''Habrá ayudas paliativas para el sector lácteo''

Tras o seu paso por Madrid e Washington, Samuel Juárez (La Bañeza, 1962) regresa a Galicia para facerse cargo dunha Consellería do Medio Rural que ten por diante retos de máxima prioridade. E volve á Xunta deixando claras as súas orixes lucenses.

Pregunta: Chega nunha crise do sector lácteo sen precedentes, cunha caída do prezo do leite de 5 céntimos no último ano. Antes de nada, que marxe de actuación ten a Xunta?

Resposta:
Esa é pregunta do millón. En principio, sobre o prezo hai marxe escasa, porque non é un mercado español, é un mercado europeo. E cada vez está máis influído polos mercados mundiais. Esta crise nace principalmente da crise económica. Os países emerxentes reducen consumo, e os exportadores, sobre todo Estados Unidos e Nova Zelanda, teñen excedentes e caen os prezos. Pola normativa comunitaria non se pode actuar vía prezos. Haberá que buscar todas as accións de acompañamento ou paliativas que poidamos.

P: A que medidas se refire?

R:
O sector necesita algo que lle axude rapidamente, pero hai o compromiso do presidente en persoa de abordar este tema como un tema urxente. Eu terei contactos cos interlocutores sectoriais a vindeira semana para tratar de avanzar en todo o que se poida facer. E dende logo intentaremos facelo a nivel galego, do Estado e incluso a nivel comunitario. Tamén hai que ter en conta que algunhas medidas, como mellorar a competitividade, non son de efecto inmediato.

Gañar en competitividade
P:
A Unión Europa mantén a idea de eliminar as cotas en 2015. Terá tempo Galicia para prepararse?

R: Para afrontar isto non hai outra saída que gañar en competitividade. Non podemos imaxinar nada máis. Temos que ser máis competitivos, é posible. Hai condicións para facelo, pero Galicia ten un problema: as propias cotas lácteas e a forma como se implantaron no seu día estrangularon o sector e non o deixaron medrar.

Neste últimos anos temos o fenómeno de moitas explotacións que adquiriron cota para poder medrar en tamaño. Estes gastos de adquisición de cota, xunto con outros gastos de modernización de explotacións, agora están pesando moito. Non lles deixan aguantar.

P:
O presidente Feijóo prometeu a elaboración dun Plan Lácteo Galego con vixencia de 2009 a 2013. Cales serán as súas liñas básicas?

R:
Terán que ser definidas en consulta co sector, a traves dun Consello Galego do sector agrario que terá que consultar isto. Eu non quero avanzar liñas, pero haberá que adoptar algún tipo de medida paliativa a curto prazo. Tamén se incluirán medidas a medio e longo prazo necesarias para mellorar esa competitividade; hai que reducir os custos do sector. Iso inclúe modernización e tamén accións formativas cos gandeiros e coa industria. Esta última tamén ten que moito que facer.

A competencia de prezos
P: A industria?

R: Si. Ten que diversificar un pouco máis a producción, porque está demasiado baseada no leite líquido. En todo caso, haberá que adoptar un conxunto de medidas complementarias das que poida adoptar o ministerio, con quen imos colaborar con ese obxectivo. Pero Galicia require medidas adaptadas á nosa realidade.

P:
Proseguirá o proceso de desaparición e reestruturación de explotacións que non son viables?

R:
O sector tense reestruturado xa de forma moi importante, iso é certo. Pero tamén é verdade que hai explotacións que aínda poden non ser viables, e hai explotacións que dalgunha maneira desexan saír da actividade. Esa saída é boa para eles e para o resto, por iso cremos que ese tipo de iniciativas hai que favorecelas e incentivalas. Non se pode pechar a unha saída digna, hai que favorecela e explotala.

P:
O sector denuncia constantemente prácticas de dumping co leite que chega de Francia...

R: Se existe dumping, haberá que velo e abordalo. Eu non sei se hai dumping ou non, non quero anticipar nada. Iso si, o dumping é moi complicado de probar. As normas internas comunitarias son moi restrictivas nesta materia. E é certo que Francia ten o leite máis barato que España, e Alemaña aínda máis barato.

Continuidade de Bantegal
P:
A anterior Xunta impulsou un contrato homologado entre produtores e industrias, diferente do que fixo o ministerio. Que lle parece?

R: Era mellor que houbese un só. Como os contratos son anuais ou bianuais, hai que renovalos frecuentemente, por iso nós trataremos de que haxa un. É mellor que haxa un; a existencia de dous complica as cousas. É mellor que haxa dous e non ningún, pero é moito mellor que haxa un só.

P: Un dos proxectos estrela do anterior Executivo foi o Banco de Terras, moi criticado no seu momento polo PP. Seguirá vixente?

R: O presidente Feijóo dixo na súa sesión de investidura que nós non viñemos aquí a derrubar nada. Imos ver o que hai, porque estou case convencido de que o Bantegal ten aspectos positivos. Nós manteremos o que estea ben, e o que non estea ben teremos que melloralo. De entrada, non hai unha posición de desmantelamento de nada. Pensamos que nestas materias é mellor ser prudente. A política de destruír o que fixo o anterior non é a nosa.

Participación dos concellos nos incendios
P:
Pensa igual da empresa Seaga? Tamén levou moitas críticas...

R:
Dígolle o mesmo. Non me doe nada dicir que non teño unha opinión definitiva respecto a Seaga. Temos que ver como está funcionando. De entrada, ter unha sociedade instrumental restrinxida ó ambito da consellería do Medio Rural non é moi práctico. Se esa sociedade é útil, por que non pode dar servizo a outras consellerías, nos ámbitos que se definan? En todo caso, aínda estamos aterrando no Goberno. É pronto, hai outros asuntos máis prioritarios. Estes son máis organizativos e poden ir dun xeito máis paulatino.

P:
Haberá cambio no sistema de prevención de incendios?

R:
Non é o momento do cambio. O traspaso que nos fixo o ex conselleiro Suárez Canal ata agora atopámolo correcto, de feito tivemos unha xuntanza moi produtiva e ofreceuse a seguir colaborando. Imos ser moi prudentes. É o momento de examinar todo e de preparar unha campaña complicada. No futuro mellorarase o dispositivo, e haberá que aumentar a participación dos concellos.

P: Agarda unha campaña difícil?

R:
Si. Tivemos un ciclón en xaneiro que botou moita madeira no chan, as copas das árbores están secas e temos un montón de madeira no monte que hai que retirar. Estase traballando nesa materia pero non estamos seguros de que se poida ter todo listo a tempo.

Comentarios