miércoles. 26.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 26.01.2022
El tiempo

López: "A universidade pasou nos últimos 20 anos en toda Galicia de 90.000 a 60.000 estudantes e iso afectoulle á USC"

Antonio López Díaz (Barreiros, 1964). XESÚS PONTE
Antonio López Díaz (Barreiros, 1964). XESÚS PONTE
A piques de rematar o seu mandato, do que fai un balance positivo malia á irrupción da pandemia, o mariñano xa ten en mente os retos para os seguintes catro anos. "Queremos asentar o noso proxecto"

EN FEBREIRO haberá eleccións ao reitorado da USC e Antonio López optará á reelección. Di que o "deron todo" e que lograron manter o funcionamento en plena pandemia, da que saca tamén leccións positivas: a "cogobernanza" cos decanatos e a utilidade das novas tecnoloxías.

A USC sobreviviu á pandemia. Podemos falar xa dun curso normal?
Agora mesmo estamos nunha situación o máis parecida á normalidade, cun réxime de presencialidade case plena e sen distancia nas aulas. O que mantemos son medidas como a ventilación, hixiene de mans ou máscara.

Vostede leva moitos anos na universidade. Foi a pandemia o máis duro que lle tocou vivir?
Si. Alomenos a situación máis imprevista, con importantes cambios en pouco tempo. Dun día para outro pasamos de funcionar nun réxime normal a pechar e quedar todos na casa. Pero grazas ao traballo e á boa disposición de todos fomos quen de sacar o curso adiante, que non era fácil.

Pasamos dun día para outro da normalidade a pechar e ir para a casa, pero co traballo de todos sacamos o curso adiante

E sacou algunha lección positiva?
En todas as circunstancias hai que aproveitar o bo. Como positivo saquei que xeramos un ambiente de cogobernanza entre decanos, directores de departamentos e equipos de goberno da USC moi útil e que, de feito, seguimos empregando hoxe porque dá moi bos resultados. E logo outro elemento positivo importante é o uso das novas ferramentas telemáticas, tanto para a actividade docente como para as reunións dos órganos, que supuxeron unha mellora e quedarán para seguir complementando a presencialidade.

Que nota lle pon aos seus catro anos de reitorado?
Deixo que a cualificación a poñan outros desde fóra, pero estou satisfeito co que se fixo estes anos. Nós puxemos a máxima dedicación e nunhas circunstancias difíciles fomos quen de manter o funcionamento da universidade a nivel docente e administrativo. E malia ás circunstancias adoptamos medidas noutros ámbitos como o persoal ou as infraestruturas, con plans que trascenderán e terán continuidade no futuro.

Pero quere seguir catro anos máis de reitor, así que supoño que quedaron cousas por facer.
Sempre quedan cousas. Algunhas das que tiñamos programadas e non puidemos facer e outras que son novos obxectivos. A USC segue tendo un reto enorme en materia de relevo xeracional no persoal e no profesorado. Levamos anos executando un plan, pero temos que seguir apostando por involucrar as novas xeracións a través de figuras como o axudante doutor, que foi unha aposta de aquí; pero tamén coa consolidación no ámbito do profesorado. E o mesmo en administración e servizos, onde quedan cuestións importantes por abordar. E temos que apostar por un plan de internacionalización, especialmente no ámbito do mestrado e o doutoramento, aínda que tamén no grao, co foco en Latinoamérica. E sen esquecer todo o reto da transformación dixital.

Seguimos apostando polo relevo xeracional do persoal, a dixitalización e a internacionalización co foco en Latinoamérica

E confiará no mesmo equipo para abordar eses retos?
Estou moi agradecido e moi contento coa xente que me acompañou, pero tamén son consciente de que cada mandato é un proxecto e seguramente teñamos que facer algúns axustes na composición do equipo de goberno, tanto na propia definición das áreas como no persoal. Pero é un tema que se decidirá máis adiante.

Terá algún rival en febreiro?
Iso non me toca a min decidilo.

Pero algo sempre se escoita...
Sei que hai algúns movementos, pero non sei se se van plasmar nunha candidatura ou non. Sexa dunha maneira ou doutra, nós xa anunciamos que tiñamos ganas de seguir: queremos asentar o noso proxecto para os vindeiros catro anos e someterémolo á valoración da comunidade universitaria, sexa nun escenario con máis ou menos candidaturas.

Nestes anos a USC logrou reducir a súa débeda, que chegou a ser importante, de máis de 60 millóns.
A débeda da USC está hoxe arredor dos 17 millóns de euros. Fíxose un acordo coa Xunta para aplanar a contía que temos que afrontar cada ano co obxectivo de que en 2028 a teñamos toda amortizada. En todo caso, a débeda non é agora un problema importante para a universidade, porque representa unha porcentaxe moi pequena nun orzamento de 260 millóns de euros. Pero temos un programa de amortización e cumprirémolo.

