O mapa de incidencia da covid nos municipios poderá consultarse desde este venres de forma online

O mapa de incidencia da covid-19 nos municipios galegos poderá consultarse desde este venres, día 9 de outubro, nunha nova sección da web de información sobre o coronavirus que ten habilitada a Xunta -www.coronavirus.sergas.gal-. 

Diso deu conta o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, na que indicou que a páxina incluirá información "pormenorizada" por concellos de acordo cos parámetros consensuados entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). 

A Administración autonómica sinalou que se trata dunha mellora na presentación dos datos de evolución da infección por coronavirus, tanto en contido como na súa representación gráfica. 

Deste xeito, poderá accederse á información a través de dous mapas, un para os casos acumulados no sete días e outro para os acumulados nos últimos 14. Ademais, estableceranse niveis de alerta -verde, amarelo, laranxa e vermello- segundo os concellos de menos de 50.000 habitantes e os de máis de 50.000. 

Esta sección web mostrará, ademais, o impacto actual da enfermidade en Galicia con indicadores que reflicten pacientes con infección activa; pacientes actualmente hospitalizados en coidados intensivos; pacientes contaxiados, curados e falecidos; casos confirmados por PCR nas últimas 24 horas e total de probas PCR e serológicas realizadas. 

Ademais de mostrar a información de Galicia, poderanse obter os indicadores por área de saúde e a distribución de datos de hospitalizados e UCI por hospitais públicos e privados. 

Comentarios