A asociación animalista Libera tachou de "tolemia anticientífica" o permiso da Xunta de Galicia para a caza de xabarís –dada a "emerxencia cinexética"– e lembrou que diversos estudos científicos "non avalan as cazarías" e "mesmo as responsabiliza dunha maior natalidade na fauna silvestre".
Nun comunicado, os animalistas sinalaron que a emerxencia cinexética declarada polo Goberno autonómico permitirá, durante o próximos seis meses, liberalizar as batidas de xabaril.
"Isto significa que poden realizar máis cazarías das autorizadas nos plans dos respectivos cotos de caza", criticou a asociación, que sinalou ademais que a decisión "deixa a porta aberta a matar camadas enteiras, a usar visores para accións nocturnas ou crear cebaderos para matar máis facilmente aos suidos mentres se alimentan".
Para a agrupación, o comportamento "adaptativo" dos xabarís e a "maior presión cinexética" autorizada pola Xunta, "incluso abatendo crías", "non terá un efecto duradeiro na redución de danos agrícolas nin sobre a poboación desta especie".
Para as ditas argumentacións, Libera baseouse en diversos estudos científicos elaborados desde finais dos anos 90 como a investigación Disentangling Natural From Hunting Mortality in an Intensively Hunted Wild Boar Population publicado en 2008 e que analizou a incidencia das batidas na rexión francesa de Champagne-Ardenne: "As altas taxas de mortalidade debidas á caza eran responsables de que as femias investisen moitos máis recursos na reprodución en detrimento de a súa propia supervivencia", sinala o informe, que recolle o comunicado de Libera!.
"ESCOITAR MENOS AO LOBBY ESCOPETERO". "Con estes antecedentes, baseados na rigorosidade da Ciencia, a proposta da Xunta de multiplicar o número de batidas non só é inútil para liquidar danos agrícolas ou accidentes de tráfico, senón que sería contraproducente, ao xerar un efecto de maior natalidade", explicou a asociación.
É por este motivo que os animalistas instaron ao Executivo autonómico a "escoitar máis aos científicos e menos ao lobby escopetero", cuxas competencias "en traballos serios son, como pouco, limitadas".