Louzán defende no seu discurso de investidura a permanencia das Deputacións

O presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, tomou onte posesión do seu cargo reivindicando a permanencia da institución que preside "de longa e fructífera traxectoria e de notable e trascendente influencia na vida da provincia de Pontevedra".

Segundo o deputado popular, que repite mandato ao fronte da Deputación pontevedresa, pedir a supresión desta institución responde a tendencias "partidistas ou particulares". Defendeu que "as competencias das deputacións van moito máis alá do simple reparto de recursos económicos e subvencións". Con todo, Louzán amosou o seu apoio a unha posible reforma da institución que preside, para delimitar claramente as súas funcións e competencias e "adaptala ó mundo actual".

Deputados vellos e novos
Deste xeito, a Corporación Provincial de Pontevedra convértese na primeira que queda constituída, coa toma de posesión dos novos deputados provinciais. Ademais de Rafael Louzán, na actual composición repiten no cargo Xosé Crespo, Teresa Pedrosa, José Enrique Sotelo, José Juan Durán, José Manuel Figueroa e Jesús Vázquez Almuiña, todos do PP. Polo PSOE, repiten mandato Emilio González Iglesias e Juan Muradas; mentres que polo BNG continúa na cadeira César Mosquera.

Por outra banda, incorpóranse á Deputación de Pontevedra os populares Agustín Reguera, José Balseiros, Julio Alén, Jesús Fernández Portela, Severino Reguera, Corina Porro e Carlos Silva. Polas filas do PSOE, estréanse na corporación José Eiras, Isaura Abelairas, Rafael Lores, José Antonio Olmedo, José Antonio González e Juan Luciano Otero. Polo BNG, asumen o seu posto na Deputación Daniel Rodas, María Méndez, Pauliño del Río e Gabriel Martínez Giráldez.

Vai unha, quedan tres
Pese a que xa se coñecen os nomes dos que serán os presidentes das Deputacións de Lugo e A Coruña, a súa constitución aínda terá que esperar a que PSdeG e BNG pechen o pacto que lles permitirá gobernar en coalición as institucións provinciais. A de Ourense tardará aínda algo máis en constituírse. Despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ordenase repetir as eleccións nunha mesa do concello de Arnoia por presuntas irregularidades, a composición da institución provincial podería atrasarse ata despois de que se repitan os comicios neste municipio.

Comentarios