José Mª Bello: 'Bastante temos coa desgraza como para adiantar os cartos'

Bello Maneiro, alcalde de Valga (Foto: Pepe Ferrín. AGN)
photo_camera Bello Maneiro, alcalde de Valga (Foto: Pepe Ferrín. AGN)

O conflito de Valga, iniciado trala morte de tres persoas nun dos 14 pasos a nivel que existen neste concello pontevedrés, vai camiño de atopar solucións, tras alcanzar un acordo o alcalde (do Partido Popular), José María Bello, e Adif, para eliminar os pasos a nivel existentes na localidade. O rexedor local, que ratificou o seu cargo nos pasados comicios municipais, acadando de novo unha maioría absoluta, considera que houbo formacións políticas que empregaron este suceso para obter rendibilidade partidista e asegura que o concello está asumindo funcións que no lle pertencen.

Pregunta: Pasou un mes dende o accidente, tivo conflito con Adif...Neste tempo, ¿recibiu o apoio ou as críticas dos veciños?

Resposta: Apoio total dos veciños. E refírome aos veciños, non aos grupos políticos.

P: ¿Están agora máis calmados os ánimos?

R:  Si, agora está todo tranquilo coa confianza plena de que o acordo que vimos de asinar con Adif se vai levar a cabo.

P: Sendo un concello con 14 pasos a nivel, ¿esperaron os veciños e o concello a que acontecera unha desgraza para facer fronte e reclamar que se suprimisen estes pasos?

R: En absoluto. Existe un anteproxecto xa de 1999 onde se recollía, por parte do Ministerio de Fomento, as solucións aos pasos a nivel no noso concello. Concretamente hai dous anos tiñamos acadado un acordo co Ministerio para a supresión destes pasos. Isto demostra que non foi por falta de advertencias, comunicados escritos, por teléfono, visitas, reunións en Madrid e aquí....

P: Agora xa hai un acordo para suprimilos. Pero antes, incluso desde Adif se dixo que o alcalde de Valga ralentizou o proceso e que se negaba a acadar un acordo por cuestións políticas. ¿Que opina destas críticas?

R: Houbo intercambio de escritos coa Ministra de Fomento, onde me falaba diso e eu contestei ao mesmo contido. O alcalde de Valga non vai firmar un convenio no que se lle di que ten que anticipar até 936.000 euros para pagar tantos terreos polas obras. É unha demostración máis de que quen intentaba postergar o acordo eran eles.

Hai que cambiar o sistema de financiamento, porque non ten sentido adiantar fondos municipais sabendo que Fomento ten que ter os medios para facer as obras e non ter que depender de concellos pequenos. Xa bastante sufrimos con estes problemas como para ter que adiantar cartos. Pero facémolo para que se solucionen estes problemas canto antes. Para calquera outro caso que sexa en beneficio dos veciños fariamos igualmente o esforzo.

P: Pode dicirse que o sinistro coincidiu case cunha campaña electoral e cuns comicios municipais. Considera realmente que se fixo un tratamento político deste asunto?

R: Pola nosa parte quedou moi claro que todas as actuacións que fixemos foron técnicas e administrativas. Outra cousa se pode dicir dos demais, que creo que si que fixeron un tratamento político do problema.

P: Logo destes desencontros, finalmente houbo acordo con Adif. ¿Que cambiou dende a proposta inicial ata o que se firmou agora?

R: O acordo que tiñamos fai dous anos é o mesmo que agora, pero a diferencia é que se esixiu no paso onde ocorreu este último accidente que se fixera un paso elevado. Até o de agora había confianza plena no funcionamento pero logo do accidente non. As avarías que sufría antes eran distintas, porque o que pasaba era que as barreiras quedaban baixas. E cabrearía, claro que cabreaba, pero non era motivo de accidente. Neste caso foi o contrario e ocorreu o que ocorreu.

P: O principal problema que poñía o concello para o acordo era o económico. ¿Houbo variacións neste aspecto?

R: Pola nosa parte, unha vez máis, fixemos unha demostración de que estabamos polo labor e xa a semana pasada enviamos unha axenda na que propoñíamos modificacións no documento. Por unha parte comprometiamonos tamén a adiantar os cartos dos terreos que van a ser ocupados por eses camiños de enlace e na xestión. Pero hai que ter en conta que nós ofrecemos no convenio algo que non é normal, porque a competencia dos pasos a nivel tena o Ministerio, Adif e non o concello. E o feito de anticipar máis de 30 millóns das antigas pesetas para iso é demostración clara de que estamos polo labor.

Realmente, este é o acordo de hai dous anos que non se levou á práctica. Estaba xa escrito, non firmado, pero había escritos de Adif e do concello que amosan que chegaramos a un acordo. De feito, ese documento recolle a valoración que se fixera dos camiños de enlace e as expropiacións.

P: Agora están establecidos seis meses para rematar as obras. ¿Cre que, coa lentitude que adoita acompañar aos trámites administrativos será posible?

R: Esa era outra das cousas que demandabamos. Non estabamos dispostos a anticipar os cartos nin a firmar un convenio sen que puxeran data de finalización de obras. Tiñamos un precedente dun acordo que non se cumpriu e temiamos que non se fixera. Agora temos data de finalización de obras. E sobre os seis meses.... eu penso que é tempo máis que suficiente para poder executalas. Pero un pequeno atraso é o de menos. O importante é que haxa vontade. É a clave e o máis importante.

P:Comezan logo as expropiacións. ¿Cre que haberá algún problema?

R: Non tería sentido que se todos estamos unidos demandando algo que agora puxéramos obstáculos. Eu confío que os propietarios, que están convocados o vindeiro luns ás oito da tarde, acepten o acordo xa acadado hai dous anos para comezar a pagar xa.

Comentarios