Veñen de acordar coa Consellería de Educación o plan de financiamento para as tres universidades, con máis de 3.000 millóns ata 2026. Blinda isto o futuro da USC?
O primeiro elemento moi positivo que ten un plan así é que a universidade ten un panorama de cinco anos nos que sabe cales serán as súas dispoñibilidades financeiras, e iso é moi importante á hora de planificar e tomar decisións. É destacable que en Galicia levemos máis de 20 anos traballando con plans quinquenais de financiamento. E logo hai que valorar que a Xunta fixo un esforzo neste financiamento ata 2026, aínda que un sempre pensa que os recursos son escasos e que necesitamos máis. E por último, a USC tamén valora que a carón do plan de financiamento haxa un plan de infraestruturas, xa que neste momento temos unha serie de necesidades importantes ao respecto, como a facultade de Farmacia, a Cidade da Saúde de Santiago ou o traslado de Maxisterio en Lugo.

Deixemos xa os cartos e centrémonos na docencia. Por que perde alumnos a universidade galega?
A universidade pasou nos últimos 20 anos en toda Galicia de 90.000 a 60.000 estudantes e iso afectoulle á USC, pero estamos hoxe nunha fase de meseta ou estabilización do número de alumnos e incluso medrando e con boas tendencias en campus como Lugo, onde en catro anos experimentamos un incremento importante de ata o 40% en alumnos de primeira matrícula. E no de Santiago cúbrense todas as prazas ofertadas salvo algunhas testemuñais en Filoloxía Clásica ou Xeografía. Así que en xeral estamos nunha fase na que parou esa caída de alumnos, que en parte tiña tamén unha explicación estrutural: o feito de pasar de licenciaturas de 5 anos a graos de 4 supón un 20% menos de estudantes matriculados.

España está promocionando moito a FP e gaña matrícula. É competencia directa da universidade?
Digamos que é competencia porque os estudantes que rematan bacharelato poden optar por facer estudos universitarios ou FP superior, así que competimos polos mesmos alumnos obxectivos. Pero a min paréceme unha boa nova que medre a demanda de FP e se consolide, porque era un dos déficits que tiña este país, onde a formación profesional non acadara o nivel que merecía e que demandaba a sociedade.

E como vai a competencia coa UVigo e a UDC? Aínda que o mapa de titulacións evoluciona, segue habendo duplicidade de carreiras.
Si hai duplicidades, pero nalgúns casos están xustificadas pola demanda, así que mentres a oferta se cubra e haxa inserción para eses alumnos non hai problema. Onde temos que tomar decisións é cando temos carreiras duplicadas ou triplicadas sen demanda. Pero estamos traballando nun ambiente de máxima colaboración entre universidades e tentando ofrecer solucións para o país; por iso temos fórmulas de cooperación como os graos e másteres interuniversitarios. E seguiremos avanzando por ese camiño.

Matemáticas, a informática ou a rama sanitaria arrasan nas matrículas. Vostede que é de Dereito... volverán ter algún día tirón as carreiras históricas de letras?
Agora temos unha demanda moi alta en enxeñarías, matemáticas, física... Pero hai outros estudos de ciencias sociais e humanidades que seguen tendo moito tirón como Ciencias da Educación, Dereito, Economía, Ade... Son estudos absolutamente consolidados. Como dixen, en Compostelan non hai prazas baleiras e en Lugo onde temos algunha dificultade é con algunhas enxeñarías.

O das enxeñarías parece un problema global en España. Non cre que estes anos saturamos o mercado con tantos enxeñeiros?
Hai un fenómeno que se deu nesas titulacións e non noutras, a implosión de novos títulos, que si pode ter que ver con iso. Por outra banda, son carreiras que poden xerar certa reticencia porque se consideran estudos moi esixentes.

"En investigación a USC está entre as dez primeiras de España"

Hoxe fálase moito da falta de médicos. Habería que ampliar as prazas en Medicina?
No caso desas prazas traballamos coa Administración nunha comisión mixta que é onde se determina o número, en función da demanda de profesionais. Pero neste problema concreto, quizais máis que estudantes hai que ampliar a formación especializada ou MIR, que é onde parece que está o colo de botella. Pero se se expón que se necesitan máis prazas, a USC está en condicións de respostar dando saída á demanda.

A universidade hoxe é sinónimo de investigación. Que tal investiga a USC?
A verdade é que sempre se pode facer máis, pero se algo nos distingue é o perfil investigador da nosa universidade, que nos sitúa en magnífica posición en calquera ránking nacional ou internacional. Temos unha vocación claramente investigadora e de transferencia dese coñecemento ao tecido empresarial e isto ten moito valor. O exemplo máis recente é o Premio Nacional de Investigación 2021 para María José Alonso precisamente no eido da transferencia de tecnoloxía. Isto son palabras maiores! En investigación, a USC está sempre entre as dez primeiras de España.

Son tempos de cambio na universidade. Aprobouse a lei estatal de convivencia universitaria e está a debaterse a lei do sistema universitario (Losu). Que lle parecen eses textos?
O de convivencia era algo moi necesario, porque tiñamos unha regulación do ano 1954, así que todo o réxime disciplinario dos estudantes se baseaba nun texto preconstitucional. Houbo algúns cambios na tramitación da lei, pero en xeral aposta pola mediación, que é unha filosofía que me parece boa. Logo no ámbito da Losu tamén pasaron vinte anos da última lei orgánica en España e convén poñer ao día o réxime xeral. Estamos en fase de negociación e haberá cambios, así que hai que agardar antes de valorala.

López: "A universidade pasou nos últimos 20 anos en toda Galicia de...
Comentarios