María Loureiro: "Só está pagado en torno a un 5% da factura millonaria do Prestige"

Esta pontenovesa incluída na lista de científicos de maior impacto mundial dedicouse en corpo e alma a avaliar o custo económico e ambiental da catástrofe do Prestige, un traballo complexo empregado pola Fiscalía para reclamar indemnizacións no xuízo pola marea negra
María Loureiro. XESÚS PONTE
photo_camera María Loureiro. XESÚS PONTE

Exercía a docencia na Universidade Carlos III de Madrid o día do accidente do Prestige, aquel fatídico 13 de novembro de 2002. Tras ver as primeiras imaxes na televisión, María Loureiro soubo que algo moi malo ía acontecer e non se enganou. Daqueles anos que pasou estudando os danos ocasionados por un dos maiores desastres medioambientais da historia da navegación lembra os esforzos para conseguir datos ou a cantidade de información que recabou e gardou "nunha carpeta chea de infinitos PDF". Pero o que máis lle gustou dese tempo foron as conversas que mantivo con pescadores e voluntarios. Houbo feridas importantes que non puido medir, como as psicolóxicas.

Traballou coa Fiscalía nunha pericial na que se cifrou o custo do vertido de fuel do Prestige en 4.442 millóns de euros, unha estimación que vostede dixo que se efectuara incluso á baixa ante a dificultade para cuantificar todos os danos. Foi moi complexa aquela análise?
Foi unha estimación á baixa porque, por exemplo, houbo perdas á biodiversidade non comercial importantes que non puidemos avaliar por falta de datos. Tampouco puidemos contemplar impactos referentes á saúde da poboación residente, como os pescadores. A análise foi complexa, pero considero que tamén necesaria.

O xuízo no que se presentou a pericial foi no 2013. Puido seguir medrando a factura da catástrofe?
Desde que rematou a pericial non houbo novos estudos de impacto ou seguimento, polo que non podemos dicir nada ao respecto.

O desastre do Prestige pode considerarse un dos incidentes máis custosos da historia?
Si, porque tivo unha inmensa pegada ambiental. Esta fin de semana, repasando a pericial, relía que fora a segunda marea negra da historia con máis mortalidade de aves, por exemplo.

Imaxine que alguén que ten agora 20 anos e non viviu aquela traxedia nin o proceso posterior lle pregunta se a factura millonaria do Prestige se pagou total ou parcialmente ou se non houbo compensación algunha. Que lle contaría?
Diríalle que da factura está pagado só en torno a un 5%, pero que non se desanime. Polo menos, comezamos a chamarlle factura millonaria, polo que oxalá sentaramos un precedente para o futuro. Un precedente en canto á consideración do dano ambiental e social no proceso de reclamación, incluíndo máis conceptos que os meros custos de limpeza, restauración e compensación a pescadores.

España aínda agarda polos 885 millóns de euros de indemnización reclamados á aseguradora do buque tras un longo periplo xudicial. Confía en que se cheguen a cobrar?
A verdade é que non me atrevo a dicir nada ao respecto, porque o dereito non é o meu ámbito. O que si é certo é que nun proceso que se alongue durante tantos anos, cada vez se fai máis difícil que as partes se fagan responsables.

Que sectores e ramas de actividade foran os máis afectados?
O sector de pesca e o marisqueo e o do turístico. En ámbolos casos houbo perdas de imaxe dos produtos galegos e dos destinos turísticos bastante importantes.

A pesca segue a sufrir, aínda que sexa de forma invisible, as consecuencias da marea negra?
En certa maneira si, pois segue a sufrir distintas mareas negras. Hai vertidos pequenos e augas contaminadas, por exemplo.

Imaxino o difícil que foi cuantificar o impacto deste desastre sobre a saúde das persoas. Como o fixeron e que conclusións obtiveron?
Contamos todos os custos de hospitalización e tratamento de voluntarios e persoas que limparon. Eran bastante importantes, pois ascendían a 5,2 millóns de euros. Estes foron os únicos datos que atopamos a través de Cruz Roja pero, loxicamente, gustaríanos ter feito unha análise moito máis exhaustiva e a medio prazo.

Que danos provocados por esta traxedia non se puideron cuantificar pero deixaron fondas feridas?
O estrés e os danos psicolóxicos da poboación residente, ou o desánimo e desinvestimento no sector pesqueiro local, entre outros.

"Os barcos que pasan pola nosa costa aínda teñen límites de compensación baixos"

Nun caso como o do Prestige é difícil atopar algo positivo máis alá da solidariedade e a implicación social pero, cre que se aprendeu algo?
Non me atrevo a dicir que se aprendeu. Facemos mellor prevención, iso si, pero os barcos que pasan pola nosa costa aínda teñen límites de compensación establecidos polos Fondos internacionais de indemnización de danos debidos á contaminación por hidrocarburos (Fidac) relativamente baixos para cubrir catástrofes así, con 1.000 millóns de euros. É dicir, seguimos un tanto desprotexidos, a pesar de que subiron o límite dos 150 millóns que lle aplicaron ao Prestige. De todos os xeitos, é unha lección tan cara que en calquera caso é mellor non experimentala nunca xamais.

Cre que unha catástrofe desta magnitude pode morrer socialmente?
Penso que non. Unha catástrofe así debemos lembrala con respecto. Non sería bo que morrera e caera no olvido.

Comentarios