ANA PONTÓN | PORTAVOZ NACIONAL DO BNG

"Hai que tomar medidas drásticas canto antes porque nos permitirán evitar mortes"

O BNG prefire un confinamento á longa agonía das medidas actuais. "A obsesión por salvar o Nadal é a antesala dunha crise máis fonda en xaneiro", advirte Pontón, que critica a xestión de Feijóo e tíralle das orellas a PSOE e Unidas Podemos por "discriminar a Galiza" no Presuposto
Ana Ponton
photo_camera Ana Pontón Mondelo (Sarria, 1977). PEPE FERRÍN

Estamos igual que en marzo. Que fixemos mal?
Pois que a Xunta tiña que preparar a desescalada e non o fixo. Nós en maio dicíamoslle a Feijóo que a prioridade non era ser os primeiros en levantar o estado de alarma senón preparar ben esa desescalada e iso pasaba por reforzar a Atención Primaria, contratar rastrexadores, impulsar a prevención… E vemos que a estas alturas non houbo anticipación nin previsión. É certo que Galiza dentro de España non ten os peores datos pero, se nos comparamos coa contorna europea, as nosas cifras son altísimas. Alemaña, con menos casos, confinou a poboación. Pero España parece que aposta por un modelo no que acepta un alto nivel de mortalidade e iso é un erro. No BNG pedimos medidas drásticas para controlar a pandemia e canto antes se tomen, mellor.

Un confinamento na casa?
Se en toda Europa o fan é porque resulta a medida máis eficaz. E todo indica que estamos indo cara a un confinamento, sexa antes ou despois do Nadal, así que é irresponsable non actuar canto antes, porque as medidas drásticas significan menos mortes e menos impacto económico. Claro que o obxectivo non é o confinamento. Ninguén o quere! Pero se é o máis eficaz para frear a cadea de contaxios o irresponsable é non facelo. O Estado non ten valentía.

Quizais por salvar o Nadal?
Hai especialistas que din que a mensaxe non pode ser esa de salvar o Nadal, senón tomar medidas necesarias para frear os contaxios. Alertan de que a obsesión por salvar o Nadal pode ser a antesala dunha crise máis fonda en xaneiro, porque se xuntaría o colapso do pico do covid co da gripe e o sistema sanitario non se dimensionou para iso. É terrible o que está a pasar coa nosa sanidade pública, xa que Feijóo tivo oito meses para reforzala para atender o covid e o resto de enfermos, e non o fixo.

Quen ten máis responsabilidade: a administración ou a poboación?
O control da pandemia non depende do noso comportamento individual senón que hai outros aspectos onde un Goberno ten que anticiparse e na xestión do covid evidénciase o grave fracaso da xestión de Núñez Feijóo.

O PSdeG dicía que os 900 millóns de Rajoy eran raquíticos. E agora Sánchez con 100 menos? Así, o BNG non os apoiará

Vostede foi especialmente crítica con esa xestión nas residencias.
É que o que está pasando é dramático e non se toman medidas contundentes, como se non aprendésemos nada. Como é posible que oito meses despois sigamos con contaxios masivos nos centros de maiores? E como é posible que un colectivo de 20.000 persoas soporte o 45% dos falecementos por covid e que o PP siga na rutina de sempre? Pedimos que a Xunta interveña todas as residencias mentres dure a pandemia, se fagan máis PCR e se reforce o control. E a medio prazo camiñar cara a un novo modelo que garanta o dereito a unha vellez digna, porque hoxe o coidado dos maiores é un negocio privado. E xa vemos as consecuencias.

É un ano atípico. Tamén na política?
Evidentemente estamos nunha crise sen precedentes onde a nosa principal preocupación é salvar vidas e evitar que caia a economía, e iso condiciónanos. Milleiros de persoas pasan angustia, tanto polo medo á enfermidade como polo seu futuro. A situación na hostalaría é desesparada e vemos imaxes demoledoras das colas da fame, que retratan un país no que a xente acode á beneficiencia para ter bens de primeira necesidade.

Está a pandemia a silenciar outros debates relevantes?
Para min o debate máis importante neste momento é como frear esta crise e atender con urxencia o cambio de modelo que corrixa as eivas estruturais da nosa economía, froito do modelo de Feijóo. Agardo que non repitamos os erros da última década porque serían letais, xa que as decisións de hoxe marcarán o futuro de Galicia.

