Máis de 90 concellos galegos xa teñen contedores de lixo subterráneos

Contenedores subterráneos de lixo en Compostela (Foto: Juan Castro)
photo_camera Contenedores subterráneos de lixo en Compostela (Foto: Juan Castro)

O contedor tradicional tende á desaparición, aínda que seguirá predominando no mobiliario urbano e rural e farao durante algúns anos máis. Malia todo, son xa máis de 90 os municipios galegos os que contan, nalgún punto, con contedores subterráneos, que aspiran a substituir cunha estética máis adaptable ao entorno aos de toda a vida.

Este ano, remataron os traballos de tres novas instalacións na Carballeda de Avia unha en Petín, outra en Pedrafita e dous en Cariño, segundo a Consellería de Medio Ambiente sumándose a outros "pioneiros" como O Porriño, Santiago, Ribadavia, A Rúa ou O Carballiño.

Aforro na recollida
Os obxectivos destes contedores van máis alá da cuestión estética urbana xa que permiten o aforro, que se orienta en diferentes direccións.

Por unha banda, optimízanse os custos de recollida, porque aumenta a capacidade de almacenamento respecto ao contedor tradicional. E, tamén se aforra na reposición de contedores, que ao non estaren expostos a agresión vandálicas e meteorolóxicas se manteñen en bo estado durante máis tempo.

Evitar cheiros é outra das prioridades dos depósitos de residuos subterráneos, que á súa vez pretenden promover a recollida selectiva no ámbito doméstico ó poñer a disposición do cidadán diferentes ocos polos que canalizar as bolsas de lixo en función do contido.

Por provincias, A Coruña é que máis estendido ten estes contedores, xa que un total de 38 municipios contan con alomenos unha instalación destas características. En Pontevedra son 25, en Lugo 14 e en Ourense 13.

Inversións
Para lograr todos estes obxectivos, investíronse -a través de fondos propios e fondos de cohesión- máis de oito millóns no último lustro, co fin de dotar a cidades e municipios de outros modelos de contedores.

No que vai de ano, executáronse obras por un valor de 614.810,69 euros, se ben esa cantidade se verá incrementada coa obras que nestes momentos están en execución.

Comentarios