"A luz dunha cidade pode afectar espazos naturais a centenares de quilómetros"

A lumínica é unha polución que aínda semella pasar desapercibida, malia o seu prexuízo sobre a natureza e a saúde. Salvador Bará, profesor xubilado da área de Óptica na USC e membro da Red Española de Estudios sobre Contaminación Lumínica, lémbranolo.
Un técnico mide la contaminación lumínica en el cielo nocturno. EP
photo_camera Un técnico mide la contaminación lumínica en el cielo nocturno. EP

As estrelas non brillan sobre unhas cidades onde a noite practicamente xa non existe. A lumínica é unha polución que aínda semella pasar desapercibida, malia o seu prexuízo sobre a natureza e a saúde humana. A Red Española de Estudios sobre Contaminación Lumínica, na que participa Salvador Bará (Pontevedra, 1960), sostén que a solución non só pasa por apagar; tamén por acender mellor.

Como podemos definir un ceo contaminado?
A contaminación luminosa é a alteración da escuridade natural da noite producida polas emisións de luz artificial. Esa luz interacciona co aire e cos aerosois que hai nel e parte dela volve cara nós, que a percibimos como brillo artificial do ceo. Cando o ceo brilla un dez por cento máis que o natural falamos de ceos contaminados. Ese é o criterio da Unión Astronómica Internacional.

Necesitamos a cantidade de luz que normalmente se vén utilizando?
É certo que hai lugares concretos que precisarían algo máis de luz, pero o máis frecuente é xustamente o contrario: estamos usando máis luz da que necesitamos. Existe a falsa crenza de que iluminar máis axuda a ver mellor, é simbolo de progreso ou de mellor calidade de vida. Na comunidade científica sabemos que en xeral isto non é así.

Que tal andan de saúde os ceos galegos?
Os ceos galegos, como os europeos e os de gran parte do mundo, están nunha fase de progresivo deterioro debido ao aumento indiscriminado das emisións de luz artificial. Lonxe das cidades aínda preservan certa calidade, como sucede en zonas dos Ancares, Courel ou Trevinca. As comarcas intermedias son probablemente as que están a empeorar con máis rapidez.

Que consecuencias ecolóxicas ten unha incorrecta iluminación do espazo público? Datouse o seu efecto mesmo nos ecosistemas submarinos...
A vida na superficie da Terra desenvolveuse durante centos de millóns de anos baixo ciclos predicibles de luz e escuridade: a alternancia día-noite, o luar, o decurso das estacións... Un gran número de especies animais son nocturnas. A luz artificial a deshora é para elas un elemento disruptor que non lles permite experimentar as condicións características da noite. Isto ten efectos negativos cada vez mellor coñecidos grazas ás investigacións feitas neste campo. Ao iluminarmos calquera espazo exterior parte da luz vai inevitablemente a lugares que deberían estar escuros. Convén lembrar que por cada partícula de luz que captan os nosos ollos na rúa hai vinte e dous millóns de partículas de luz artificial que se perden cara a contorna. Nas nosas investigacións comprobamos que a luz dunha cidade pode afectar espazos naturais que se atopen a ducias e mesmo a centenares de quilómetros dela.

E para a saúde humana?
A especie humana, xaora, non está fóra das leis da bioloxía. Nós tamén precisamos dos ciclos regulares de luz e escuridade para ter unha vida sa. As persoas competentes en ciencias da saúde insisten na importancia de deixar que o día sexa día e a noite noite. Actualmente, porén, pasamos gran parte da xornada laboral en interiores con moita menos luz da que hai no exterior mentres que polas noites facemos xustamente o contrario: estamos expostos a máis luz da debida. Diminuímos así o contraste día-noite que é fundamental para a nosa saúde.

O ceo estrelado é fonte inesgotable de coñecemento científico e creación cultural. Temos dereito á luz das estrelas

Nin o debate nin as advertencias sobre a contaminación lumínica son novas. Como vén evolucionando a tendencia respecto a ela?
Efectivamente, non son novas. A contaminación luminosa está xa presente na Convención das Nacións Unidas sobre a Contaminación do Aire, que vén de 1979. A súa presenza en documentos oficiais non fixo máis que medrar. Nos últimos anos a Organización Mundial da Saúde, a Unión Astronómica Internacional, a Convención sobre Especies Migratorias ou a Unión Internacional para a Conservación da Natureza, entre outras, adoptaron resolucións específicas sobre este tema. E está xa na axenda da Unión Europea, despois da petición expresa dunha "ambiciosa redución do uso de luz artificial exterior" no horizonte 2030 formulada polo Parlamento Europeo á Comisión en xuño do pasado ano.

O cambio nas rúas cara as luces LED foi un paso atrás?
Este cambio está tendo resultados contraditorios. Por unha banda os LED permiten aforrar enerxía se se usan ben. Por outra, a súa eficiencia enerxética está a provocar un certo efecto rebote polo cal se instalan máis luces das necesarias, ao reducirse inicialmente o prezo efectivo da luz. Isto levou a non poucos concellos a licitar instalacións sobredimensionadas, non só fachendosas senón contraproducentes. O resultado é un exceso de iluminación ornamental de fachadas de edificios, árbores, pontes... Mesmo hai casos de ribeiras e paseos fluviais iluminados como se fosen rúas comerciais. A ollos dun científico isto non é progreso. Desde o punto de vista da necesaria preservación da noite isto son pasos atrás.

Cales serían as prioridades de actuación neste senso?
O enfoque correcto é xestionar a luz artificial pola noite como o que é: un axente contaminante moi útil. Un contaminante clásico, tal como recoñece a comunidade científica, e á vez un recurso de indubidable utilidade para a actividade humana. Ter iso presente leva de forma natural a usar a luz con prudencia e certa mesura. O contrario do que vemos nalgunhas alcaldías fotófilas, por certo.

Promociónase turisticamente os destinos Starlight, como Pena Trevinca ou o Parque Nacional das Illas Atlánticas, pola súa calidade para a observación da estrelas. Ao final, para lograr obxectivos ambientais, non queda outra que levalo todo á vía da rendibilidade económica?
O ceo estrelado é unha fonte inesgotable de coñecemento científico e creación cultural que é hoxe patrimonio inmaterial de toda a humanidade. Non podemos permitirnos perdelo. É boa opción crear zonas especiais para preservalo? É unha pregunta interesante. En certos casos pode axudar mais non é a opción ideal. Todas as persoas temos dereito á luz das estrelas.

"Alemaña ou Austria iluminan con moita menos luz e non semellan sociedades atrasadas"

Vanse dando os suficientes pasos desde o ámbito lexislativo contra a contaminación lumínica?
Falta o paso comentado antes: tratar a luz como un recurso útil que inevitablemente contamina. E quero insistir no de inevitablemente. Non podemos facer instalacións de luz exterior que non contaminen, aínda que si podemos facer que a contaminación total se manteña dentro dos límites que colectivamente nos marquemos.

Hai comunidades ou outros países que poidan servir de referencia?
A contaminación luminosa é un problema de alcance mundial. Porén, países da Europa central como Alemaña ou Austria iluminan as súas cidades, vilas e estradas con moita menos luz que Galicia e non semellan seren sociedades atrasadas nin teren economías deprimidas ou peor calidade de vida por iso.

Comentarios