José Manuel Muñiz, presidente de Aetinape: "Os políticos decidiron nun asunto técnico e fixemos o ridículo"

O responsable de Aetinape sempre foi unha das voces críticas coa xestión do Prestige. Hoxe, vinte anos despois, mantén a mesma tese: os políticos tomaron decisións que correspondían aos técnicos e a crise agravouse. E lanza un aviso: non estamos libres de que isto volva suceder. 
José Manuel Muñiz. AEP
photo_camera José Manuel Muñiz. AEP

Como e cando se entera da catástrofe do Prestige?

Pois estaba reunido con Enrique López Veiga no seu despacho para organizar un congreso en Vigo e, cando levabamos media hora falando, díxome: "Teño que marchar que hai problemas cun petroleiro fronte a Muxía". Lémbrome moi ben. Despois xa me foi chamando máis xente.

E como lembra aqueles primeiros momentos?

Con bastante confusión. Eu vía moi desorientada a Administración, dando paus de cego. Eles tiñan datos e nós só opinabamos polo que iamos coñecendo, pero sempre houbo dúbidas de se o que nos contaban era correcto ou se intentaba terxiversar. Nos tres primeiros días, entre o 13 e o 16 de novembro, foi cando se produciu o grande erro da Dirección General de la Marina Mercante coa procesión marítima do Prestige. Eu coñecía ben a José Luis López Sors e era unha persoa encantadora, pero estaba rodeado dun equipo de discutible capacidade.

Entón cal foi ao seu xuízo o grande erro na xestión do Prestige?

Que entrou a política a decidir nun asunto técnico que debera quedar en mans dos expertos. Non houbo mando único nin dirección técnica do operativo, só política. O Prestige, nun primeiro momento, foi un accidente provocado por un temporal, que causou unha escora e unha perda de fuel que puido quedar en pouco máis que nun susto se se fixeran as cousas como había que facelas.

Como?

Pois tomándoo como un caso de política de Estado, cun mando único e sen deixar que se metesen polo medio intereses políticos, confrarías, alcaldes... Os gobernantes ou tiveron medo ou estiveron mal asesorados. Houbo precedentes similares ao Prestige en Suráfrica ou Alaska onde, chegado o momento, viuse que era preferible facer unha varada do buque, pechar a zona e concentrar o dano nesa zona, sen arriscarse a extendelo por outros lugares.

"O Prestige puido quedar en pouco máis que un susto se se tomase como un asunto de Estado e estivese dirixido por un mando único"

Pero aquí fixeron ao revés e non vararon o barco, afastárono.

E a onde querían levalo? O que fixeron non creo que saíse da dirección da Marina Mercante, senón que se meteu a política. Aquí entrou o minifundismo de Galicia: eu non quero o barco aquí, en San Cibrao tampouco, en Ribadeo menos... Entón fixeron a barbaridade de andar remolcando o Prestige para o norte e para o sur ata que non puido máis, partiu e multiplicáronse os danos. Se decidise un grupo de expertos e o Goberno confiase neles...

Hoxe non pasaría iso, porque xa hai portos refuxio.

Non me atrevería a dicir tanto! Seguimos tendo ese concepto das cousas: mesturamos a política partidista, os votos, as eleccións e iso é o que nos preocupa. Iso é como cando tes que decidir se operas a alguén ou non: terás que deixarlle aos facultativos, non creo que teña que decidir o conselleiro de Sanidade. Quen sabe que ‘tejemanejes’ houbo entre concellos, Xunta, Moncloa... Con todos mandando, opinando e decidindo. Pola nosa forma de ser, non me atrevo a afirmar que non volverá a pasar.

Cal foi o papel de Aetinape naquela crise de hai vinte anos?

Nós xa pelexamos no seu momento polo dispositivo de separación do tráfico de Fisterra, fundamental para regular o tráfico de mercadorías perigosas fronte a Galicia e para darlle seguridade aos pesqueiros. Había quen non o quería e nós pelexamos. E sempre defendemos tamén dispor dun modelo preventivo similar ao dos países nórdicos, cunha aposta pola coordinación e pola mestura do civil e do militar. Hoxe temos unha normativa, a comisión de investigacion de accidentes (Ciaim), un plan de salvamento, investigacións xudiciais... Hai 20 ou 30 anos non había esas cousas.

"Segue habendo barcos así no mar. Na sociedade actual o interese económico está por riba da vida da xente e do medio ambiente"

Cre que o capitán Mangouras foi unha vítima neste proceso?

Mangouras estaba nas mans do armador, das aseguradoras e de múltiples intereses e tamén recibía, por outro lado, presións das administracións. Ten responsabilidade como capitán do barco, pero unha vez que hai un accidente, ten que haber un plan de continxencia que funcione correctamente. Así que en certo sentido foi unha vítima. Sempre as paga un tonto útil, pero estou convencido de que moi por arriba había outros intereses e quen decidía non eran Mangouras nin López Sors. Os que tiñan intereses políticos ou electorais presionaron aos que tiñan por debaixo para tomar decisións kafkianas, terribles e provocar a catástrofe do Prestige. Fixemos o ridículo ante o mundo.

Aínda quedan barcos 'piratas' con monocasco polo mar?

Si, si, si. Hoxe hai máis medidas de seguridade no mar, o tráfico afastouse da costa... Pero tamén cada vez hai máis barcos subestándar, de marca blanca entre comiñas, que non reúnen as condicións. Nesta sociedade, o interese económico está por riba da vida da xente e do medio ambiente.

Comentarios