En Marea pacta unha prórroga para as primarias nunha asamblea cargada de tensión

As divisións na coalición afloraron durante a xornada deste sábado en Santiago con continuas interrupcións e cruces de reproches

Os críticos coa dirección de En Marea, agrupados na denominada Mesa da Confluencia, lograron ampliar o prazo do censo para participar nas eleccións internas aos órganos de dirección do partido instrumental, que se celebrarán entre o 1 e o 3 de decembro a través dun sistema de candidaturas.

Deste xeito, o plenario que este sábado ten lugar na Facultade de Ciencias Económicas de Santiago tombou con 283 votos a favor e 258 en contra a proposta da Mesa da Confluencia para que as primarias levasen a cabo a través de listas abertas e candidaturas individuais.

Así, as emendas dos críticos aos documentos oficialistas recibiron un respaldo desigual nas votacións. Só lograron sacar adiante a relativa á ampliación do período para inscribirse no censo, que permanecerá aberto até o 23 de novembro, mesmo día que quedará clausurado o prazo para o rexistro de candidaturas para optar a un posto no Consello.

Deste xeito, mantense a proposta da dirección de repetir o modelo de candidaturas para optar ao Consello das Mareas que se empregou no primeiro e último proceso ao órgano máximo de dirección entre plenarios do partido instrumental.

DIVISIÓN E CLIMA BRONCO

O plenario deste sábado está a desenvolverse baixo un clima de forte división, con continuas interrupcións e reproches cruzados entre os sectores oficialistas, que apoian á dirección que encabeza Luís Villares, e os críticos, agrupados ao redor da Mesa da Confluencia, iniciativa de Compostela Aberta que aúna a partidos como Anova, EU, Podemos e as mareas de Ferrol e A Coruña, entre outros.

Ademais, este mesmo sábado En Marea elixirá os membros do Comité Electoral encargado de pilotar o proceso interno. Farano despois de ser aprobada unha emenda presentada tamén polo sector crítico.

A elección realizarase con voto en urna e o reconto levaráse a cabo unha vez conclúa o plenario. Será no local de En Marea, debido ao atraso nos horarios da orde do día do plenario, que chegou a estar suspendido durante máis de media hora nos que se viviron momentos de tensión.

BEIRAS CHAMOU Á UNIDADE

O histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras reclamou "unidade" ao redor de En Marea como espazo que superou o modelo de "coalición" para dar paso a un proxecto político propio como expresión da "unidade popular" ao que os seus representantes "non poden traizoar".

"Se somos animais racionais, debe acabar primando o proxecto de unidade popular, que non é un proxecto de porse de acordo e facer unha coalición. É a participación directa da cidadanía do común para que sexa protagonista", remarcou.

"O que pasa é que todos vimos de culturas e hábitos da política partidaria, convertida ás veces en partidista. Especialmente cando se trata de cidadáns que son cadros de formacións políticas existentes previamente", remarcou, antes de apelar a unha "reeducación" para superar esta situación.

Así mesmo, volveu a cargar contra a actitude de certos deputados de En Marea no Congreso que, segundo Beiras, "están a facer un acto de rebeldía" cando "non recoñecen ao plenario para render contas". 

Comentarios