miércoles. 05.08.2020 |
El tiempo
miércoles. 05.08.2020
El tiempo

Marea Galeguista preséntase ás eleccións coa intención de ser "decisiva"

Presentación de Marea Galeguista. EUROPA PRESS
Presentación de Marea Galeguista. EUROPA PRESS
A coalición decidirá a semana que vén o seu candidato á Xunta na "procura do santo graal" do "recoñecemento de Galicia como nación" 

A coalición de En Marea, Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista concorrerá ás eleccións autonómicas do 12 de xullo baixo o nome de Marea Galeguista, que se presenta como "o inicio dun futuro político diferente para Galicia" e coa intención de que "sexa un factor fundamental e decisivo porque a sociedade galega o demanda". 

Así se expresou este sábado o portavoz de En Marea, Pancho Casal, na presentación levada a cabo no parque de Bonaval, en Santiago de Compostela, aínda que non será até a semana que vén cando a coalición elixa as súas listas e o seu candidato á Presidencia á Xunta. Casal asegura que "Galicia levaba moitos anos esperando que houbese unha alternativa deste tipo", "cidadá", "galeguista" e "baseada no soberanismo", no marco dun proxecto "transversal, inclusivo e aberto". 

Marea Galeguista preséntase ás eleccións cun eixo programático de 20 puntos con prioridades como o feminismo, a ecoloxía, o galeguismo e a aposta polos servizos públicos. 

Despois de que o vento tirase as bandeiras de Galicia e da Unión Europea que se atopaban detrás dos comparecentes, o acto comezou coa toma da palabra da coportavoz de En Marea, María Chao, quen explica que esta plataforma ten como fin "ser o punto de partida da reconstrución do país".

O feminismo, a ecoloxía, o galeguismo e a aposta polos servizos públicos son algunhas das prioridades do programa da coalición

"NA PROCURA DO SANTO GRAAL". Pola súa banda, o secretario xeral de Compromiso por Galicia, Juan Carlos Piñeiro, valorou que se acadou este acordo para axuntar "distintas sensibilidades" nun discurso con referencias a Castelao, Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro. 

A continuación, Francisco López, Chesqui (Partido Galeguista), remarcou que con esta coalición séguese "un camiño na procura do santo graal" do "recoñecemento de Galicia como nación". Mentres se tenta "conseguir a unidade" de "todas as forzas de obediencia galega", quixo tamén "desexarlles o mellor" aos seus "irmáns" de Anova e BNG. 

Así mesmo, Milagros Corral (CxG) resaltou a "importancia" da Unión Europea para Galicia; á vez que o presidente do Partido Galeguista, Manuel Soares, deixou claro que esta "non é unha forza de esquerdas nin de dereitas", senón que o que os agrupa "é a nación" e "a emerxencia nacional". 

En Marea, Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista negociaron na última semana esta coalición. En Marea decidiu non presentarse ás eleccións do pasado 5 de abril, pero nesta ocasión, pesaron máis as voces que quedan na formación e que apostan por concorrer cunha nova alternativa. 

Compromiso por Galicia si que presentara candidaturas nas catro provincias, aínda que tamén asinara unha coalición nas pasadas eleccións (Nós Galeguistas) xunto a Vía Nova Galicia, segundo figura na xunta electoral.

Marea Galeguista preséntase ás eleccións coa intención de ser...
Comentarios