Cumpre a comisión de reactivación da Cámara as súas expectativas?
O problema real é que Feijóo non cre necesario un grande acordo de país para saír desta crise, así que lle deu un perfil baixo a esta comisión. Eu fun a primeira en propor unha posición de país, sentar e falar para defender ante o Estado e a UE os recursos que necesita Galiza e logo ver como investilos, xa que os fondos de reactivación supoñen unha oportunidade. Pero o que atopamos é opacidade e o rexeitamento da nosa man tendida.

O PP deulle un perfil baixo á comisión de reactivación porque non quere un acordo de país

Que lle parecen os 108 proxectos galegos para captar fondos da UE?
Pois son os 108 proxectos pantasma porque ninguén sabe deles. Hai escurantismo e os únicos sete que coñecemos teñen nome e apelidos: os das grandes empresas deste país. É o mesmo erro que en 2009, cando se salvou a banca; agora parece que pretenden salvar as grandes multinacionais e deixar tirados os traballadores e as pemes, que son os que máis precisan un rescate.

Son tempos de orzamentos. Os da Xunta entran o luns na Cámara e o BNG votará en contra. Por que?
Primeiro temos que coñecelos e necesitamos tempo para estudalos ben, pero paréceme difícil que coincidamos co PP. En calquera caso, agardamos que as contas corrixan o que non se fixo durante meses: reforzar a sanidade pública, un investimento importante en educación, aposta polos sectores do país e que a innovación sexa piar do desenvolvemento.

No caso dos presupostos estatais, o BNG ve marxe de mellora. É optimista sobre chegar ata eses 1.000 millóns de investimento?
O BNG vai defender ata o último minuto os intereses de Galiza e non podemos aceptar que uns orzamentos que medran máis do 19% no seu conxunto presenten para aquí un recorte do 11,2% nos investimentos, mentres Andalucía, Valencia ou Cataluña teñen incrementos entre o 40% e o 60%. Non é presentable. PSOE e Podemos teñen que cambiar o guión da discriminación con Galicia e imos traballar nas emendas para que haxa financiamento para o saneamento e depuración das rías, o tren interior e a nacionalización de Alcoa. Se Gonzalo Caballero dicía que os orzamentos de Rajoy, de 900 millóns, eran raquíticos, non tiñan en conta as necesidades de Galicia e evidenciaban a falla de peso político de Feijóo, vén agora Sánchez con 100 menos e que temos que dicir? Ou hai investimentos xustos con Galiza ou o BNG non lles dá o si.

PSOE e Podemos atacaron ao Bloque con dureza e metérono no mesmo saco que PP e Vox polo non aos Presupostos. Molestouna?
Paréceme que se confunden. Tamén podo dicir eu que o PSOE vota con Vox e PP nos últimos meses para que non se investigue a corrupción da Casa Real! O que pretenden é que non falemos do importante aquí: que os Presupostos Xerais discriminan a Galiza e son máis baixos que os que presentaba o PP. PSOE e Podemos equivócanse de adversario e farían mellor, no canto de atacar ao BNG, porse a traballar para mellorar as contas.

Se na pandemia estamos igual que en marzo, con Alcoa o mesmo.
Con Alcoa estamos peor: hai un Ere extintivo e Alcoa ten tomada unha decisión firme de pechar. A presión de Xunta e Estado non funcionou así que tiñan que empezar hai tempo a intervención pública, porque estamos perdendo un tempo precioso para salvar milleiros de empregos. O BNG presentou unha emenda ao Presuposto do Estado para dar o paso definitivo para esa intervención, pero dá a sensación de que os gobernos prefieren deixar pasar o tempo. enfriar a mobilización social e que Alcoa peche sen custe.

"Aquí non temos bilingüismo, só exclusión pura e dura do galego"

A lei Celaá resucitou o debate da lingua. Cre que volveremos a aquel enfrontamento e crispación social do tempo das Galescolas?
Non creo, pero unha cousa é evidente: o debate de fondo é o mesmo. É lamentable que no Estado español se queira invertir a situación e se cree un problema que non existe. Canto galego menos queren? Aquí non hai bilingüismo en ningunha parte, só discriminación e exclusión do galego pura e dura. O retroceso da nosa lingua nos últimos dez anos non é casual senón froito dunha política que a arrincona. En Galiza non hai un só neno que non saiba castelán, pero moitos non saben galego. E paréceme moi grave que o presidente da Xunta se volva apuntar a este bombardeo. Que Feijóo sexa igual ou máis radical que a extrema dereita nesta cuestión define moi ben que son dúas caras da mesma moeda, por moito que queiran situarse no centro.

