Martes. 25.09.2018 |
El tiempo
Martes. 25.09.2018
El tiempo

En Marea acusa o PP de "gobernar ao servizo" de Audasa e esixe a transferencia da AP-9

La AP-9. AEP
La AP-9. AEP

Rexistra unha iniciativa no Congreso para esixir a fin dos "privilexios fiscais" que, aseguran, ten a empresa concesionaria

En Marea acusou o Partido Popular de "gobernar ao servizo de Audasa", a empresa concesionaria da autopista AP-9, e pediu ao Goberno estatal que levante o veto ao debate no Congreso da transferencia a Galicia desta infraestrutura. A formación rupturista fai estas reclamacións a través dunha nova iniciativa rexistrada na Cámara baixa este venres, na que tamén esixe aos populares que acaben cos "privilexios fiscais" que ten esta concesionaria que, segundo denunciaron, goza dunha "exención fiscal do 95% do Ibi —imposto de bens e inmobles—". 

O parlamentario autonómico Antón Sánchez e a deputada no Congreso Alexandra Fernández foron os encargados de dar a coñecer en rolda de prensa esta iniciativa que, ademais, propón que, no momento que o Goberno "aprobe o rescate", este se aplique nos "seguintes orzamentos" e non nos vixentes. Esta fórmula, conforme sinalou Fernández, supera o argumento do veto que esgrime o PP de que non se poden modificar as contas en vigor. 

"Temos claro que o PP e Audasa están sendo o tándem permanente do espolio. Audasa está fóra de todo control democrático e o Partido Popular é quen se encarga de facerlle o xogo sucio", denunciou a deputada das Cortes Xerais.

"SILENCIO CÓMPLICE DE FEIJÓO". Pola súa banda, o viceportavoz de En Marea na Cámara galega, Antón Sánchez, denunciou que "todo isto ocorre" co "silencio cómplice" do titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "exerce de mandado do poder e non de presidente de Galicia". "Feijóo e os deputados do PP no Congreso e no Parlamento galego neste asunto son a 'Procesión dos Caladiños'", considerou. 

Ademais, o tamén líder de Anova denunciou a "parálisis" do xefe de filas dos populares galegos ante unha nova subida das peaxes da AP-9 que, conforme censurou, incrementará este ano as súas taxas "máis do dobre que a media do Estado por varios motivos, responsabilidade a maioría deles de decisións tomadas por gobernos do PP". 

"Pagan os cidadáns galegos e, mentres, Feijóo mira para outro lado e intenta desviar a atención endosando a responsabilidade aos gobernos socialistas cando son ambos, socialistas e populares, os responsables de todo isto", apuntou. 
 

En Marea acusa o PP de "gobernar ao servizo" de Audasa e esixe a...
Comentarios