Guillerme Vázquez: ''El legado de Castelao sigue poniendo en evidencia al españolismo''

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, reivindicou este domingo en Santiago a vixencia do pensamento de Castelao e mostrouse convencido de que hoxe estaría a combater ese ''pensionazo inxusto, esa puñalada nas costas dos traballadores que conta co visto e prace do PSOE, UXT, CC.OO, a Ceoe e ao que se sumará o PP'' e combatería igualmente os intentos de privatizar as caixas.

Guillerme Vázquez, durante a súa intervención nun acto homenaxe organizado polo BNG no Panteón de Galegos Ilustres no 125 aniversario do nacemento de Castelao, asegurou que as súas ideas e propostas son absolutamente modernas, revolucionarias e incómodas como "foron no seu día". Neste sentido explicou que o seu legado ''segue poñendo en evidencia o españolismo'' e por iso precisamente a súa figura ''intenta silenciarse ou se deturpa'' por parte dos poderes públicos, para ''evitar que a cidadanía o coñeza máis aló dun simpático debuxante'', ironizou.

O líder nacionalista advertiu que, ademais, Castelao non se limitou a ''filosofar'', senón que tamén ''actuou, o que pagou caro, por certo'', e por iso o BNG réndelle homenaxe ''do único xeito posible, actuando e seguindo o exemplo do seu pensamento''. Para o portavoz do BNG, boa proba desta reflexión é a manifestación do pasado día 27 contra o acordo das pensións, ''no que volvemos encher as rúas, demostramos que si hai alternativa fronte aos que se plegan á gran banca, aí está o BNG, con Galicia e coa súa maioría social''.

Vázquez, que interveu tras a proxección do documental Estrela da alba. O pensamento político de Castelao, leu varias pasaxes do Sempre en Galiza, para concluír explicando que podería seleccionar calquera anaco da obra, pois "todos eles evidencian que Castelao hoxe estaría a defender o autogoberno, unha política económica ao servizo dos intereses da maioría social e do pobo galego, o dereito a traballar na nosa terra e, por suposto, o noso idioma e a nosa cultura. Cuestionaría o capitalismo especulativo e criticaría tanto a conservadores como progresistas españois''.

O líder do BNG finalizou a súa intervención defendendo que as ideas de Castelao viven porque ''están en nós e nos que virán para facer realidade o seu soño dunha Galiza libre, próspera e dona de si. Sempre Castelao. Sempre en Galiza''.

Un panteón laico
Pola súa banda, o candidato do BNG á alcaldía de Santiago, Rubén Cela, que abriu o acto, reinvindicou a laicidade do Panteón de Galegos Ilustres e asegurou que os nacionalistas seguirán traballando desde todas as frontes, nomeadamente mediante iniciativas parlamentarias, na defensa deste lugar como espazo público, laico e de uso civil, para que o Arcebispado de Santiago non teña capacidade de decidir que actos se poden facer e cales non.

Comentarios