Antonio Bermúdez:''As granxas de visóns levabamos anos nun senvivir ao ver ameazado a diario o noso medio de vida''

A operación policial sorprendeu o presidente da Asociación Nacional de Produtores de Visón de España e xerente dunha das granxas sabotadas de viaxe no estranxeiro. Xa de volta, Bermúdez ábrenos as portas dun sector “endemoñado a base de mentiras”.

Pregunta:  Os produtores estarán satisfeitos tras as recentes detencións.
Resposta:  Si, porque levabamos sufrindo as soltas desde hai máis de 10 anos con danos moi cuantiosos.

P:  ¿Que pasará a partir de agora?
R: 
Pensamos que esta operación marcará un punto de inflexión nos ataques ás granxas, cos que destruían o noso medio de vida, que é unha actividade agraria lexítima e legal como calquera outra. Estabamos cansos de tantos ataques, sentíndonos permanentemente ameazados. Era un senvivir porque non sabías se ao día seguinte ías chegar á granxa e atopar o teu traballo destruído.

P:  A súa en concreto sufriu dúas soltas, en 2005 e 2007. ¿Que sente un nese momento?
R:
  Impotencia, porque esta xente poderá estar ou non de acordo co noso traballo, pero iso non é unha xustificación para destruílo.

P: ¿As soltas obrigáronos a incrementar a seguridade?
R:
  A granxa estaba permanentemente ameazada e vímonos obrigados a tela vixiada as 24 horas do día os 365 días do ano.

P:  ¿Que consecuencias teñen estes ataques ás granxas?
R:
   A primeira, que os animais non están acostumados a vivir no medio natural e a maioía morre. Logo están os danos na contorna por exemplo aos veciños atácanlle os galiñeiros–, cun perigo engadido á seguridade, porque se botan ás estradas. E a máis grave que afectan a biodiversidade e aos cotos de caza porque atacan outras especies para sobrevivir.

P:  De aí que os ecoloxistas se manifesten en contra das soltas.
R:
Claro, porque o que fai esta xente é ecoterrorismo.

P:  Eles denuncian que os animais son maltratados nas granxas.
R:
  Iso é falso. Os produtores somos os primeiros interesados en que o animal teña o mellor trato posible, porque é o noso medio de vida. Ademais, hai uns principio  de benestar animal que temos que cumprir, cunha boa alimentación, un bo aloxamento, un bo manexo e unha boa sanidade.

P: ¿Algún control o verifica?
R: Efectivamente, aparte do asesoramento dos veterinarios, as granxas recibimos as pertinentes inspeccións da Administración

P: Pois en internet circulan vídeos con imaxes moi fortes...
R: Son vídeos manipulados. O que temos claro é que esas imaxes non corresponden a granxas europeas, onde a lei é moi estrita.

P: Acaban de integrarse na asociación europea. ¿Cal é o obxectivo?
R: O principal é acabar cos ataques ás granxas, e logo compartir proxectos como o que está en marcha de etiquetado da pel para vdarlle unha garantía ao consumidor da súa procedencia e de que o animal recibiu un bo trato.

P: Porén, sempre haberá xente en contra do uso de peles en prendas.
R: E iso é moi respectable, por suposto. Eu só podo dicir que o noso é un produto ecolóxico e
natural, xa que un tecido sintético vai tardar 20 veces máis en degradarse que o visón unha vez
que se desbota a prenda.

“Galicia representa o 60% da produción nacional, que factura 20 millóns ao ano”

P: ¿Como e cando decidiu montar a súa granxa?
R: A idea tívoa meu pai, que xa estaba no sector do porcino. No 86 pensou que sería boa idea diversificar, creando unha das granxas pioneiras nun momento no que a Administración colaboraba para que os mozos nos incorporásemos ao campo.

P: ¿É este un bo negocio en tempos de crise?
R: Pois si, porque agora mesmo o noso produto está moi ben posicionado e existe unha gran demanda que non está cuberta pola oferta.

P: ¿Onde e como se comercializan as peles?
R:  Faise como pel seca en mercados internacionais, a través de 4 casas de poxas que están en Dinamarca, Finlandia, Canadá e os EE UU.

P: ¿A onde poden chegar?
R:  As peles de España estanse comercializando a nivel mundial, aínda que un dos mercados
emerxentes agora é China.

P: ¿Cantas granxas de visóns hai en España?
R:  En España hai 40 granxas, o 60% das cales están en Galicia.

P: ¿E canto facturan?
R:  A facturación depende dos prezos, pero estamos en torno aos 20 millóns de euros ao ano.

P: ¿Que comen estes animais?
R: A dieta é variada, pero está fundamentada en subprodutos de polo e peixe, xunto con cebada, cereais e proteínas. Subprodutos que, de non ser comidos polos visóns, terían que ser incinerados, de aí o seu importante papel reciclador.

P: ¿Como se sacrifican?
R: Nós sacrificámolos con gas, e polo tanto sen dor, nas propias granxas, evitándolles o estrés
do traslado a un matadoiro.

Comentarios