As condutas negativas máis comúns nos centros galegos son interromper a clase ou chegar tarde

A terceira macroenquisa de convivencia apunta que 10 de cada 100 alumnos perciben casos de acoso, ciberacoso ou agresións
Alumnos de un centro escolar marchan a clase. SEBAS SENANDE (Efe)
photo_camera Alumnos dun centro escolar marchan a clase. SEBAS SENANDE (Efe)

As condutas negativas máis habituais que se rexistran nos centros galegos refírense a comportamentos na aula entre alumnos ou interrupcións ao profesor durante a clase. É unha das conclusións da III macroenquisa de convivencia realizada en Galicia e que, segundo destaca a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, confirma o "bo clima" do sistema educativo galego. 

O estudo, realizado a partir das respostas de máis de 218.000 membros da comunidade escolar, como alumnos, docentes, familias ou traballadores dos centros, dá continuidade ás macroenquisas realizadas nos anos 2015 e 2019 e servirá de base para a nova Estratexia Galega de Convivencia Escolar para o período 2021-2025. 

O 90 por cento das familias, profesorado e persoal dos centros consideran que non existen problemas de convivencia ou que en todo caso, trátase de situacións puntuais. Neste aspecto experiméntase unha mellora de 10 puntos con respecto á macroenquisa de 2015, mentres que preto do 60% dos participantes consideran que a convivencia escolar mellorou con respecto a 2019. 

Os alumnos aprecian tamén un descenso das condutas negativas en comparación con hai dous anos. Un 16% dos estudantes perciben este tipo de actitudes, unha porcentaxe seis puntos inferior ao resultado do último estudo (un 22%). 

Os comportamentos problemáticos máis frecuentes son aqueles relacionados co desenvolvemento da clase, como chegar tarde ou interromper ao profesor, e co trato aos compañeiros, como rirse deles ou pór alcumes e motes. 

Educación destaca, á súa vez, que menos de dez de cada cen alumnos enquisados perciben casos de acoso ou ciberacoso ou agresións físicas, que se sitúan á cola das situacións e condutas negativas rexistradas na enquisa. Así mesmo, a maioría de conflitos prodúcense durante os recreos ou nas inmediacións dos centros.

RESOLUCIÓN PACÍFICA DE CONFLITOS. En contraposición, máis do 80% do alumnado asegura respectar as indicacións do profesorado e adoptar comportamentos positivos como o cumprimento das normas de convivencia, atender ás explicacións ou axudar aos compañeiros 

Outros resultados apuntan a que máis do 80% do alumnado de ensinanzas obrigatorias ten máis de tres amigos no centro (preto do 80% en etapas postobrigatorias), mentres que o 91% do profesorado e o 85% do persoal non docente opina que as instalacións están ben coidadas. As condutas negativas detectadas, neste caso, son o non respecto aos materiais dos demais, pintadas ou tirar lixo ao chan. 

Máis do 80% dos enquisados manifestaron que o colexio promove a convivencia e a resolución pacífica de conflitos e máis do 75% dos membros da comunidade educativa móstranse receptivos á variedade de identidade de xénero. Doutra banda, o 90% do alumnado declara sentirse feliz ou moi feliz no seu centro e o grao de satisfacción sitúase entre o 76 e o 90% no resto dos colectivos.

NOVA ESTRATEXIA GALEGA. O titular de Educación, Román Rodríguez, participou este martes na reunión do Consello Galego da Convivencia, no que se detallaron e déronse a coñecer os resultados deste informe de diagnóstico sobre os centros galegos.

"A conclusión principal é que Galicia ten un bo clima educativo e un bo clima de convivencia nas aulas", destacou Rodríguez, en declaracións aos medios, que incidiu ademais que aquelas situacións de maior gravidade, como o acoso ou as agresións, ocupan "os últimos postos" entre os comportamentos negativos nos centros. 

Rodríguez destacou que a convivencia é un elemento "fundamental para lograr o éxito educativo" e que inflúe en todas aquelas variables que afectan á calidade e equidade do sistema. 

É por iso que a Xunta se servirá dos resultados desta macroenquisa para traballar na nova estratexia nesta materia que estará en vigor ata o ano 2025 e que atenderá, especialmente, á prevención e detección dos casos que atenten contra o bo clima nas aulas e os centros educativos galegos desde unha perspectiva "integral", dado que moitas situacións rexístranse na contorna destas instalacións ou do propio alumno. 

Comentarios