranda na Eurocámara.

Montse Prado –vicepresidenta segunda na Cámara galega– asume a área de formación; Noa Presas continúa no de acción feminista; Rubén Cela e Ana Miranda seguen en internacional e Luís Bará, permanece como responsable da área de iniciativas políticas.

Completan as áreas Olaia Ledo como responsable de ecoloxismo; Xosé Luís Rivas de medio rural, Breixo Lousada na área de movementos sociais e Marta Gómez (secretaria xeral de Galiza Nova), como responsable de mocidade.

A decisión da executiva en relación a esta distribución de responsabilidades será agora sometida a consideración do Consello Nacional, que ten prevista a súa primeira reunión de constitución o 11 de decembro, tras a XVII Asemblea Nacional celebrada o pasado 7 de novembro na Coruña.

Comentarios