Que uso lle gustaría para o pazo de Meirás?
Un vinculado coa recuperación da memoria histórica, converterse nun espazo simbólico desde ese punto de vista.

Será peor esta crise económica ca de 2009?
Depende das medidas que se tomen, porque as consecuencias sociais dunha crise non son un fenómeno meteorolóxico senón que teñen que ver coas decisións dos gobernos. Se algo aprendemos en 2009 é que a austeridade é un suicidio e que hai que apostar por políticas que xeren riqueza e emprego. Para protexer as persoas sen recursos ten que haber un colchón social, iso é certo; pero o importante, a clave, é xerar emprego para que a xente non necesite acudir a eses recursos sociais. Galiza é un país rico e con capacidade que debe aproveitar os fondos da UE, do Estado e a súa capacidade propia para reactivar o país apostando pola industria verde, por pechar os ciclos produtivos, pola ciencia e a innovación… O futuro desta crise vai depender de como se controle a pandemia, así que canto antes freemos os contaxios antes recuperaremos a economía. Feijóo vén de presentar por exemplo un plan de transformación do sector lácteo, pero faino despois de que o PP se cargase durante 12 anos o sector. Pois aproveitemos os fondos da UE para crear un grupo lácteo galego, por exemplo. Galiza leva dez anos con toneladas de propaganda que queren agochar toneladas de abandono, pero estamos nun momento crítico no que a propaganda só vale para dar un día un titular, pero aquí estamos xogándonos o futuro.

Levamos dez anos de Feijóo con toneladas de propaganda que queren agochar toneladas de abandono; iso xa non vale

Son tempos para subir ou para baixar impostos?
É un dilema que se presenta cada vez que hai orzamentos. Sabemos que a fiscalidade en España é das máis regresivas de toda Europa e o BNG defende que quen máis ten debe pagar máis, porque seguir fiando os ingresos a que paguemos máis Ive non parece unha medida moi progresista. Pero á marxe diso, tamén hai que cambiar a distribución dos recursos. Co Presuposto de España máis expansivo dos últimos tempos, Galiza recibe menos do Estado pola vía do financiamento ordinario, o que pon o foco na deficiencia da distribución da riqueza neste país, cun modelo asimétrico que discrimina a Galiza. O debate é que aquí teñamos capacidade fiscal plena para adaptala ao noso territorio. Non pode ser que os traballadores soporten máis impostos que as rendas do capital; este vello debate xa debería estar superado.

Cambiou Ana Pontón no seu novo papel de líder da oposición?
Temos máis responsabilidade porque temos máis representación, pero sempre fixemos o traballo con seriedade, rigor e entrega, e agora con máis intensidade sendo conscientes de que estamos nun momento difícil no que o importante é estar a carón da xente e defender os intereses de Galiza. Aí van atoparnos todos os gobernos. Eu, vendo o espectáculo da política madrileña, cáeme a alma aos pés; non me representa esa política. Creo que se algo demostramos no BNG é que somos críticos, pero tamén que temos alternativas.

Xa que fala de Madrid, hai moito balbordo estes días con EH Bildu.
En Galiza falouse máis de Bildu que da discriminación dos Presupostos do Estado! Estamos sempre ao que lle interesa a uns sectores moi exaltados desde o punto de vista político e impídenos dar o debate real. O máis preocupante para os galegos é que ven como cambia quen está na Moncloa pero non cambia a discriminación con este país. O mellor exemplo témolo nos Orzamentos do Estado, onde a única novidade relevante é que por primeira vez haberá rebaixas nas peaxes da AP-9 e iso non cae do ceo: o BNG condicionouno co seu voto na investidura. A lección que nos deixa iso é que o que máis lle interesa a Galiza e reforzar a nosa presenza en Madrid.

Pero a aritmética do Congreso para aprobar os PGE deixa fóra o BNG.
A aritmética é variable e o Goberno central non debería menosprezar ningún voto nin debería discriminar a Galiza. O BNG sabe escoller ben de que lado porse: nós, nin Sánchez ni Casado, nós, Galiza.

Comentarios