Paula Quinteiro permanecerá no cargo "por responsabilidade política"

O 85% dos votantes na consulta sobre a súa dimisión respaldaron a marcha da deputada ► Dimite un dos críticos do Consellos das Mareas

Un 85% dos 928 inscritos de En Marea que participaron na consulta convocada pola formación sobre o futuro da deputada Paula Quinteiro optaron por apoiar pedir a dimisión da parlamentaria tras o seu incidente coa Policía. Deste xeito, as bases ratifican a petición de dimisión da deputada, que a mesma semana do incidente xa pedira a dirección do partido.

Quinteiro, pola súa parte, mantén a postura que sostivo ata o de agora e non presentará a súa dimisión. A deputada, que compareceu este xoves ante os medios de comunicación, considera que os resultados da consulta de En Marea demostran que foi un "fracaso" e continuará no cargo por "responsabilidade política"

"Por responsabilidade política vou continuar. Non é un tema persoal. Se eu dimitise sentaría un precedente moi malo porque o PP podería inventar unha mentira e repetila mil veces" obrigando a todos os seus adversarios políticos a dimitir.

Criticou o proceso de "linchamento desmedido" que sufriu pola propia dirección da organización de confluencia e instou á coordinadora "a facer autocrítica da xestión deste proceso". 

Quinteiro: Por responsabilidade política vou continuar. Non é un tema persoal. Se eu dimitise sentaría un precedente moi malo

Segundo dixo, en ningún caso queda por obter beneficios persoais nin económicos posto que antes como enfermeira "eventual pero continuada" do Sergas cobraba máis diñeiro, por mor das doazóns que agora fai en base aos estatutos de Podemos e En Marea é "a deputada que menos cobra" da Cámara galega.

Ademais, volveu a repetir que ela esta disposta a someterse a un proceso revogatorio pero que, ao seu xuízo, non poderá convocarse porque para impulsalo precísase da participación de máis dun 50 por cento do censo.

A parlamentaria de En Marea confiou en que este xoves sexa o último capítulo deste asunto, porque ao seu xuízo, "é o momento de reflexionar", "volver recuperar o espírito de hai tempo" e camiñar cara a unha "saída dialogada" que permita ao partido centrarse nas eleccións municipais de 2019.

DATOS DA VOTACIÓN. Segundo os datos facilitados pola formación esta madrugada, dos 2.387 inscritos chamados a votar, foron 928 os que o fixeron, o que supón case un 40% e que é unha cifra superior á alcanzada en anteriores consultas.

As bases contaron con 36 horas para responder si ou non á pregunta "Consideras que Paula Quinteiro debe dimitir do seu cargo como deputada do Parlamento galego polo uso da súa acta de deputada para un asunto particular?".

Dos 928 votos emitidos, 790 foron a favor de solicitar a dimisión de Quinteiro –un 85,13%- fronte ás 138 en contra –un 14,87%–.

AVALIACIÓN DOS RESULTADOS.  A dirección de En Marea destacou que a participación na consulta foi "alta" e considera que logo de que as bases do partido instrumental apoiasen maioritariamente a marcha da deputada, o asunto debe quedar "pechado". 

Ana Seijas e Victoria Esteban, as portavoces do Consello das Mareas, remarcaron que, por tanto, os resultados "son válidos" e deben servir para "pechar" o caso, xa que fixan a postura política do "conxunto" de En Marea sobre o futuro de Quinteiro.

DIMITE UN DOS CRÍTICOS

 Borja San Ramón, un dos integrantes do Consello das Mareas e crítico coa dirección de En Marea presentou este xoves a súa dimisión no órgano máximo de dirección entre plenarios do partido instrumental tras a consulta sobre o futuro de Paula Quinteiro.

Decidiu abandonar o órgano ao entender que os resultados desacreditan á dirección da organización posto que "dúas de cada tres inscritas de En Marea rexeitan participar da caza de bruxas" iniciada contra Paula Quinteiro. Por iso, decidiu abandonar o seu posto e pide que "ante os fracasos colectivos" agora débese "asumir os feitos".

Comentarios