'Irmandade', elixida palabra do ano pola RAG e a Fundación Barrié

Os participantes nesta iniciativa quixeron render homenaxe ao centenario da fundación das Irmandades da Fala
O presidente da RAG, Alonso Montero
photo_camera O presidente da RAG, Alonso Montero

Irmandade foi finalmente a elixida como Palabra do Ano 2016 na votación popular promovida polo Portal das Palabras, un proxecto impulsado pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a difusión do galego.

A RAG lembrou que, con esta elección, os participantes nesta iniciativa quixeron render homenaxe ao centenario da fundación das Irmandades da Fala, así como "destacar a vixencia das súas reivindicacións".

Un século despois da fundación na Coruña deste movemento, Irmandade convértese na Palabra do Ano 2016 tras recibir 623 dos máis de 2.000 votos emitidos na segunda fase desta iniciativa, á que chegaron seis termos como finalistas.

En segunda posición, con 481 votos, quedou o neoloxismo Porcoril, que triunfou nos medios de comunicación este ano para designar o cruzamento entre o porco vietnamita e o xabaril.

En terceiro lugar, con 372 apoios, figura Alburgada. O equipo do Portal das Palabras escolleu os seis termos finalistas entre todos os recibidos na primeira fase da campaña atendendo a tres criterios: os máis populares, os de maior proxección pública ao longo do ano e os que contasen con especial significación. En 2015 o termo gañador foi Refuxiado e en 2014 Corrupción.

Comentarios