Hostaleiros galegos aplauden o fallo do País Vasco, pero din que "abrir mañá" non solucionaría nada

Lembran que en Galicia se solicitou de forma cautelar a suspensión de peche, pero foi rexeitada
Hosteleros escenifican la muerte del sector ante San Caetano. LAVANDEIRA JR
photo_camera Hostáleiros escenifican a morte do sector en San Caetano. LAVANDEIRA JR

Os hostaleiros galegos recibiron este martes de forma "positiva" a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de País Vasco de ordenar, como medida cautelar, a reapertura dos bares e restaurantes, aínda que advertiron de que trasladar isto a Galicia non resolvería os problemas de débeda acumulados nestes meses de restricións: "Abrir mañá tampouco nos solucionaría nada".

Así o explicaron responsables de asociacións de hostalaría a Europa Press após coñecer a resolución do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco, que permite reabrir os bares e restaurantes de Euskadi que se atopan en zona vermella pola alta incidencia da covid-19, unha medida cautelar que fora solicitada por este sector mentres non se resolve o seu recurso contra o peche. O Goberno vasco xa avanzou que estuda recorrer o auto.

Desde Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo), Elena Vitoria afirma que se trata dunha decisión "positiva", pero que insta a tomar con "prudencia", dado que "está baseada nunha lexislación que non é a mesma" que a galega e contra ela "cabe aínda recurso".

Esta asociación "leva xa tempo valorando varias opcións" a nivel xudicial e prepara tanto denuncias individuais como unha demanda colectiva en relación á súa situación, aínda que non na liña dos hostaleiros vascos, apuntou Vitoria, que considera o recurso á xustiza "o dereito a réplica" que lle pode quedar ao sector fronte aos peches. "Pero non é a solución", advertiu.

Após case un ano de sucesivos peches e restricións, apuntou, o problema dos hostaleiros é "a débeda acumulada" e a "situación límite" de moitos negocios, polo que, advirte, "se mañá terminase a pandemia, as empresas seguiriamos sufrindo moito igualmente".

Máis aló da posibilidade de reactivar o seu traballo, Hoempo lembra que o sector "necesita un rescate", que "é o único que vai salvar do peche". "Esta sentenza supón só o feito de que che dean a razón", destacou.

ESTA OPCIÓN FOI DENEGADA EN GALICIA

Na mesma liña, Lois Lopes, de Hostalaría Compostela, destacou que a sentenza recolle os argumentos que o sector mantén "desde o primeiro día", en referencia a "falta dun informe serio" que os apunte como causantes de contagios.

No caso galego, lembrou Lopes, a hostalaría recorreu o peche e pediu xa a finais de agosto medidas cautelares como as agora aceptadas en País Vasco, pero que o TSXG rexeitouno por antepor o "interese xeral". A resolución da querela, con todo, aínda non se produciu, sinala.

Sobre a posibilidade de interpor un novo recurso após a resolución vasca, o representante de Hostalaría Compostela descártao tendo en conta que a decisión do TSJPV é recurrible e non senta xurisprudencia e que entenden que, segundo as palabras do presidente da Xunta, é posible que a próxima semana xa "se alivien restricións".

En todo caso, e aínda que o auto "reforza a liña discursiva" das súas esixencias, Lois Lopes lembra que a posibilidade de abrir a curto prazo non fai menos necesario un "plan de rescate completo" que alivie a "situación crítica do sector". "Abrir mañá tampouco nos solucionaría nada", subliña.

AVALANCHA DE INDEMNIZACIÓNS

Tamén desde Lugo, o representante dos seus hostaleiros, Cheché Real, instou a tomar con prudencia a resolución, os termos xurídicos nos que se formulou e o seu alcance, aínda que indicou que, se finalmente se cofirma que os peches non están xustificados, isto podería dar lugar a "unha avalancha de indemnizacións tremenda".

Do mesmo xeito, lembrou que, mesmo sen o peche obrigado, a pandemia segue, e os empresarios sufriron meses de perdas que poñen en risco os seus negocios. "Eu non vivo de abrir as portas, vivo de ter clientes", lembrou.

Finalmente, Cheché Real si recoñeceu que o fallo vasco dá "esperanza" a un sector que "sempre defendeu que non é responsable dos contaxios" e que demandou reiteradamente o poder seguir traballando.

Comentarios